- Que balance fai dos tres anos de Goberno da Marea Atlántica?

-Nestes tres anos non se cumpriu co cambio político que se prometía no 2015. Non houbo un cambio real máis aló dalgún símbolo e de cuestións moi contadas, polo que cremos que hai moitas esperanzas frustradas.

- En que áreas principais cre que non se produciu ese cambio?

-Na mobilidade hai cuestións básicas como o carril bus e a reordenación das liñas do bus, ademais de apostar por outro modelo de xestión do transporte público, que non se fixeron nestes anos. Tampouco se fixo unha actuación global no espazo público para calmar o tráfico e priorizar aos peóns e ás bicicletas. En Xustiza Social hai unha débeda fundamental que é a descentralización dos servizos sociais municipais, que continuaron co modelo do PP de estar centralizados en tres puntos da cidade e non volveron aos centros cívicos, cando cremos que iso é fundamental para coñecer a situación social e facer un bo labor de intervención.

- O Goberno local tiña intención de presentar o seu novo modelo de mobilidade e de liñas de bus. Vai dar tempo a aplicalo?

-Levan anunciándoo dende 2016 e reitérasenos unha e outra vez que é unha das cuestións básicas para eles. Cando se nos di que no mes de abril se presentarán as novas liñas de bus e non se fai, e cando hai unha mesa para o seu cambio que non se convoca, é bastante decepcionante. Estar anunciando cousas constantemente e non facelas xera unha frustración terrible. Neste asunto da mobilidade cómpre valentía porque ningunha medida de mobilidade está exenta de polémica. Pero é tan necesario, é tan vital para a cidade, pode cambiar tanto a vida da xente, que creo que paga a pena, pero non vemos que haxa actuacións de relevancia que vaian cambiar iso.

- Que lle parecen os anuncios feitos polo alcalde sobre a redución do prezo do bus?

-O prezo do bus é importante, sobre todo tendo en conta que a Compañía de Tranvías leva gañando millóns e millóns de euros grazas á maneira na que se estivo xestionando ese contrato, pero para nós a cuestión non é o prezo. Sería o último se tiveramos unhas liñas que nos levaran aos sitios que precisamos, se tiveran uns horarios axeitados aos de traballo ou de lecer. Se un funcionario ou un traballador dunha fábrica non ten bus a primeira hora da mañá, obviamente vai ter que levar o seu coche. E unha persoa que sae de traballar ás once da noite non pode volver a casa en bus, polo que hai que adaptar os horarios á realidade da xente, e as frecuencias e o mapa de liñas. Iso é o prioritario. Unha vez que haxa iso, o prezo non será tan importante, aínda que hai outra cuestión, que parte dese prezo vai a unha compañía privada. E ese é o modelo que hai que cambiar.

- Cre que o Concello podería asumir o custo de facer público o transporte urbano?

-O transporte público é rendible, e se non que lle pregunten á Compañía de Tranvías. E máis o vai ser se é útil para a cidadanía, pero fai falta valentía e facer un estudo para que sexa público. Xa dixemos moitas veces que é moi difícil conxugar o rendemento económico para unha empresa externa coa rendibilidade social. No momento en que se queira cambiar unha liña, todo terá que pasar por esa compañía privada e iso é unha dificultade porque sempre vai buscar o beneficio propio. Este Goberno non estivo á altura da mobilidade que necesita esta cidade.

- O BNG tamén é moi crítico cos procesos de municipalización de servizos.

-Non se produciu ningunha remunicipalización. Mentres que outros gobernos da mesma cor política polos menos tiveron a valentía de levar estas cuestións a pleno, o da Coruña á primeira dificultade se botou atrás e non continuou o proceso coas bibliotecas. Pero tampouco se está estudando para a planta de Nostián, onde a xestión indirecta tense amosada absolutamente inútil.

- Vai ser o futuro dos peiraos da cidade un dos asuntos políticos fundamentais ata a campaña electoral?

-Vai ser e xa foi un dos cabalos de batalla nestes anos, e máis despois do cambio de goberno no Estado. Non hai dúbida de que é un tema absolutamente vital para a cidade, pero o Goberno local pecou de falta de proxecto para os peiraos. Eles puxeron no disparador esta cuestión porque Marea Atlántica dixo no 2015 que había que cambiar os convenios de 2004, polo que nada máis chegar ao Goberno deberían poñerse a elaborar un proxecto para os peiraos porque na fronte tiñan a dúas administracións do PP e xa sabemos que utiliza as institucións de maneira partidista.

- Cre que podía facer algo máis a pesar da oposición do PP a cambiar os convenios?

-Non teño dúbida. En primeiro lugar a consulta popular que está aprobada en pleno.

- Pero ten que ser autorizada polo Goberno central.

-Xa lle dixemos ao alcalde que ía ter o noso apoio aínda que fora sen a autorización do Goberno do Estado.

- E que validez tería?

-De manifestación da vontade da cidade da Coruña, que é a principal virtude desa consulta. Se o Goberno local tivese un proxecto para os peiraos nada máis chegar, creo que tanto Feijóo como Llorca ou Íñigo de la Serna se terían pensado moito asinar o protocolo. Pero o que nos dixeron unha e outra vez é que estaban agardando. Tiña que contrapor o seu proxecto ao do PP e dicir: vostedes queren tantos metros para especulación e nós tantos para instalación de empresas relacionadas co mar, vostedes tantos metros para hoteis e nós tantos para equipamentos públicos.

- Houbo inxenuidade con respecto ao Partido Popular?

-Por chamarlle dalgunha maneira, pero o que faltou foi proxecto. Non se pode estar agardando polo Estado porque ao final o que se lle di á xente é que se é o Goberno local pero que non pode facer nada. Non pode ser iso porque a xente espera que o Goberno local responda aos seus problemas.

- A vivenda pública ía ser outra cuestión prioritaria para Marea Atlántica. Que resultados cre que houbo?

-Temos ese proxecto fallido de compra de vivenda e de plan de vivenda de Emvsa, ademais de moitos anuncios como o da construción de vivendas para a mocidade no ofimático. E a reforma do edificio da rúa Pontejos tampouco hai trazos de que se vaia facer efectiva. Nisto, como noutras cousas, hai anuncios pero en canto se atopan coa primeira dificultades, hai retrocesos.

- Cre que pode haber cambios na postura do Goberno central con respecto á Coruña coa chegada do PSOE?

-Houbo unha votación moi reveladora no último pleno municipal coa moción na que pediamos a devolución gratuíta dos terreos da Maestranza, baseada nun acordo apoiado polo PSOE no Congreso dos Deputados, na que o grupo socialista se abstivo. Non me explico a que se debe ese cambio de opinión, porque nós tiñamos esperanzas, pero o outro día levamos un chasco tremendo.

- Tería sido a mesma que en 2015 a postura do BNG sobre a elección do alcalde despois destes tres anos de Goberno?

-Si, porque nós apostamos polo cambio, pero que fariamos agora sería esixir un acordo escrito cunha serie de condicionantes que tiveran que cumprirse, porque o pouco que quedou por escrito, que foi o acordo de organización do Concello, non está cumprindo.

- O BNG vén de elixir a Francisco Jorquera como candidato á Alcaldía. Non supón unha falta de recoñecemento ao seu labor no Concello?

-Ao contrario, sinto totalmente valorado o meu labor, que non é meu, senón do BNG. Presentámonos como un tándem na cabeza da candidatura para afrontar o reto das eleccións. É unha persoa con moitísima experiencia e todo o mundo coñece o seu traballo no Congreso e no Senado en defensa da Coruña.