Este 2018 cúmprense cincuenta anos da fundación do actual Centro Oceanográfico da Coruña, chamado inicialmente Laboratorio del Noroeste del Instituto Español de Oceanografía. Unha celebración enturbada polos recortes económicos que inciden no seu labor e a insatisfeita demanda dunhas dependencias acordes coas necesidades. A instalación do Centro Oceanográfico en 1968 respondeu a unha persistente petición dunha cidade que mantén unha relevante e continua relación histórica co estudo do mar. Lembremos que na Coruña se estableceu en 1788 a Empresa de Pesca de Galicia, con dúas embarcacións que foron as primeiras dedicadas de xeito específico e exclusivo á investigación pesqueira en España. Asemade, na cidade herculina, en setembro de 1791 iniciouse a actividade docente da escola de Náutica do Consulado Marítimo e Terrestre e entre 1906 e 1918 actuou a Sociedad de Oceanografía del Golfo de Gascuña. Sub-Comité de La Coruña. A esa importante serie de iniciativas imos hoxe engadir unha inédita, a solicitude do Consello Provincial de Agricultura e varios persoeiros para a localización na cidade da primeira estación de Bioloxía mariña que o Goberno español creou en 1886.

As estacións de Bioloxía mariña

A Bioloxía da segunda metade do XIX salientou pola incorporación da experimentación, a creación de laboratorios. Un proceso parello a un crecente interese pola vida no mar, que levou á fundación das estacións de Bioloxía mariña. A primeira foi impulsada por Pierre J. van Beneden en Ostende (Bélxica), en 1843, a ela seguirían varias en Francia e, en 1872, a emblemática Stazione Zoologica de Nápoles; após, no ano 1888, creáronse dúas ben salientables, en Inglaterra a de Plymouth e en EEUU a de Woods Hole, centros onde completaría a súa formación décadas despois a nosa Ángeles Alvariño.

A estación de Nápoles, fundada polo prusiano Anton Dohrn (1840-1909) segundo o modelo alemán de instituto de investigación, xogou o papel de institución exemplar e de referencia no estudo do mar e fixo que o interese polas estacións se espallara por todo o mundo. Estivo inspirada cientificamente pola intención de verificar e desenvolver as teses darwinistas e o seu éxito debeuse á visión organizativa e xestora de Dohrn, que soubo artellar un valioso sistema baseado no aluguer temporal de mesas de traballo para os investigadores que acudían de todo o mundo.

Proxecto do Goberno e lóxica demanda galega

O ano 1886 iniciouse con novas sobre o proxecto do Goberno español, en mans do partido liberal de Sagasta, de crear unha primeira estación de Bioloxía mariña, o que ocorrería o 16 de maio, cando a Gaceta de Madrid publicou o Real Decreto de fundación asinado polo ministro de Fomento, o galego Eugenio Montero Ríos. Quedaba pendente o tema da ubicación, que dependería dun informe do futuro director.

Esa falta de concreción xerou diversas peticións sobre a localización da estación. E moitas xurdiron, loxicamente, desde Galicia, que na segunda parte do século XIX salientaba no conxunto español no sector pesqueiro, a conserva e salgado da sardiña. O fomentador coruñés Benito Maristany explicara que en 1877 miles de familias vivían en Galicia da industria do salgado da sardiña e 600 fábricas traballaban con esa materia prima. A explotación desa grande riqueza non estaba exenta de problemas e polémicas, entre elas o da veda do peixe, cuestión que esixía un estudo biolóxico que debería formar parte prioritaria da axenda da futura estación.

A petición do Consello Provincial de Agricultura

Entre as diversas solicitudes orixinadas en Galicia figurou a que nos primeiros días que no mes de febreiro dese 1886 realizou o Consello Provincial de Agricultura, Industria e Comercio da Coruña ao Ministro de Fomento. A iniciativa foi do sobranceiro naturalista Víctor López Seoane (1832-1900), quen elaborou o texto da petición. O Consello, presidido por Maristany, e que representaba bastante ben a elite económica local, con representantes de empresas pesqueiras, banca, comercio, consignatarios, etc., expuxo as razóns para demandar a localización da estación na cidade. Salientaban, entre outras, a privilexiada situación bioxeográfica e a proximidade a Ferrol, onde a Mariña dispuña "de todo género de medios" de exploración.

Ese escrito institucional foi seguido por outro dirixido ao ministro por tres membros do Consello, Seoane, Maristany e Juan Montero Talinge. Unha carta máis persoal, pois eles mesmos se presentaban como sobranceiros correlixionarios e amigos de Montero Ríos. O texto semella ser tamén obra de Seoane e o seu contido resulta similar ao anterior. Os autores destacaban que A Coruña era a poboación máis importante de Galicia e realizaban un ofrecemento de apoios económicos ao futuro establecemento, indicando que contaban con personas "bastante espléndidas, que sin duda alguna nos auxiliarían, y otras que gustosas, pondrían a contribución sus conocimientos y práctica en estas materias, para la mejor realización del proyecto".

O asesoramento de Anton Dohrn a Seoane

A raíz da petición do Consello Seoane restableceu o contacto que tiña con Anton Dohrn, que procedía dunha vella amizade co seu pai, Carl August Dohrn, responsable da Sociedade Entomolóxica de Stettin (actualmente Szczecin e parte de Polonia), da que o naturalista ferrolán era socio e en cuxo Boletín publicara un artigo en 1878.

Seoane dirixiuse, en francés, a Dohrn en carta de 26 de xaneiro de 1886, indicándolle que fora encargado polo Consello provincial de realizar o estudo para o establecemento dunha estación de Bioloxía mariña e pedíalle a máxima información sobre como organizara a de Nápoles, pois a consideraba "modelo de instalación e perfección". Dohrn explicou na resposta de 5 de febreiro de 1886 o elevado custe da estación, trasladou varios consellos a Seoane e subliñou a grande dificultade de construír outra estación similar à súa. Pasara o tempo no que o científico xermano miraba con simpatía, e mesmo propiciaba, a creación de novas estacións biolóxicas, agora eses establecementos viñan ser uns competidores directos coa napolitana e a perspectiva cambiara.

O naturalista galego afincado na Coruña insistiu en cartas de 11 e 20 de febreiro. Solicitou información sobre dez aspectos concretos que incluían cuestións que lle preocupaban, como se sería preferible establecer a estación en mar aberta ou no interior, en que seres vivos centrar os estudos, e outras cuestións. A resposta de Dohrn, de 26 de febreiro, comezaba sinalando o difícil que era para el contar por carta como creou a súa estación. Expresou a complexidade que supuña construír unha e afirmou, contundente, que ese tipo de establecementos non consistían só no laboratorio, persoal e instalacións, había que considerar un elemento básico, a organización. Asemade, indicoulle que precisaría dispor do apoio gobernamental e de persoal competente e ofreceuse para recibir unha misión de estudo e asesorar directamente. Polo ton dos escritos coidamos que Dohrn era escéptico co proxecto de Seoane, dúbidas que podían ter unha base na pouca atención das autoridades ao tema ata ese momento (ningún naturalista español fora enviado á estación napolitana a formarse) e na propia fraxilidade do proxecto que Seoane lle comunica, que contrasta co grande e continuado esforzo que supuxo a Stazione.

Frustrante decisión

O Goberno nomeou o 21 de xuño de 1887 ao santanderino Augusto González de Linares (1845-1904) como director da estación española e en 1889 decidiu que esta se localizara en Santander. A condición esixida no decreto da fundación, unha visita das "costas de España, la cual no podrá durar más de tres meses", non se cumpriu e a razón para situar a estación na costa cántabra, acceso aos grandes fondos mariños, foi unha estrafalaria forma de xustificar unha parcial decisión. A idea de crear a estación partira do núcleo krausista, persoas moi relevantes na Institución Libre de Enseñanza, Francisco Giner, Ignacio Bolívar e o propio Linares. O ministro Montero Ríos, integrante dese grupo, escolleu atender aos colegas e ignorar as razoables demandas procedentes de Galicia.