Son moitas as voces de alarma dadas por entidades conservacionistas acerca da diminución en toda Europa de moitas aves comúns. Grazas a programas de voluntariado -como o SACRE e o SACIN, enmarcados na chamada "ciencia cidadá"-, podemos ter datos concretos e fiables acerca da evolución das poboacións de paxaros como cucos, rulas comúns, paspallás e bubelas, entre moitos outros. Sirvan estas mesmas especies como exemplos de aves antano comúns e que, por causa do cambio climático, o abandono da agricultura e gandería tradicionais, os pesticidas e a caza abusiva hoxe en dia escasean ou mesmo desapareceron xa de vastas áreas. O ocaso do cuco podería ter que ver cun desaxuste no seu ciclo anual: logo de pasar o inverno en África busca nas nosas latitudes ao longo do mes de abril niños con ovos de aves máis pequenas para parasitalos, poñendo un ovo seu idéntico ao dos incautos hospedadores. O cuco precisa que sexan postas recentes, para dar tempo ao seu embrión a desenvolverse e nacer a tempo para expulsar do niño -literalmente- os ovos que alí se atopen. O problema é que, cunhas primaveras adiantadas por causa do quecemento global, acelerado por causas humanas, o cuco non atopa niños no momento correcto, fracasando a miúdo na parasitación. Tras moitas temporadas encadeando fracasos de cría, o cuco simplemente desaparece.

Outro fracaso, o relacionado coa agricultura e gandería pretendidamente sustentable, está detrás do colapso poboacional de bubelas, rulas comúns e paspallás, entre outras especies. Menos hectáreas de cultivos tradicionais e menos cabezas de gando en réxime extensivo supón perder hábitats abertos ou en mosaico, sempre ricos e moi produtivos, e polo tanto xéranse peores condicións de alimentación e cría para estas especies. Se sumamos a forestalización desenfreada con especies de crecemento rápido, o maior uso de pesticidas e herbicidas e unha caza abusiva no caso da rula común e o paspallás e directamente ilegal no tocante á bubela obtemos o desastre.

Na comarca da Coruña quedan aínda cucos, rulas comúns, paspallás e mesmo bubelas, que por certo estarán a piques de chegar de terras máis sureñas nestas datas. Pero voltarán apenas unhas poucas parellas, sendo tan só ecos dun pasado máis propicio para elas. Se non mudan as cousas, en poucos anos desaparecerán. Un día a última parcela agrícola tradicional plantarase con eucaliptos. As últimas vacas, ovellas e cabalos esvaeceranse dunha paisaxe aínda máis dominada polo cemento e o asfalto. E con eles, as últimas aves de contornas agrícolas, unidas aos noso tamén ameazado folclore. Estaremos a tempo de salvalas?