Unha rúa para lembrar a dúas precursoras, a dúas mulleres que se coñeceron na Normal e que casaron, alá polo ano 1901 na igrexa de San Xurxo ás sete da mañá, cando poucas persoas poderían saber quen elas eran, Elisa e Marcela, Mario e Marcela. O polígono de Náutica, en San Roque de Fóra, conta xa cunha rúa adicada a elas a Marcela e a Elisa, moi preto da escola na que estudaron para mestras. "Elas nunca se conformaron co silencio nin coa clandestinidade", explicou onte o alcalde, na presentación da rúa. E lembrou tamén que elas foran "dobremente discriminadas", fórono por seren mulleres mais tamén pola súa condición de lesbianas.

Segundo o autor do libro Elisa e Marcela. Alén dos homes, Narciso de GabrielElisa e Marcela. Alén dos homes, , que asistiu tamén onte a esta inauguración, nunca se saberán todos os detalles da historia destas mulleres, nunca se poderá saber por que decidiron voltar a Dumbría logo de casaren, onde, finalmente, foron descubertas, por que ese "exceso de confianza" ou esa "ousadía" para pensar que a sociedade cambiaría dun día para outro.

Marcela e Elisa están xa no rueiro, para o alcalde é unha homenaxa da cidade ás mulleres que a habitaron, ás que teñen nome propio, como María Pita, Isabel Zendán ou Emilia Pardo Bazán, e que contan cunha historia que vén recollida e documentada nos libros, mais tamén a aquelas que loitaron como colectivo, como as peixeiras, as traballadoras do muro ou as cigarreiras. Unha homenaxe tamén a quen decidiu traballar polos dereitos das persoas do colectivo LGTBIQ e polas activistas que nunca se renden.

"Esta rúa vai ser importante en termos de vertebración do barrio, logo de tantos anos de estar pechada ao paso. O desenvolvemento do polígono vai ben", dixo onte o alcalde, Xulio Ferreiro, que adiantou que será a principios do vindeiro ano cando remate a urbanización de todo o espazo. Serán despois as promotoras as que marquen os prazos de construción dos inmobles e da súa ocupación. O Concello está a traballar na reurbanización da praza Almirante Romay.