Nas súas letras, Pirilampo fala dos animais que hai no monte, das profesións, cántalle aos nenos e ás nenas vida dos personaxes que están no imaxinario da tradición galega, como Pedro Chosco ou o Apalpador, ensínalles palabras para que saiban como se chaman os peixes e, tamén, ritmos musicais. Por este labor de divulgación, de poñerlle música, baile e poesía ao idioma para que os máis pequenos o collan con agarimo, a Deputación da Coruña outorgoulle onte o premio Rosalía de Castro de promoción da lingua, que chega este ano á súa novena edición.

Pirilampo, que vén de sacar o seu disco Serpe de cristal, Serpe de cristalrecibiuno na modalidade de iniciativas que traballan con menores de idade, infancia e mocidade, xa que os seus temas van sempre dedicados aos cativos. Na categoría de colectivo, entidade ou asociación, foi o portal Galipedia o que recibiu o galardón.

O xurado, composto por profesionais da normalización lingüística, así como por representantes dos proxectos gañadores na edición anterior, a Coordinadora de Traballadores e Traballadoras da Normalización da Lingua (CTNL) e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), considerou que a banda coruñesa era merecedora do premio "pola súa traxectoria consolidada no tempo de transmisión da lingua entre a xente miúda coa implicación das familias e das escolas".

Valorou tamén que a banda foi quen de "achegar á infancia a realidade máis próxima dun xeito positivo, lúdico, moderno e divertido".

O xurado destacou tamén no seu fallo, que Pirilampo -a banda liderada polo veciño de Monte Alto, Xosé Lois Seixo- contribúe coas súas cancións, cos seus concertos e os seus novos materias "á socialización da infancia en lingua galega".

Da Galipedia sinalou que era "un proxecto dinámico, amplo e en constante actualización que chega e implica a moitos e diversos sectores da poboación e que promove a visibilización e o prestixio" da lingua galega, tanto dentro como fóra de Galicia.

O xurado valorou tamén que fose un "proxecto colaborativo, aberto á participación e caracterizado pola diversidade".