Xunta, Ministerio de Fomento e Concello da Coruña son os destinatarios dunha carta que o Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses lles enviou para expoñerlles a súa preocupación sobre o futuro dos peiraos e na que esixe que todas as administracións participen no seu deseño. O director do instituto, Xosé Antonio Fraga, considera que todas as entidades da cidade deben pronunciarse sobre este proxecto.

- Cal é a razón de que o instituto se pronuncie sobre o futuro dos peiraos da cidade?

-O Instituto José Cornide adícase ao estudo, divulgación e investigación de todo o que se relaciona coa Coruña e a súa área, polo que coidamos que o futuro dos peiraos é moi importante para a cidade. É un tema trascendente do que non sei se hai que poñelo ao mesmo nivel do debate sobre a capitalidade, a localización e ampliación de Alvedro ou as comunicacións co resto de Galicia e España, pero polo menos está próximo porque entendemos que isto vai condicionar bastante o futuro da cidade nas vindeiras décadas. Non é un tema ademais que nos afecte só a nós, senón que vai deixar unha hipoteca se se resolve mal.

- A preocupación nace da idea de que se está a xestional mal?

-Non, nace de que é un tema trascendente e de que debería tratarse dunha maneira conxunta e harmónica. Sería bo que se apartaran tentacións de grupo, partido ou sector e que se buscara a harmonización de posicións e se tivera en conta aos distintos organismos implicados e ás distintas sensibilidades. A exclusión de calquera sector vai significar un elemento de inxustiza e que logo ese sector poida cuestionar os acordos previos. Neste tema non se pode xogar en termos de sacar beneficios de grupo ou sector. Non nos inmiscuimos en como deben ser os acordos a establecer, pero si en que ese debe ser o procedemento. Xa temos experiencia porque nos últimos anos houbo intervencións no porto e unha sairon ben e outras regular e, ademais, A Coruña non ten tantas posibilidades xeográficas como para desperdiciar unha tan positiva, se se enfoca ben, como é o futuro do porto.

- O Concello xa expresou a súa queixa por quedar fóra do acordo entre Fomento e a Xunta.

-Se isto afecta á cidadanía da Coruña e hai uns representantes lexítimos desa cidadanía, é obvio que o Concello non debe estar excluído, pero tampouco ningún outro organismo que sexa representativo e que recolla algún tipo de sensibilidade para evitar chegar a acordos que sexan cuestionados dentro de poucos anos. E doe ver que noutras cidades se lles atende dunha maneira diferente, polo que nos gustaría ver que os intereses xerais da cidadanía coruñesa estiveran presentes neste asunto.

- Pensa que a cidadanía está suficientemente implicada e informada sobre esta cuestión?

-Non o sei, pero nós pronunciámonos porque pensamos que é a nosa responsabilidade. Somos unha entidade cidadá que consideramos que debe xogar un papel no terreo intelectual, do debate, das conmemoracións e de falar sobre o noso pasado e o noso futuro, polo que quizais sería adecuado que outras entidades que no pasado se pronunciaron sobre aspectos relevantes da cidade agora dean un paso adiante e que polo menos tomen nota de que estamos diante dun momento moi notable. O que non parece de recibo é que este tema se circunscriba a ámbitos políticos ou determinadas entidades porque isto nos afecta a todos. Os colexios profesionais, as asociacións culturais e as organizacións diversas deben dicir algo. Sería necesario que expuxeran a súa postura e cal é o seu enfoque. Preocúpame o silencio sobre este tema nalgúns casos.