10 de junio de 2018
10.06.2018
Iván Méndez Filólogo e técnico de Normalización Lingüística no Concello da Coruña

"Os topónimos cóntannos o que eramos e o que agora ninguén lembra"

"Toda a historia da economía diaria, como os Ovos ou a Fariña, borrouse por denominacións que agora non nos din nada da Coruña"

10.06.2018 | 00:50
Iván Méndez, na sede da Agrupación Alexandre Bóveda.

O filólogo e técnico de Normalización Lingüística no Concello da Coruña, Iván Méndez, coñecido en Twitter como @echeoqhai, repasa a toponimia esquecida da cidade.

- Onde busca os nomes que xa non aparecen no mapa da cidade, porque haberá algúns que a xente lembre, como os das pedras nas que se marisca, pero outros estarán esquecidos?

-Os percebeiros usan eses nomes para os procesos extractivos e hai denominacións moi vivas. O porto da Coruña ten máis de cen anos e é moi difícil atopar xente que lembre nomes de antes da súa construción, salvo algunhas cousas, como barrio de Garás, que tiña unha denominación e perviviu. Outras desapareceron hai un cento de anos ou, como moi pronto, hai sesenta, como a zona do castelo de San Diego, que foi no ano sesenta cando desapareceu. As fontes principais dos topónimos son mapas antigos, do século XVII e XVIII, e tamén os diarios que usaban os barcos para entraren nos portos, hai algúns do século XVII e XIX bastante interesantes e os textos especializados, como un que ten Cornide Saavedra sobre a pesca da sardiña, que fala do porto da Coruña. Hai outros que perviven na memoria colectiva da xente, pero son os menos, xa que o porto sufriu moitas transformacións. Na zona da Palloza, por exemplo, había unha acea, un muíño de marea, como os de Acea de Ama, ese muíño desapareceu no século XVIII, naquela altura esa zona chamábase As Aceas e funcionaba de fronteira entre o Concello da Coruña e o de Oza. Dese topónimo ninguén se lembra xa porque esa zona desapareceu por completo.

- Canto conta a toponimia da historia da cidade?

-Hai cousas curiosas, como que o porto da Batería se chama así porque aí houbo sempre un forte defensivo, que no século XVI se chamaba forte de Malvecín, pero que até o século XIX estivo presente como Batería de Salvas, ese terreo foi doado ao Concello, despois dooullo ao Ministerio e foi onde despois se fixo o recheo e onde está a Rosaleda. Os Cantóns, que recibiron varias denominacións, como o Cantón de José Antonio na ditadura, no seu momento foron Cantón da Leña, que era onde se traficaba, e da Sardiña, que era onde se descargaba e se vendía a sardiña. Cando A Coruña empezou a se poñer mona por esa zona, os comerciantes queixáronse de que cheiraba mal e o Concello prohibiu vender e descargar a sardiña. Ao final do século XVIII, unha vez que se quitou o nome da Sardiña, esquecémonos de que esa era unha zona de referencia portuaria no Concello. O Rego dos Xudeus, por exemplo, tamén desapareceu ou a Illa dos Xudeus, que estaba pola zona da fábrica de Tabacos, alí había un cemiterio de xudeus medievais, no seu momento chamouse tamén cemiterio dos ingleses porque, como eran protestantes, non podían recibir sepultura nos cemiterios católicos. Ese cemiterio desapareceu no século XIX, igual que o Rego dos Xudeus, que foi canalizado a principios do século vinte. Ninguén se lembra disto até que, un día rebenta unha tubaxe -como pasou no Rego dos Xudeus- e sae á luz toda esta historia que estaba soterrada. Estes topónimos cóntannos o que eramos e o que agora ninguén lembra.

- En que zona da cidade perviven mellor os topónimos?

-A cidade sufriu un proceso de construción brutal desde os anos sesenta. Durante esa época, os grandes barrios, como Outeiro ou Nelle seguen a ter unha referencia, pero os máis pequenos fóronse perdendo, como os nomes das leiras e atopalos agora é moi difícil. Á Coruña chegou moita xente que viña doutros lugares e que non coñecía onde vivía. Ao lado do muíño da Gramela, que se tirou nos anos oitenta había un lugar que se chamaba Pena Redonda, eu vivía alí e non o sabía.

- Como acusaron os topónimos a deturpación do idioma?

-Na zona da praia, á altura dos Salesianos, hai unha pena que se chama A Pena do Can, e que aparece nun mapa do século XVIII como Peña del Perro. É curioso, porque ninguén a chamaba así, pero si que sufriu esa deturpación. O Rego da Auga, por exemplo, nacía en San Nicolás e chegaba ao porto. Era un rego e chamáronlle á rúa Riego de Agua. A Porta dos Ares, na Cidade Vella, á que todo o mundo chama agora Puerta de Aires -e que incluso hai quen pensa que é porque vai moito vento- responde a que, en principio, alí estaba a casa de Ares das Mariñas, unha persoa que foi importante na Coruña medieval e que foi traducida. De Ares pasou a Aires e, toda esa historia que había detrás do Ares Pardo das Mariñas perdeuse.

- Ten sentido recuperar a toponimia orixinal agora que está asentado o novo nomenclátor?

-Ten todo o sentido, porque cando se fan pescudas históricas sobre o noso pasado esquécese a toponimia que, a min, me parece esencial porque nos conta como vivía a xente naquel momento e que actividades había. Que o monte de Santa Margarida se chamase o Alto dos Muíños é porque alí había muíños de vento, que houbese na zona do hospital militar un lugar que se chamase O Muíño era porque había un muíño, A Pescaría, que agora se chama Pescadería, chámase así porque era onde estaban os pescos, a xente do mar, non porque se vendese pescado.

- Escoitamos agora nomes esquecidos como a praza dos Ovos, ou a da Fariña...

-Si, aínda que non son nomes oficiais. Toda esa historia da economía diaria borrouse por denominacións que agora non nos din nada da Coruña. Todo o curso do río Monelos está soterrado e o único topónimo que queda vivo é A Cubela, tiñamos A Braña, Os Muíños, O Corgo, A Ponte da Pedra... que son nomes relacionados co curso da auga e que nos falan de que había un río pero, ao cambiarlle o nome, perdemos toda esa historia.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es