17 de mayo de 2018
17.05.2018

O Tribunal Superior ratifica que a responsable do peche do vertedoiro de Nostián é Albada

Os maxistrados rexeitan os argumentos da concesionaria, que facía ao Concello responsable da clausura dos depósitos de refugallos - A Xunta sancionou a empresa hai dous meses por non executar o selado

17.05.2018 | 01:16
A planta de residuos de Nostián, con parte das instalacións da refinería diante.

Claves

  • Selado. A planta de Nostián ten sen pechar os depósitos de refugallos, cheos desde 2007. A Xunta deu un prazo dun ano á concesionaria, Albada, para facelo, pero non o fixo e multouna
  • Administracións. Xunta e Concello diverxen sobre a execución subsidiaria do selado desde a sanción de Medio Ambiente, mentres Albada agardaba pola resolución dun recurso
  • Sentenza. O Tribunal Superior desestima as alegacións de Albada e faina responsable do selado do vertedoiro de Nostián. A empresa pode recorrer ante o Tribunal Supremo

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de ditar unha sentenza pola que rexeita un recurso da concesionaria de Nostián presentado en 2016 no que defendía que a execución do selado dos depósitos de refugallos da planta é responsabilidade do Concello. A decisión xudicial contradí os argumentos da empresa Albada, a cal lle atribúe a obriga de pechar os vasos do vertedoiro segundo a orde reguladora destas instalacións en Galicia. A Consellería de Medio Ambiente multou a concesionaria con 60.000 euros hai dous meses por non ter pechado os depósitos no prazo dun ano que se lle esixiu en 2016, mais desde entón non se levou a cabo a obra e o Concello e a Xunta discutiron pola execución subsidiaria da mesma

O selado dos depósitos 2 e 3 de refugallos da planta de residuos de Nostián, aínda sen pechar, é responsabilidade da concesionaria, Albada. A esta conclusión chega unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) da semana pasada que desestima un recurso contencioso-administrativo interposto pola empresa en 2016 contra unha resolución da Xunta do mesmo ano na que establece o prazo dun ano para que a propia Albada execute o proxecto de selado dos vertedoiros. A decisión pode ser obxecto de recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

A Consellería de Medio Ambiente resolveu en marzo sancionar con 60.000 euros á concesionaria de Nostián por non ter selado o vertedoiro de refugallos da planta de residuos, unha infracción tipificada como grave e á que engadiu a imposición á empresa da "medida complementaria" de execución do proxecto do peche dos depósitos. Albada tiña que ter clausurado os vasos 2 e 3 antes do 30 de xuño do ano pasado por orden da Xunta; ao comprobar Medio Ambiente días despois desta data que a concesionaria non o fixera, abríulle un expediente sancionador a finais de verán e hai dous meses multouna coa obriga de realizar as obras.

A empresa, que estaba a agardar pola resolución do seu recurso xudicial, non moveu peza desde marzo polo peche dos vasos, mentres a Xunta e o Concello mantiveron un cruce de impresións sobre a posibilidade de levar adiante unha execución subsidiaria do selado. O Goberno local instou á Consellería a pechar os depósitos no lugar da empresa, mais a administración galega rexeitou esta medida aludindo ás "potestades contractuais" que na súa relación con Albada ten o Concello, titular da planta de Nostián, para indicarlle que o Executivo pode asegurar o selado do vertedoiro.

A recente sentenza do TSXG vén a resolver as demandas da unión temporal de empresas coñecida como Albada, que referiu que no contrato da concesión e nos pregos non se reflicte a súa obriga de pechar os vasos de refugallos, malia que chegou a presentar un proxecto para o seu peche que se lle requeriu por unha orde reguladora da construción e xestión dos vertedoiros en Galicia. O Concello defendeu que se a empresa diseñou un proxecto foi porque llo esixía a normativa e que os pregos non requerían a construción dun vertedoiro senón un plan de reciclaxe da materia orgánica e a súa execución.

Esa mesma orde, expón a sentenza, sinala que cando unha planta é explotada por unha concesionaria esta é a responsable da súa clausura; se fosen máis dunha, sería o Concello, que si ten a obriga, segundo a orde autonómica, de facer o mantemento posterior á clausura dos depósitos.

Os maxistrados tamén botan abaixo o recurso de Albada na súa argumentación de que o Concello dispuxo sucesivas partidas orzamentarias para asumir o peche dos vasos de refugallos de Nostián, cuestión que o Superior atribúe ás diferenzas na interpretación entre as partes sobre o selado.

Os vasos 2 e 3 de Nostián, de case 208.000 e case 800.000 metros cúbicos de capacidade respectivamente, enchéronse moito antes do previsto, en 2002 e en 2007. Nostián recibiu en 2010 a autorización para executar as obras do selado dos depósitos, que levaban dous anos sen operatividade, e Albada, segundo alegou, redactou o plan de execución en 2011. Os gobernos locais do PSOE e o BNG e do Partido Popular incluíron partidas no orzamento municipal para esta actuación, mais non as aplicaron.

A autorización ambiental integrada para a planta de residuos que a Xunta otorgou a Albada en xullo de 2015 facía ao Concello responsable do proxecto do selado dos vasos no prazo dun ano. O Gobierno de Marea, apoiado na lei de vertedoiros, recorreu esta resolución e Medio Ambiente ditou en 2016 que debía ser Albada como "entidade explotadora" a encargada das obras, valoradas en 3,5 millóns. Esta decisión da Xunta enfrentou á empresa coa administración local.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

esquelasfunerarias.es