Un mozo de 25 anos admitiu perante o xuíz que roubou e chantaxeou ao home que quixo contratar á súa noiva, menor de idade, para que pisase unha hamburguesa cun tacón. O imputado aceptou ser condenado a tres anos e 11 meses de cárcere, así como ao pago dunha multa de 500 euros á vítima polo dano moral que lle causou. O procesado e a súa compañeira sentimental, de 16 anos e de quen tiña unha orde de afastamento cando sucederon os feitos, decidiron anunciar nunha páxina da internet que buscaban traballo.

O 28 de decembro de 2015 un home contactou coa menor e propúxolle pagarlle 15 euros a cambio de que pisase unha hamburguesa cuns zapatos de tacón e deixase que a fotografase. A adolescente aceptou e quedou con el ese día ás 20.00 horas na avenida da Sardiñeira, no descampado onde se celebra a feira os martes.

A vítima contoullo ao seu compañeiro sentimental, quen decidiu acompañala para darlle un escarmento ao home que lle ofrecía diñeiro a cambio de pisar unha hamburguesa. O imputado acudiu á cita armado cunha navalla. Tras esgrimir a arma branca, advertiulle ao afectado, que estaba dentro do seu coche: "Non te movas, quita as chaves do contacto e tíraas enriba do cadro de mandos. Como fagas calquera movemento raro, córtoche as mans". A menor fuxiu nese momento cara á parte posterior do coche e subtraeulle ao denunciante 70 euros en efectivo e un móbil valorado en 90 euros.

Unhas horas máis tarde, o imputado e a súa parella mandáronlle wasaps á vítima nos que lle esixían que lles pagase 300 euros para que lle devolvesen o móbil e que non o denunciasen á policía porque a adolescente era menor. O maxistrado de Xulgado do Penal número 3 da Coruña destaca na sentenza que o denunciante descoñecía a idade da moza á que quería contratar.

O afectado quedou con eles ao día seguinte no mesmo sitio da Sardiñeira ás 18.00 horas e alertou á policía. Ambos os dous foron detidos nese momento. Os axentes recuperaron o teléfono móbil, pero non os 70 euros que lle subtraeran. O sospeitoso aceptou ser sentenciado como autor dun delito de roubo con violencia e uso de armas e doutro de ameazas por chantaxear ao prexudicado. Ademais, deberá pagar á vítima 500 euros polo dano moral que lle causou. O xuíz tivo en conta a agravante de reincidencia no roubo.