O Claustro aprobou onte sen votos en contra a xestión do reitor, Julio Abalde, durante o ano 2017, con 53 votos a favor e 16 abstencións. O reitor agradeceu onte a participación no debate e o ton "construtivo" e "sosegado" das persoas que interviron e defendeu que, durante o curso pasado, a Universidade puido "dar pasos importantes" no desenvolvemento do plan estratéxico da Universidade. Asegurou tamén que "a mellora do escenario económico e o cambio de tendencia dos orzamentos" permitira "ir recuperando pouco a pouco o terreo perdido nos peores anos da crise". Abalde defendeu que a racionalización das infraestruturas da Universidade redundaran nunha maior axilidade e eficiencia do sistema.

No seu discurso, o reitor avanzou que A Universidade da Coruña incrementará a partir do vindeiro curso a súa oferta de titulacións con dous novos graos: un de xestión de moda e outro, en Paisaxe. Estas incorporacións sumaranse aos "37 graos e 51 mestrados" que xa oferta a UDC.

A partir do vindeiro curso tamén abrirá a residencia universitaria, que ofertará 120 prazas para o seu alumnado. Abalde destacou onte a colaboración do Concello e da Deputación da Coruña para financiar obras como a propia residencia ou a reforma da pista de atletismo.

Durante o seu discurso, Abalde explicou que a intención da entidade é "estender canto máis sexa posible as relacións docentes, científicas e técnicas" co entorno socioeconómico, de xeito que máis de 500 alumnos fixeron prácticas.