Para Manolo Arias, o noso pirata

A figura de Francis Drake (1543-1596) estivo asociada secularmente por estas terras a dous infames comportamentos: o de pirata espoliador dos recursos españois e agresor da Coruña. Por outra banda, a derrota que sufriu cando en 1589 atacou a cidade converteuse nun fito fundamental na historia herculina, como expresión das virtudes heroicas dos nosos devanceiros.

Un personaxe universal

A salientable presenza de Drake en moitos lugares do mundo deixou numerosas e diversas pegadas. As súas continuas incursións por augas e terras do imperio español empezaron nos anos setenta do século XVI e remataron dúas décadas despois, coa súa morte nas costas da actual Panamá. Polo medio, realizou dous ataques á zona de Vigo, en 1585 e 1589, a Cádiz en 1586 e a Las Palmas en 1595.

En Inglaterra está considerado como unha sobranceira figura da súa historia e aparece honrado en diferentes lugares e museos. Así, a estatua de Sir Francis ocupa un lugar destacado en Plymouth, cidade da que foi alcalde. En Londres, no río Támesis, exhíbese unha réplica do seu emblemático barco Golden Hind ( Cerva Dourada), que vai acompañado dunha explicación ben parcial do conflito hispano-inglés/holandés. Nela os nosos veciños agachan os seus intereses polos mercados americanos aparecendo como tolerantes e abertos fronte os fanáticos e controladores españois. É verdade que a Coroa hispana limitaba o comercio coas súas colonias mais con posterioridade, cando eses países gozaron de territorios, estableceron tamén os correspondentes monopolios.

Asemade atopamos a Drake na literatura. O propio Lope de Vega Carpio escribiu unha crónica de Indias baseada na derradeira viaxe do mariño (1595-96), La Dragontea (1598), un poema épico en dez cantos. Máis próximas e coñecidas resultan as diversas referencias do grande escritor Gabriel García Márquez á presenza do navegante inglés polo territorio da actual Colombia. En Cien años de soledad, falounos do seu paso por Riohacha en 1596 e no libro de memorias, Vivir para contarla, tamén lembrou a Drake.

Pirata peculiar

Francis Drake foi comerciante de escravos, negreiro, e pirata. Ou máis ben corsario, pois a raíña Isabel I e persoeiros da Corte actuaban como activos emprendedores fornecendo de recursos económicos ao mariño co fin de que este realizara expedicións cun dobre obxectivo, danar os intereses españois e, algo moi importante, xuntar un rico botín, que era repartido á volta entre os diversos socios. Polo tanto, se Drake foi responsable de ataques sen previa declaración de guerra, maior sería a culpabilidade dos seus amos. E a xefa dese grupo era a propia raíña, con quen, por certo, quixera casar o hispano rei Felipe II.

Unha figura utilizada

As accións de El Draque, que era como se escribía por estes lares o seu nome, foron obxecto de interesadas interpretacións. Así, as autoridades españolas fixeron fincapé nas artes traidoras do mariño inglés para xustificar erros propios, como, por exemplo, o deficiente deseño defensivo da costa peninsular e, sobre todo, das colonias americanas no Pacífico. En Galicia, e falando de aproveitar a súa figura, non deberíamos esquecer a utilización que realizou dela a xerarquía da igrexa compostelá. O seu ataque á Coruña serviu de escusa para xustificar a incrible desaparición dos supostos restos do Apóstolo Santiago o Maior. Por máis de 300 anos, si, leron ben, tres séculos, estiveron en paradeiro descoñecido as principais reliquias da catedral e a responsabilidade foi atribuída, como non, ao temor a que as lévase o malvado Drake (quen, por certo, non era católico pero si un fervente cristán), cando as razóns da desaparición foron outras e nada desinteresadas.

Grande navegante

Negreiro, corsario, utilizado polo poder local, porén neste episodio queremos salientar a Francis Drake como un excepcional navegante, e boa proba diso foi a súa pioneira viaxe de circunnavegación. En 1519 saíra de Sevilla unha flota española ao mando do portugués Fernando de Magallanes, quen tras a súa morte foi substituído no mando polo guipuscoano Juan Sebastián Elcano, que conduciu a expedición de retorno, completando en 1522 a primeira volta ao mundo. A viaxe de Drake, 1577-1580, figura como a primeira circunnavegación realizada baixo o mando dun único capitán.

De Plymouth partiron catro buques. Á altura das illas de Cabo Verde Drake capturou o mercante Santa María, e colleu preso ao piloto portugués Nuno da Silva. Atravesaron o Atlántico e con tres barcos chegaron ao estreito de Magallanes, que só pasou un deles, o Pelican. Un galeón duns trinta metros de longo ao que Drake lle cambiou o nome antes de entrar nese paso polo de Golden Hind. Superada a moi complicada travesía do estreito, a expedición inglesa atopouse con toda a costa do Océano Pacífico desprotexida, coas autoridades españolas moi sorprendidas pola chegada ao que denominaban o "lago español" dun continxente inimigo. Cuns cen homes, Drake atacou e capturou embarcacións e saqueou diversas poboacións. Mais tamén explorou eses mares e mesmo dise que intentou atopar o paso do noroeste para volver a Europa, unha saída pola parte norte do Pacífico, e se conxectura que chegou á altura do actual Vancouver. Á final deu a volta cara o sur, en agosto de 1579 dirixiuse ás Molucas e o 26 de setembro de 1580 rematou a expedición en Plymouth.

Drake tiña unha longa e intensa experiencia como mariño e coa inestimable axuda de Nuno da Silva utilizou os máis modernos coñecementos náuticos do seu tempo, que incluían compoñentes científicos e outros derivados da práctica da navegación. De feito, o éxito das grandes travesías dependían moito desa experiencia e, dadas as enormes dificultades, da sorte. Nelas o principal problema para un navío era o de fixar con precisión a súa posición, coñecer en que latitude e lonxitude se atopaba. A latitude indícanos a distancia ao ecuador terrestre e os mariños podían calculala dun xeito doado, observando a duración do día ou a altitude do Sol, ou estrelas indicadoras no horizonte. Drake usou o astrolabio para coñecer a altura do sol.

O problema secular foi o do cálculo da lonxitude, a situación leste-oeste, ou sexa a distancia, medida no paralelo en que se atope un buque, ao que se considere "meridiano 0". A Terra da unha volta cada 24 horas, 360 graos, polo tanto unha hora é a vixésima coarta parte dunha rotación, isto é, 15 graos. Por iso cada hora de diferencia entre o punto de partida e a situación dun buque, no mesmo paralelo, supón un avance de 15º de lonxitude cara ao leste ou oeste. O mediodía é doado de identificar, xa que é o momento de máxima altura do Sol; se o navegante fose quen de saber a hora dese momento no porto base podería calcular sen problemas a lonxitude na que se atopa pola diferencia horaria.

Porén o coñecemento desa hora era inaccesible, os reloxos da época non mantiñan a necesaria precisión nunha travesía marítima. A solución viría da man do reloxeiro John Harrison (1693-1776), quen construiría o primeiro cronómetro mariño de alta precisión. Mais iso aconteceu moitos anos despois das travesías de Drake, quen tiña que coñecer a lonxitude en base á súa pericia e a do piloto, a chamada "estima", unha valoración empírica baseada nos datos de velocidade do buque, ventos, correntes, etc., e o uso de portulanos, mapas das costas, só útiles cando estaban preto das mesmas. Para o cálculo da velocidade do barco usou a clásica corredoira, unha corda con nós que levaba no seu extremo unha táboa pequena, lastrada para que flotara vertical; contando os nós e usando un reloxo de area establecíase a velocidade.

Ataque a Coruña

En maio de 1589 a flota inglesa ao mando de Francis Drake, de paso para a ocupación de Lisboa, atacou a cidade da Coruña. Cento e cincuenta barcos ao mando do mariño, mentres que a John Norris lle correspondía a dirección das tropas, 20.000 homes. Fronte a ese continxente, desembarcaron 10.000, a cidade herculina, con 4.000 habitantes, só podía opoñer unha forza duns 1.400 combatentes.

Sorprendentemente, os ingleses foron rexeitados. A algúns non lles abondou como razóns da derrota inglesa o heroísmo local, a intervención de María Pita e os erros dos atacantes; entenderon que o éxito tivo que ver algún elemento divino. Por iso cada 2 de xullo se celebra unha misa agradecendo o papel da virxe do Rosario. Esa iniciativa tivo a súa orixe na promesa de dezaoito persoeiros locais, quen, desesperados fronte ao previsible saqueo da cidade polos ingleses, o 8 de maio dese 1589 fixeron o solemne voto de dedicar cada ano unha misa á virxe do Rosario e casar quince mozas con dote de vinte ducados cada unha, cantidade que pagarían eles mesmos. Pasado o apuro, a elite local emprendeu un labor de redución de custes, transferiu o seu compromiso privado ao ámbito público, trasladando ao municipio a celebración da misa, tradición que se mantén. E cancelou, que saibamos, a de casar as mozas e abonar eses ducados.

Un recoñecemento público merecido

Francis Drake pretendeu saquear A Coruña, non o logrou plenamente porén o paso do exército inglés deixou na cidade un importante número de mortos e cuantiosos danos. Nese sentido, semella lóxico que a súa lembranza non conquiste os nosos corazóns. Mais o mariño inglés tivo, entre outros méritos, o de ser un dos grandes navegantes da historia, polo que nunha cidade tan estreitamente conectada coa Náutica e con este personaxe quizais deberíamos recoñecer publicamente a quen no seu momento foi un perigoso inimigo.

Pasados tantos anos, hoxe as relacións con Inglaterra son ben diferentes ás dos tempos do mariño. A pesar do Brexit e o contencioso de Xibraltar, os reinos de España e o Reino Unido participan en numerosas institucións, membros das súas casas reais comparten glamurosos eventos e, nun intercambio singular, miles de pensionistas británicos veñen a pasar os seus derradeiros anos nas soleadas costas do sur mentres outros tantos mozos e mozas galegos e españois acoden a traballar ao Reino Unido. Dadas as circunstancias, nalgún lugar da cidade non estaría mal erguer unha estatua na honra de Drake, de recoñecemento como excepcional navegante, sen esquecer o seu intento de saqueo da cidade; non si?