A reunión que celebrará mañá a Xunta de Goberno Local aprobará de forma inicial o estudo de detalle para a ordenación de volumes no colexio Ramón de la Sagra. Este trámite é imprescindible para facer posible o proxecto municipal de ampliación do comedor do centro, actuación que se levará a cabo aínda que non é competencia do Concello.

A extensión do comedor será construída nunha parte da parcela do colexio que está sen edificar. A concellería de Rexeneración Urbana recibiu a mediados de febreiro a solicitude da redacción do proxecto de reforma do comedor por parte do departamento municipal de Xustiza Social, para o que é preciso o estudo sobre a ordenación de volumes que se aprobará mañá.

O Concello reparou o ano pasado a zona de xogos infantís deste colexio, que sufrira danos polas obras realizadas pola Consellería de Educación para a substitución da cuberta do edificio, que fora construída con amianto.

O pleno municipal acordou ademais o mes pasado a aprobación definitiva do estudo de detalle da parcela do colexio San Francisco Xavier, co que será posible a instalación dunha cuberta para o patio. O proxecto tiña a dificultade do paso do río de Monelos polo subsolo do recinto do centro educativo, xa que o cauce discorre próximo ao lugar do patio onde está prevista a construción da cuberta.