A asociación veciñal de Oza, Gaiteira y Os Castros presentou alegacións ao proxecto de instalación dunha planta de tratamento de residuos de buques no peirao de Oza por considerar que suporá "un grave risco ambiental" pola súa situación e as súas características. O Concello tamén está a preparar as súas alegacións.

Nas súas protestas, a entidade veciñal manifesta que o proxecto da empresa Limpoil "non recolle medidas en caso de incidencias" e tampouco "fala do Plan de Urxencias en caso de verquido". Ademais, ve necesario que sexa sometido a unha avaliación ambiental.

A Consellería de Medio Ambiente abriu en abril o prazo de presentación das alegacións á solicitude de autorización ambiental integrada para o proxecto co que pretende instalar unha planta de residuos na dársena de Oza. Un espazo, segundo os veciños da zona, "inapropiado" xa que "supón un grave risco ambiental para a veciñanza por estar a unha distancia inferior aos 500 metros e nunha contorna sensible como é a praia de Oza", que recuperou a súa bandeira azul tras mellorar a calidade das súas aguas.

Sobre a repercusión no medio biótico, o proxecto apunta que será "a esperada". A asociación veciñal de Oza critica que "non explica" ese impacto e que tampouco "se ten en conta a proximidade de espazos de lecer". "En canto á fauna e flora do medio mariño, nin se menciona", denuncian nas súas alegacións.

Entre as protestas, figuran a falta de análise do impacto paisaxístico e sobre o patrimonio cultural así como a ausencia de protocolos de procedementos para almacenar estes "residuos perigosos" no peirao de Oza. Os veciños non entenden, ademais, que a empresa asegure que a planta xerará emprego pero "non se compromete con número de postos nin duración dos contratos".

Limpoil conta xa coa licencia para a prestación de servizos de recollida de residuos líquidos e sólidos procedentes de buques no peirao da Coruña. Porén, non os somete a pretratamento dentro das instalacións portuarias, senon que os traslada para que sexan tratados noutro lugar. O seu proxecto implica almacenar os residuos e separar o agua do aceite.