Despois da recente xuntanza entre Fomento, Xunta e Autoridade Portuaria, as cartas sobre o futuro dos peiraos da cidade, da cidade mesma, están sobre da mesa. As cartas e os xogadores son de sobra coñecidos. Xa expuxemos nas páxinas da OPINIÓN, que tivo a ben acollernos o 2 de xuño de 2016, o 18 de xaneiro de 2017 e o 21 de outubro de 2017 a nosa alternativa: uso e dominio público dos peiraos a desafectar, fomento da economía sostíbel ligada a actividades pesqueiras e navais e, sobre todo, unha consulta á cidadanía sobre o seu futuro. Avisamos de que algúns xogadores eran vantaxistas, tramposos de saloon, que só pretendían obter o beneficio seu e dos colegas de partida, que son os que poñen os cartos para que eles xoguen e dobrar as ganancias. Denunciamos que Fomento, Xunta e Autoridade Portuaria preocúpanse máis polos beneficios das grandes empresas construtoras de autopistas, dos bancos e das grandes fortunas que polos cidadáns de a pé. Tamén o carácter caciquil e antidemocrático, o desprezo polos cidadáns e polo Concello da Coruña. Son como matóns de saloon. Sabíamolo todos.

Estes, Fomento, Xunta e Autoridad Portuaria son os vantaxistas de saloon e xogan con cartas marcadas. As súas apostas son un mero farol, falsas, e ocultan que só pretenden facer negocio cos peiraos da cidade: vender os peiraos de San Diego para construír vivendas de luxo coa xustificación da débeda do Porto (¡se xestionaron mal, que a asuma o Estado, como se fixo coa banca!); enganar co tema do "dominio público" dos peiraos do centro, cando ocultan o importante: o uso que van ter. Como exemplo, Palexco, privatizar os usos para beneficio dos seus colegas (¿hoteles, casinos, sedes de empresas bancarias? saloon para seguir xogando?); o caramelo do "tren a Langosteira", que se ve alongado máis co AVE á Coruña, e que sempre terían que pagar os beneficiados e non todos os cidadáns. Mais nas películas do oeste os vantaxistas sempre son descubertos e son axusticiados no saloon. Son os malos.

O Concello, outra vez, fai de xogador de compañía na partida: pasa de todas as xogadas. Coñece as tretas dos vantaxistas mais non se enfrenta, participa nas xogadas con medo. Sendo o máis importante dos xogadores, co seu silencio aproba as súas xogadas. Podería denunciar as trampas, chamar ao resto dos xogadores a facer piña para tumbar as vantaxes. Pero non. Espera, fala de regras de xogo e de respecto a xentes que non saben o que significa eso (suponse que entre "administracións do Estado"). Espera ou xoga a destempo. Son parte dos bos, son uns dos nosos, mais parece que non ten arranque, segue na partida, a rastro, queixándose polo baixo.

O Concello da Coruña aprobou nun cercano pleno municipal as propostas da Comisión Aberta de Defensa do Común: uso e dominio público dos peiraos da cidade, devolución gratuíta dos terreos da Solana e o hotel Finisterre, dos terreos da Maestranza propiedade de Defensa e unha consulta popular para que a cidadanía decida democraticamente o destino e o uso. A Comisión e outras organizacións cívicas da cidade chamaron a cotío ao Concello a tomar medidas urxentes e contundentes. As trampas de Fomento e colegas eran moi claras. Cando se lle chamou a tomar medidas contundentes, a rachar a xogada, a resposta foi sempre: "eu paso". Actúa coma un xogador solitario. Convoca un foro de debate, participado, que non participativo. Moi importante e interesante, onde sacaremos boas conclusións para o futuro da cidade. E unha medida máis para movilizar á cidadanía: mais a xogada de ventaxa xa está descuberta, Fomento e colegas son máis rápidos e non teñen principios. Só queda lamberse as feridas ou tomar as medidas precisas en camiño da unidade popular.

Mais non. A cidadanía ten claro cal é o momento da partida, e demostrou que quere participar. Á manifestación convocada pola Comisión acudimos preto de 5.000 persoas, recolléronse miles de firmas... Unha e outra vez a Comisión e outras entidades cívicas denuncian aos vantaxistas e ás cartas marcadas. Mais non é traballo das entidades cívicas rematar a partida e botar aos malos, facer que saquen as súas mans dos terreos do común, da cidadanía. Os movementos cívicos son unha parte da cidadanía, non toda a cidadanía. Tampouco son a autoridade, o sheriff.

É básico e fundamental que o Concello asuma o mando da cidadanía, de toda a cidade. Os terreos que Fomento e os seus colegas queren usurpar son parte da cidade e do seu futuro. Son terreos do común. O Concello ten que ser consecuente e aplicar as propostas aprobadas no pleno municipal. E xa non caben dilacións, só chamar á unidade popular en defensa da cidade. Sabe que sempre terá o apoio cidadán en defensa do común, e que a unidade e mobilización da cidadanía é a forma de votar fóra aos vantaxistas de saloon.