Crónica dos inicios da Agrupación Socialista da Coruña. 1891-1904 foi presentada o pasado luns na sede do PSOE polos seus autores, Ana Romero Masiá, Carlos Pereira Martínez e Daniel Méndez Vázquez. A primeira deles salienta as dificultades que pasaron os primeiros socialistas coruñeses a finais do século XIX, xa que o movemento anarquista era maioritario na cidade naqueles anos.

-Como xurdiu a iniciativa de facer unha historia dos comezos do PSOE coruñés?

-Foi unha idea de Suso Mosquera, quen foi secretario xeral de UGT Galicia moitos anos e que morreu o mesmo día en que o libro saía do prelo. Comezou a recompilar datos e formou un equipo no que me invitou a participar para publicar o libro.

-Foi difícil atopar documentos sobre aqueles anos, nos que seguramente o partido non tería moitos medios?

-Nin medios nin afiliados. Tivemos que recorrer á prensa e baleirar moitos periódicos. Sobre os primeiros momentos nos que se funda a agrupación hai moi pouquiña cousa e despois o traballo percorre ano a ano os seus primeiros quince anos ata 1904, no que falece a persoa que foi o referente máximo do partido naquel tempo, o canteiro José Rodríguez.

-Como foi o nacemento da agrupación?

-Como a de todas, foi un grupiño de amigos que decidiron fundala. Non tiveron axuda de fóra, xa que foi unha iniciativa illada e de xente con formación autodidacta, como canteiros e tipógrafos, que sempre estiveron moi vinculados ao Partido Socialista.

-Foron anos difíciles para o PSOE coruñés?

-Si, porque o movemento sindical na cidade estaba moi controlado polo anarcosindicalismo e a maioría dos gremios estaban agrupados na Federación Local Obrera. A aparición dunha organización rival non foi fácil, xa que houbo rancor e discusión. Pablo Iglesias veu catro veces á cidade para animar á xente, pero tívoo moi difícil porque boicotearon as súas intervencións porque aquí había anarquistas moi expertos.

-Fala do sindicalismo no nacemento da agrupación porque daquela UGT e o PSOE estaban unidos.

-Non había diferenciación entre as dúas organizacións, xa que tiñan os mesmos líderes.

-Como foi o crecemento do partido?

-Foi moi lento e con momentos moi difíciles, como a guerra de Cuba, na que Pablo Iglesias dixo a famosa frase de "A Cuba todos o ninguno", polo que no 1896, no que o problema era candente, os periódicos burgueses silenciaron a súa visita á cidade. Tamén houbo moitos problemas cando os socialistas quixeron colaborar coa Comisión de Reformas Sociais, xa que os anarquistas o rexeitaban, o mesmo que a celebración do Primeiro de Maio. Cando se facían folgas non eran de tipo xeral, senón contra un determinado patrón e dependendo do número de afiliados a un ou outro sindicato, triunfaban ou non. Había ademáis boicots ás familias socialistas como cando a partir de 1916 Severino Chacón recolle o facho de Rodríguez no partido.

-Cando se puido decir que o partido estivo consolidado?

-A principios do século XX ou mesmo antes, xa que eran poucos afiliados pero con moita conciencia e que mandaban moitas crónicas ao periódico El Socialista, no que A Coruña saía en repetidas ocasións. Eran poucos pero facíanse escoitar.

-Houbo que esperar á chegada de Chacón para que o PSOE tivera maior forza?

-Iso foi porque logrou incorporar a colectivos femininos como as traballadoras da Fábrica de Tabacos e de Mistos, ás tecedoras e a parte das do porto, o que supuxo un número elevado de afiliados.

-Debería continuarse a investigación sobre a historia do PSOE coruñés?

-É unha idea. Hai que seguir porque hai estudos máis parciais como a biografía de Severino Chacón, pero non estaría de máis continuar nesta forma de crónica, na que se ve que todos os anos hai cousas moi comúns como os Primeiros de Maio e outros acontecementos que os significan, polo que é válido e útil para ter unha valoración global.