Cando Xurxo Fernandes foi a Corcubión no ano 2002 en busca das tres irmáns que cantaran no ano 1952 para o etnomusicólogo estadounidense Alan Lomax atopou dúas mulleres [a outra morrera xa] que, aínda que vivían na mesma vila, xa nunca se xuntaban para falaren, así que, moito menos, para cantaren e tocaren a pandeireta.

A súa historia e o seu legado pasa agora á gran pantalla. Mañá, ás 18.00 horas, estréase no Centro Galego das Artes e da Imaxe (CGAI) Xunta en Corcubión, Xunta en Corcubiónunha curtametraxe na que o repertorio da vila, aquel que foi pasando de nais a fillas, sobe ao escenario do teatro Rosalía e é interpretado con novas voces mais co mesmo sentimento.

A entrada é gratuíta e pasarase, ademais desta obra de Nuria Foz, Tempo da recolleita, Tempo da recolleitade Félix Blume, unha peza na que tamén participa o mestre de canto e de baile e tamén investigador Xurxo Fernandes, e que afonda nas orixes culturais galegas, en como a mocidade busca nas lembranzas das persoas maiores as melodías que elas cantaban de novas para rescatalas do esquecemento e que non morran cando o fagan as memorias que as atesouran. Logo das proxeccións haberá unha mesa redonda para falar destas pezas.

"Este videoclip [ Xunta en Corcubión] o que pretende é darlle valor á figura das pandeireteiras dentro da música tradicional, porque son como as irmás pobres, ás que sempre se destinan menos recursos, e intentei facer un vídeo de calidade. Está gravado cunha cámara Red Dragon, que é o último", explica Fernandes, que apostou polo "contraste" entre "a Galicia máis negra", a do "loito", a "austera", e a "máis colorida", a das festas gastronómicas que nunca rematan e a do viño, que sempre está enriba da mesa. Pon fronte ao espello tamén "o oculto, o velado e o explícito, a convención social e o politicamente incorrecto", mais visto todo reflictido no cristal da música tradicional de Corcubión.

Nesa visita de Fernandes á vila, medio século despois de que Alan Lomax parase alí, o que fixo foi "ampliar" a recollida porque logo do ano 1952 xurdiron máis pezas, máis coplas e cantigas e, coa súa gravadora, rexistrou melodías coas que o estadounidense non contaba e, incluso, a unha das irmás tocando "con moita artrose nas mans", a filharmónica.

"Lomax abriu o ceo a unha cousa que non se sabía que existía, que era un canto a voces tan claro coas pandeiretas aí na costa", relata Fernandes, que lembra a "emoción" das señoras ao poder escoitar o material gravado tantos anos atrás, xa que elas non tiñan acceso a el. O ano pasado, para Xunta en Corcubión, novos pandeireteiros e pandeireteiras rememoraron este repertorio no escenario do teatro Rosalía, que facilitou a rodaxe da peza.

Este videoclip que se estrea mañá non será unha obra única, contará con pezas irmás. "Quizais non sexan esteticamente iguais, pero si que haberá unha serie de videoclips . A idea de facer esta peza non foi outra que a de facer un vídeo de calidade e poder mostrar o que somos, pero ao grande", comenta Fernandes, que pensa, sobre todo, en toda esa xente que se achega á música tradicional a través da Internet e que non ten a posibilidade de asistir a espectáculos en directo, e que terá, así, a posibilidade de escoitar unhas pezas ben gravadas. Antes xa da súa estrea mañá, no CGAI, a peza conseguiu entrar coma nominada no festival de Bogotá de curtametraxes, que aínda non se celebrou.