Coñecín a José Luís Meilán en 1987, como profesor de Dereito Administrativo na facultade compostelá. Eu xa tiña referencias del como político que fora da extinta UCD e, por que non dicilo, gardaba de primeiras algún preconceito derivado da distancia ideolóxica. Porén, ben axiña as reticencias deron paso ao gosto pola materia e ao pracer de asistir a unhas aulas nas que -por fin!- o Dereito tiña a ver coa vida e coa experiencia real.

Neses anos Meilán acababa de abrir o seu despacho de avogado na rúa Juana de Vega e, como catedrático en réxime de dedicación parcial, viña a Santiago no Renault 18 que conducía Piño. Entraba na aula, abría o cartafol -cheo de recortes, apuntamentos, fotocopias e manuscritos- e alí, en directo, ía construíndo as leccións. "Espigando", como el dicía, entre aqueles materiais un podía acompañar en directo como ía armando a explicación, como discutía consigo mesmo e como, fiel ao seu espírito non dogmático, cuestionaba as teses canónicas e propuña novas perspectivas para entender as categorías centrais do Dereito Público. Non eran as aulas costumeiras na vella facultade de Santiago. Que ninguén agardase saír de alí cos apuntamentos ditados ou con un tratamento exhaustivo do programa. Para iso xa estaban os libros. Penso que foi nese momento, no primeiro cuadrimestre do curso 1987-1988, cando decidín que, se podía, eu tamén quería ser profesor de Dereito Administrativo.

Foi xa no ano seguinte cando nos ofreceu a Marta García, actualmente directora da asesoría xurídica do Concello da Coruña, e máis a min facer a tese sob a súa dirección na recén nada facultade coruñesa, ubicada na altura na vella delegación de Facenda, na rúa Durán Loriga. E alí estiven, desde o outono de 1990, converténdome en profesor dunha Universidade da Coruña que, da súa man, creceu e consolidouse.

Hoxe, case coa mesma idade que el tiña cando o coñecín, eu tamén son un profesor que recalou na universidade de volta da política. Con menos títulos e con menos curriculum, claro, porque a min, como di un bon amigo, vivir lévame máis tempo. E, con todo, só a perspectiva dos anos permite apreciar até que punto os consellos e o exemplo de José Luís Meilán, mestre e amigo, foron modelando o meu propio percurso. Cuestionalo todo, non dar nada por feito se non resiste a proba definitiva do contraste coa realidade. A honestidade académica, o respecto polo traballo dos demais e a coherencia debida as propias ideas. Tamén a abertura intelectual, a lealdade persoal e, en fin, o compromiso cos intereses de Galiza.

Viviu até o fin como el quixo. Libre, independente e autónomo. Sen pedir permiso. E alén da súa obra, o seu legado son tamén as súas opcións e escollas: puido crear un coro de aduladores e seguidores, mais preferiu conformar ao seu redor un grupo diverso, vital e ideoloxicamente, de colaboradoras e colaboradores capaces de traballarmos xuntos. Puido terse afiliado a algún partido e reclamar os cargos e prebendas das que outros gozan, con moitos menos méritos ca el. Mais sempre foi incómodo para o poder e nunca se recoñeceu nunhas alternativas que, ao seu ver, son moi de dereitas e moi pouco galegas.

Cando alguén próximo morre de súpeto é inevitábel non pensar nas cousas que quedaron sen dicir e nos agradecementos que ficaron sen dar. Puido ter partido máis tarde. Mais, con todo, estaría satisfeito de comprobar como sendo un home do seu tempo, nin o seu tempo nin o seu país serían recoñecíbeis sen a súa pegada. Que a terra lle sexa leve.