-En pleno auxe do audiovisual os guionistas continúan a denunciar a precariedade do seu sector.

-É que a precariedade é tremenda. A maior parte dos guionistas en Galicia e España son autónomos, porque ata fai 3 anos non había un convenio colectivo que incluíse a súa figura. Por iso tiñan que ser autónomos, para poder cobrar. Ademais, o noso sector é moi temporeiro. Trabállase moito por rachas e logo tes que tirar un rato largo sen volver a currar. Non é nada estable.

-O maior problema é a incerteza?

-Non, porque xa sabes como vai isto cando te metes. O problema é que o traballo do guionista non se coñece nunca. Outras profesións da industria son máis visibles, como os directores ou actores, pero entre os guionistas os coñecidos son Olivares e Caballero, o resto nada. Tamén pode ser que falta a figura do showrunner, que son os guionistas que intentan manexar todos os estratos da produción dunha serie, porque a idea é súa. Iso é o que teñen os americanos. Aquí funciona máis un tema de produtoras, un estilo que non nos da moita visibilidade.

-E en que se traduce iso?

-En historias impresionantes. Conta algún compañeiro guionista que estrearon a súa película e non estaba nin convidado á estrea. Hai festas de fin de rodaxe e non están invitados. Tamén en moitos casos os actores non teñen contacto cos guionistas? O escritor escribe na súa casa, o director interpreta o que quere dicir o guionista, e o actor interpreta o que cree que quere dicir o director. Non digo que haxa un teléfono escacharrado pero, ao mellor, máis contacto sería útil.

-E noutros medios, como a televisión? Non muda a situación?

-Na televisión e na radio non se comprende ben que a diferencia entre un xornalista e un guionista é bastante grande. Moitas veces cóllense como guionistas a licenciados en xornalismo, pero non é o mesmo dar os datos que contar unha historia ficcionada. Un xornalista debería dicir o que pasa, mentres que un guionista do único do que ten que preocuparse é de como dicilo. Pero na televisión non hai a figura do guionista. Non teñen un contrato como tal e nos programas métese de todo.

-Fala dos contratos. Esa é outra denuncia habitual do sector.

-[Suspira] Si. A industria en Galicia vive basicamente da televisión, pero a nivel películas é todo un pouco territorio comanche, porque hai uns baremos estimados, pero tamén moito pirata [ri]. Sempre está o de: "Necesito escribir o proxecto para a subvención e se sae págoche a ti". E xa estás traballando no baleiro, sen cobrar.

-Como se lidia con iso?

-Vas traballando durante varios meses coa perspectiva de cobrar ao mellor dentro dun ano ou dous. Eu teño un compañeiro que vai facendo proxectos, ten un ano bo, cobra moito, e ten un ano malo e ten que facer peto do que fixo antes.

-Canto cobra de media un guionista por unha produción?

-Depende do traballo. Vai por porcentaxes de presupostos, e aínda hai loitas para ver como se podería baremar. Por exemplo, en Estados Unidos é un 5% do presuposto da película, e aquí estase loitando para ver se conseguimos que se respecte un 3%. Pénsase en películas de mogollón de presuposto, pero aquí non todo o mundo escribe Los Vengadores [risas].

-Desde o sindicato ALMA intentouse fai un tempo instaurar unhas tarifas mínimas, pero a resposta da Comisión Nacional de la Competencia foi unha multa por distorsión do mercado.

-Iso foron unhas tarifas que sacaron tanto ALMA como os asociados cataláns. Denunciaron aos dous por competencia desleal, porque era impoñer unhas tarifas. En alma chegaron a un acordo antes do xuízo, pero o GAC (Guionistes Associats de Catalunya) foi. E ao final gañou. Reclamábanlle 20.000 euros de multa, que para unha asociación como a catalana ou a nosa é case matala.

-Cal é a reivindicación central da súa?

-Agora mesmo polo que estamos loitando máis é porque a xente coñeza que temos un convenio colectivo, e que se empece a contratar e pagar á xente segundo el. Aínda non está moi respectado, aínda que leva 3 anos. O primeiro paso é que a xente cumpra a legalidade. Iso é o que máis nos interesa. Logo xa buscaremos melloras.

-E se non se cumpre, como di. Por que non hai folga aquí, como a que levou a cabo o Sindicado de Guionistas de América no 2007?

-Porque aquí non temos nin un terzo do poder que teñen os sindicatos dos Estados Unidos. Asociacións a nivel de toda España hai dúas, FAGA (Foro de Asociaciones de Guionistas Audiovisuales) e ALMA. Entre as dúas, somos poucos asociados, arredor de 1000, o que significa que, se non queres facer unha película ti, a vai facer outro seguro.

-Semella logo que tamén é un problema de concienciación do sector.

-Máis que iso é un problema do mundo do freelance. Ilustradores, fotógrafos, músicos? é difícil non regalar o teu traballo. Xa temos uns prezos axustados, e os que poden realmente negociar non son moitos. Dos 1.000 que estamos asociados, non creo que cheguen a 100.

-E non hai luz ao final do túnel?

-Si, a situación está mellorando. Primeiro, porque por fin temos un convenio. Logo, porque a xente empeza a considerar que os showrunners existen, e amosar que hai un guionista detrás que pode ser a mente pensante fai que sexamos un pouco máis visibles. Comézanse a vender as cousas fora e hai máis plataformas. A oportunidade está aí, e hai que intentar aproveitala.