- Logo das manifestacións do 8 de marzo, houbo algún cambio significativo na cidadanía?

-Eu creo que socialmente avanzamos moitísimo. Penso que o máis importante é que houbo un encontro interxeneracional que antes non había. Nas rúas estaban as avoas que saíran á rúa no franquismo para demandar os seus dereitos máis básicos que estaban vulnerados e tamén as mozas moi novas que era, posiblemente, a primeira vez que se mobilizaban por unha reivindicación feminista. Penso que iso si que cambiou, que confluíron distintos xeitos de ver o mundo, tamén o feminismo e tamén distintas mulleres que, sen ter militancia feminista, estaban abafadas da situación que estamos a vivir e necesitaban botar fóra todos os abusos que están a vivir, os do fogar, os sexuais... Fixeron propias todas as reivindicacións do feminismo. Iso creo que é un antes e un despois, que as mulleres fomos quen de dicir que o espazo que nos corresponde é este. Isto creo que non ten volta atrás. As mulleres fomos conscientes de que, se facemos algo, realmente, somos quen de paralizarmos o país.

- Sentenzas como a de La Manada, que indignan tanto, favorecen o empoderamento do feminismo e da loita pola igualdade porque evidencian as eivas da igualdade entre homes e mulleres actual ou atacan o movemento?

-Unha das motivacións que nós temos agora na CIG é que, pese á rotundidade, non houbo nin un só cambio político ou lexislativo dirixido a se facer eco das reivindicacións. A sentenza de La Manada veu dar un golpe frontal aos cimentos da nosa loita. Foi a demostración máis palpable de que, pese a todas as conquistas de espazos igualitarios, nos cimentos do Estado segue a permear un machismo intrínseco que chega até a interpretación que se lle dan ás leis. Eu penso que todas esas reivindicacións que fomos quen de trasladar as mulleres é necesario e urxente que sigamos a mantelas vivas porque non hai un avance neses dereitos. Avanzou máis unha parte da sociedade que os poderes públicos, que son os responsables de levar á práctica estas reivindicacións. Sentenzas como a de La Manada poñen de manifesto que o sistema está mal e que cómpre cambialo xa.

- De cara ao ano que vén, o 8 de marzo poderá haber unha reivindicación aínda máis potente ou as mobilizacións do 2018 non se repetirán?

-As mobilizacións deste ano foron grandes por moitos motivos, viñamos de moitos feminicidios e, este ano, houbo moito apoio dos medios de comunicación e tamén moito movemento nas redes sociais, que teñen un poder inmenso de convocatoria. Fomos moi apoiadas nas nosas demandas. O 8 de marzo do ano que vén vai depender do que sexamos quen de mobilizar as mulleres, se seguimos impulsando unha folga de 24 horas de mulleres poderiamos socializalo máis que o ano anterior. A deste ano desbordou todas as expectativas. Non creo que debamos facer todos os anos o mesmo, pero non podemos renunciar os dereitos conquistados e que se están a vulnerar. Temos que ir cara a un cambio do sistema. Eu creo que temos avanzado máis as mulleres nesta sociedade que os homes que ocupan esferas de poder, tanto na patronal coma no xurídico. Se hai unha formación en xénero, vai haber cambios. Necesitamos sensibilidade dos varóns para cambiar as esferas de poder e iso só podemos conseguilo presionando desde abaixo, non só na rúa. Neste 8 de marzo houbo un factor interesantísimo, que houbo homes, en empresas de homes, debatendo da problemática das mulleres.

- Este ano, na Coruña, a CIG manifestouse á marxe, será posible en vindeiras ocasións unha convocatoria conxunta?

-Iso vai depender de como se xestionen as mobilizacións. As persoas que sempre convocamos de xeito unitario como Galegas 8 M vimos que se fixo outra convocatoria , por parte de grupos políticos, aproveitando que era unha xornada festiva, facendo unha mobilización á marxe e nós entendemos que era mellor manter a diversidade. Penso que o importante é que, nestes casos, o feminismo se amose na súa diversidade e que cadaquén se poida manifestar con quen se sinta mellor representada. En todo caso, sempre hai a posibilidade dun marco unitario se se chega a un consenso.