Para Bruño, nas Midlands

Jardine, o peculiar cónsul británico que representou ao seu país na Coruña a fins do século XVIII, é un personaxe pouco coñecido e as escasas referencias a el adoitan aludir a unha característica, a de que era "xacobino", partidario do cambio político que supuxo a Revolución Francesa. Porén este militar e diplomático tivo unha dimensión máis complexa, relevante e innovadora. Se no ambiente político, científico e cultural hispano a influencia modernizadora adoitaba ter orixe francesa, o cónsul salientou como unha pioneira ponte cunha das pólas máis vangardista e comprometida do pensamento británico. Mundo ao que non accederían os intelectuais destas latitudes ata as primeiras décadas do século XIX, por mor do obrigado exilio dos liberais debido á persecución absolutista. Vinte anos antes Jardine tróuxonos interesantes novidades xeradas nese ambiente, entre elas a avanzada posición sobre a situación da muller na sociedade.

Carreira militar e relación con España

Alexander Jardine (1736-1799) era escocés, fillo ilexítimo de sir Alexander Jardine, 4º baronet Jardine. Fixo carreira en artillería, formándose na Royal Artillery Barracks de Woolwich (Londres). De alí saíu en 1758 como tenente e participou en diversas actividades bélicas, sendo enviado a Xibraltar. A estadía polo sur fixo del un especialista en cuestións españolas e mediterráneas.

Espía por territorio español e publicación das Cartas

En 1773 tivo o derradeiro emprego militar activo, pasando á categoría de inválido en 1777, o que formou parte da súa cobertura para xustificar unha segunda viaxe por España. O exmilitar actuou como espía nun tempo no que as relacións hispano-británicas eran ben tensas. Nese contexto, en 1777 realizou a súa primeira visita á Coruña, estivo preto dun ano por Galicia e tomou boa nota do sistema defensivo na zona de Ferrol, lugar estratéxico pola súa importante base naval.

Xa estaba de novo en Inglaterra en 1780 e alí redactou unhas observacións sobre as súas viaxes, que publicaría en 1788: Letters from Barbarie, France, Spain, Portugal, interesantes escritos moi pouco coñecidos aquí porque, entre outras cousas, ata 2001 non foron traducidos ao castelán. Á marxe do valor do libro, nel e no resto das intervencións Jardine adoita expresarse desde unha irritante posición de superioridade que, alén da base real que puidera ter, resulta difícil de dixerir. Falamos de observacións paternalistas e comentarios como: "Nosotros los ingleses... debemos visitar los países pobres con el fin de saber qué cantidad mínima de alimentos resulta suficiente para que el ser humano afronte la mera supervivencia".

Defendía unha modernización da sociedade baseada no estímulo ao comercio e ás liberdades, criticando, no caso español, a enorme e negativa influencia da Igrexa da época, fiel aliada do poder e que fomentaba unha relixión supersticiosa e un ambiente represor, do que era unha boa mostra a prohibición dalgúns libros, cuestión sobre a que incidiu en numerosas ocasións. Canto a Galicia, coidaba o británico que estaba habitada por un grupo humano diferenciado, na maioría persoas pobres, farrapentas, pequenas e corpulentas, aceptablemente laboriosas.

En relación co coñecemento científico realizou un agudo comentario sobre o atraso na recepción de novidades na Universidade de Santiago de Compostela. Así, salientou, criticamente, que aínda non se difundira a obra de Isaac Newton (1643-1727) e dominaba o secular pensamento aristotélico, unha observación certeira e ben significativa. A universidade compostelán non iniciaría ata 1789, da man de Francisco Neira, a lenta incorporación das propostas do grande físico inglés.

Conexións relevantes

No período posterior á publicación das Cartas estableceu sólidos contactos cos liberais ingleses partidarios da revolución francesa porén distantes do uso da violencia, especialmente con William Godwin. Jardine chegou a compartir grande parte das ideas deste comprometido pensador, sobre todo a importancia transformadora da educación. Tamén se amosou contrario ao colonialismo e escravismo e favorable, nesta etapa, ao pacifismo. En liña con esas ideas publicou en 1793, en inglés, Ensaio sobre o Goberno Civil.

Participou con Godwin nas actividades dunha notable entidade, a Philomathian Society. Ofreceuse como secretario e suxeriu o nome de posibles integrantes, entre eles os de Joseph Priestley, o salientable químico que descubriu o osíxeno, e Josiah Wedgwood, importante fabricante de cerámica e futuro avó de Charles Darwin. Ambos formaron parte dunha peculiar entidade, a Lunar Society, formada por persoas da zona de Birmingham que se reunían os domingos en que había a lúa chea para xantar, debater e realizar experimentos. Este grupo, con actividade entre 1765-1813, estaba interesado polo coñecemento, de forma especial pola ciencia e, cómpre salientalo, polo seu uso na produción e no cambio social. Entre os seus integrantes figuraban, ademais de Priestley e Wedgwood, o notable empresario Matthew Boulton, o enxeñeiro e descubridor da máquina de vapor, James Watt, o médico e experimentador Erasmus Darwin (tamén avó de Charles), o médico William Small, que fora profesor de Thomas Jefferson, e unha muller, a escritora Anna Seward.

Pioneiro a prol da igualdade entre homes e mulleres

Jardine defendeu nos seus escritos os beneficiosos efectos da influencia feminina na sociedade e da educación das mulleres. O carácter pioneiro destas posicións ponse de manifesto no feito de que coincidiron coa chamada "primeira onda do feminismo", que as recibiu positivamente. De feito, dúas figuras claves do movemento, Mary Wollstonecraft e Mary Hays eloxiaron as propostas de Jardine. Cómpre lembrar que Mary Wollstonecraft e William Godwin foron os pais de Mary Shelley, autora de Frankenstein, magna obra literaria na que a ciencia ten un notable protagonismo e da que se cumpren douscentos anos da súa publicación este 2018.

Cónsul na Coruña

En outubro 1793 Jardine dirixiuse a Coruña para asumir o cargo de cónsul do seu país para a zona Noroeste, Galicia e Asturias. Partiu desde Falmouth, no paquebote Quirós, utilizando os correos postais que entre 1689 e 1815 uniron Cornualles e a cidade herculina. O buque foi asaltado por corsarios franceses, a quen debeu pagar o novo cónsul un rescate para que o deixaran en Xixón. Alí tomou contacto co ilustrado Melchor Gaspar de Jovellanos e desde a cidade asturiana trasladouse para Coruña a fins de novembro, queixándose do administrador de aduanas local debido ao trato recibido pola súa equipaxe. Jardine residiu nunha casa de Santa Margarita e explicaba que non era quen de vivir sen libros e sen música, polo que se amosou ben satisfeito pola existencia de representacións regulares de ópera italiana na cidade.

O Consulado

O Consulado Marítimo y Terrestre da Coruña, cuxa xurisdición abranguía todo o litoral galego, xurdiu en 1785, a raíz da apertura do comercio con América. A institución tiña como obxectivo o fomento da riqueza e extensión da navegación e estaba composta por unha mestura de importantes propietarios e unha nacente burguesía. Deuse a coincidencia de que Consulado existiu durante os mesmos anos, en extensión, que a Lunar Society, corenta e oito, mais se todos os compoñentes da entidade inglesa estaban involucrados na modernización da economía e apostaban por formas políticas democráticas, pola ruptura co Antigo Réxime, esa unanimidade non se daba no caso coruñés.

De todas formas, o Consulado constituía un espazo aberto ás mentalidades liberais, que xunto a iniciativas de fomento converteron a institución nun centro educativo de Debuxo e Náutica. Na docencia desta salientaba o labor innovador do alférez de fragata Francisco Esteban Yebra. Tamén destacou pola súa formación científica e ideoloxía liberal o asturiano Francisco Cónsul Jove, residente na Coruña desde 1791, onde exerceu de médico e colaborou co Consulado, un decidido partidario das "ciencias útiles" (naturais, físicas, químicas, agronómicas, etc.) e dunha visión moderna, experimental, da física.

Accións no Consulado

Jardine tomou contacto na Coruña con elementos salientábeis da sociedade local, como os científicos Yebra e Cónsul Jove, entre os que difundiu as súas innovadoras ideas. Interesado polo labor do Consulado, en setembro de 1796 dirixiuse á Xunta de Goberno ofrecendo doar á biblioteca interesantes libros de ciencias e artes, 47 tomos, con obras de d'Alembert, Newton, Hume, etc. Tamén trasladou a proposta á entidade de que creara un Instituto similar ao fundado por Jovellanos en Xixón en 1794, o Real Instituto Asturiano de Náutica y Mineralogía. No noso caso sería unha institución de ámbito galego. Esa proposta supuña avanzar no carácter de centro de formación técnica do Consulado, se ben este xa impartía docencia de Náutica desde 1791.

Simultáneamente, comunicou esas ideas ao poderoso Manuel Godoy, suxerindo diversas medidas para a mellora do Consulado, insistindo na importancia do libre acceso a todo tipo de libros e no apoio a Cónsul Jove: "Y en cuanto a su físico todos sabemos que no podrán escoger otro mejor que nuestro amigo Dn Fr Cónsul". Asemade, nun escrito ás autoridades do Consulado propuña que Cónsul e Yebra formaran parte da Xunta consular "como peritos y conocedores y podrán con sus luces conducir a la buena elección de libros, y máquinas, e instrumentos...".

O Consulado tiña unha modesta biblioteca, creada en 1794; o incremento decisivo en número e calidade viría da doazón de Pedro Antonio Sánchez en 1806, base da primeira biblioteca pública coruñesa. Na Xunta de Goberno de 30 de setembro de 1796, acusou recibo da oferta de libros de Jardine, quen establecía a condición "de que sólo Francisco de Yebra y Francisco Cónsul puedan servirse de ellos y no salgan de la casa consular sin permiso de esos dos". Non deberon gustar á xunta reitora consular o ton e as condicións sinaladas polo arrogante británico, pois agradeceu o xesto pero lle comunicou que xa existían na biblioteca libros en español e francés que contiñan os da lista, algo que non era certo nese momento, e que se aceptaran acoller algún estarían a disposición de todos, "sin otra prerrogativa ni excepción".

Guerra, penurias, morte e legado

O de 8 outubro de 1796 iniciouse a guerra con Gran Bretaña. Ao cónsul déronlle quince días para abandonar o territorio español, pero el solicitou demorar a marcha polo seu mal estado de saúde. Partidario do pacifismo, escribiulle a Godoy a prol do establecemento da paz universal, explicando que Galicia podería, pola súa situación xeográfica, converterse en eixo central de comunicación entre os dous continentes e ofrecéndose como "cónsul do xénero humano". Mentres facía esas xestións, o gobernador militar, Miguel Desmaisières, ameazou con pechalo no castelo de Santo Antón. Obrigado a fuxir morreu en Portugal o 16 de xullo de 1799. A pesar desa triste final Jardine deixou pegada na cidade, o seu labor, como posteriormente o doutros foráneos, como Valentín de Foronda, contribuíu á consolidación dun potente núcleo liberal. O grupo que nas décadas seguintes traballou pola difusión do coñecemento e a superación do absolutismo, facendo posible que A Coruña xogara un papel protagonista no trienio liberal (1820-1823).