17 de abril de 2018
17.04.2018
Xosé Manuel Sánchez Rei Filólogo e escritor que deu onte unha charla la Alexandre Bóveda sobre os '150 anos' da publicación de 'Gramática gallega'

"A 'Gramática gallega' recolle como falaban os labregos do século XIX"

"Que estea escrita en español dá a idea da situación de anormalidade do galego porque hoxe sería estraño facela en ruso para galegos"

17.04.2018 | 13:01
Xosé Manuel Sánchez Rei.

Cúmprense 150 anos da publicación do libro Gramática gallega, de Juan Antonio Saco Arce. Para falar da súa importancia, o filólogo e escritor Xosé Manuel Sánchez Rei, deu onte unha charla na agrupación Alexandre Bóveda. Di que é un tratado xa superado pero que foi o primeiro que tratou con seriedade a lingua galega do século XIX e as súas variantes.

- Que importancia tivo a publicación da Gramática gallega, no ano 1868?

-Non foi o primeiro tratado de lingua galega, porque xa existía a gramática de Francisco Mirás, pero si que foi o primeiro en termos científicos e de rigor. A de Mirás case non pode levar o nome de gramática, a de Saco Arce si, porque fai unha descrición moi rigorosa de como era o galego nesa época, baseándose na lingua oral, en como falaban os labregos, e tamén baseándose nas obras literarias da época. Aínda que é unha gramática superada xa polas obras actuais, como é natural, continúa a ter o seu valor porque nos informa de como era a lingua oral galega na segunda metade do século XIX. É unha obra moi rigorosa, de feito, durante o século XIX foi a gramática de referencia. No tempo das Irmandades da Fala xa foi a de Lugrís Freire, que está baseada na de Saco Arce, coma todas. Xa nos anos sesenta, no século XX, foi a de Carvalho Calero a de referencia. Esta gramática, no seu tempo, foi a máis lida e consultada, non só polos galegos senón tamén por investigadores das linguas europeas, sobre todo, polos romanistas. A gramática de Saco Arce chega aos eruditos e ás elites ilustradas e á xente preocupada polo galego, pero non chegou máis alá de aí.

- Durante canto tempo tivo vixencia este texto?

-Desde que se publicou en 1968 até a época das Irmandades da Fala. Eles decatáronse de que era un texto que estaba esgotado, difícil de conseguir, e foi cando se puxeron a traballar nos estudos gramaticais do galego e cando Lugrís Freire saca a súa gramática e cando R.A., que son as iniciais de Ramón Albariño, pseudónimo de Leandro Carré Alvarellos, saca un compendio de gramática galega, no 1919. Aínda hoxe, estando superada, contén información moi interesante, de como eran as estruturas sintácticas daquela época, como o futuro do subxuntivo ou a ausencia de preposición no complemento directo...

- Que cousas quedaron superadas neste século e medio de evolución da linguaxe?

-Saco Arce, cando escribe a súa gramática, era poeta en galego e en español, foi un folclorista moi serio que recolleu moitas cancións tradicionais, sobre todo da zona de Ourense, entón, ten moito valor. Escribiu dous artigos moi interesantes en 1876 sobre a influencia do español no galego, sobre se o galego era un idioma, unha lingua ou un dialecto, que eran cousas que se debatían naquel momento. Saco Arce non era filólogo, aínda que era unha persoa moi culta que, sen dúbida ningunha, tiña un coñecemento moi amplo do latín, e iso foi algo que o axudou moito, estaba tamén moi ao tanto das correntes europeas de lingüística, por iso é moi superior a autores anteriores e mesmo a algúns posteriores. A día de hoxe hai unha formación máis específica e, por iso, hai cousas que poden ser discutibeis.

- Chama a atención que a obra se chame Gramática gallega ...

-Porque o texto está escrito en español, como moitas gramáticas da época. A de Lugrís Freire foi a primeira que se publicou en galego, mesmo a de Carvalho Calero está en español. Son diglósicas porque están pensadas en español para un público que fala español e que coñece o galego. Neste sentido, isto superouse, porque tamén nos dá a idea da situación de anormalidade do galego, porque hoxe en día, facer unha gramática de galego en español para galegos resulta estraño, ou en ruso para galegos. É unha obra rigorosa, aínda así.

- Que máis conta a gramática sobre a vida e a fala dos galegos do século XIX?

-É a primeira gramática que fai unha división das variedades do galego, distingue entre a variedade septentrional e a meridional. Pon exemplos dunha e doutra terra, aínda que son un pouco imprecisos. El di, por exemplo, que na zona norte empregan formas como faser ou algúns... Na zona sur recolle que din facer e algús... El era un crego moi culto, era de Toén, ao lado de Ourense, e o que compara, realmente, é o galego da súa zona co de Compostela. Sabendo isto, todo encaixa. É unha gramática que acerta, aínda que é un pouco imprecisa.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
El próximo lunes, a las 21.00, se disputa el Deportivo - Granada y en LA OPINIÓN te invitamos a Riazor. Responde a nuestras preguntas y gana 2 entradas en Tribuna para ver el partido. Sorteamos 2 premios.

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia
 


esquelasfunerarias.es