Eu son dos Castros. Eu son dun barrio considerado periférico. E hoxe estou en María Pita.

Eu son un ser transxénero, galegofalante, compositora e artista. Eu son un ser considerado periférico. E hoxe estou en María Pita.

Percorrín esta cidade en bicicleta dende os sete anos. Atravesaba as leiras dende o Mirador. Chegaba ao porto, accedendo por unhas portas sempre abertas. Lémbrome do cheiro a maínzo. Lémbrome dos tubos que atravesaban, e aínda cruzan, Os Castros para chegar á refinería. En bici chegaba ao centro sen pisar a estrada chea de coches. O monte das Moas, coas súa leiras e a praia de Oza, estaban a só cinco minutos da miña casa. Viviamos no terceiro piso enriba do bar chamado Os peores viños.

As periferias no centro e os centros na periferia. As diferenzas transformándose na semellanza esencial desta cidade: a súa marabillosa diversidade.

A Coruña, cidade mutante porque nela convive a xente nunha interacción cos barrios: Os Castros, Atocha, Zalaeta-Orzán, Cidade Vella, Pescaría, O Ensanche, Juan Flórez, Falperra-Santa Lucía, Cidade Xardín, Catro Camiños, A Gaiteira, Monelos, Os Mallos, Monte Alto, Orillamar, Agra do Orzán, Sagrada Familia, Santa Margarita, Labañou, Elviña, Barrio das Flores, O Ventorrillo, O Castrillón, Durmideiras, O Birloque, Matogrande, As Roseiras, Paseo das Pontes, Novo Mesoiro, Vioño, Parque de Eirís, Parque Ofimático, San Pedro de Visma, Bens, A Silva-San José, Eirís, Someso, Palavea, Casabranca-As Xubias, Feáns-Mesoiro, A Zapateira e O Portiño.

O patrimonio emblemático desta cidade é a Torre de Hércules, pero as esencias son moitas outras:

-Son todas as María Pita invisibilizadas nunha historia androcéntrica que obvia o rol das mulleres na loita;

-Son Marcela e Elisa, que no ano 1901 transgrediron o absurdo para poder vivir o seu amor;

-Son as Maribolheras precarias que crearon espazos para traer pensamentos políticos avanzados ao seu tempo;

-Son as María e Manuel que viñeron de Mazaricos ou de Bergantiños ou do Val de Soneira ou de Foz ou de Oza dos Ríos. Ou como meu avó, Ramón Peón Piñeiro, e a miña avoa, Mercedes Mellid Castelo. Ambos os dous viñeron de Melide, criaron aquí as súas crianzas, ao meu tío Manuel e ao meu pai, Enrique Peón Mellid.

-Son as persoas que viñeron de fóra e de dentro do continente para establecerse e facer dos barrios lugares máis ricos e fecundos.

A esencia desta cidade tamén son as xentes comprometidas co propio que recollían as florciñas dun "L" para levalas á oficina de obxectos perdidos da policía local.

A esencia tamén son todas as persoas que nunha onda de solidariedade tentaron amañar o desastre e a ignominia do Prestige . E xa antes, no ano 1976, do Urquiola . Lémbrome de pequena, con nove anos, na parada do bus, esperando para ir á escola. Ollei ao fondo unha fumarada negra. Era o Urquiola ardendo diante das nosas facianas. As praias cheas de galletas , como lles chamabamos, e os peixes e moluscos impregnados daquel veleno. E outra vez co Prestige , volta a recuncar con outro desastre que me colleu de adulta na reivindicación como acción política, a min e a tantas coma min nesta cidade. Nunca Máis.

Na esencia desta cidade está a tradición viva e a súa transgresión. Disque, seica na Coruña non se fala galego, mais se paseas polos barrios e escoitas, decataraste de que o galego é lingua vehicular de convivencia. E é aquí onde nace a corrente musical do rock-bravú. Chamáronme a raíña do bravú mais como eu son republicana sempre fun unha máis facendo música en galego.

A Coruña vive ás costas da cultura de creación colectiva, mais foi aquí onde comezou a revolución das pandeireteiras, onde se visualizou por primeira vez a existencia de compositoras e músicas encarnadas en mulleres libres, mulleres de aldea. Moitas delas viven coas súas fillas e fillos nesta cidade. Lémbrome da Coruña chea de asociacións, barrio por barrio. En todas impartíase clase de música e baile galego, esa construción romántica. E tamén había corais que tiñan compositores detrás das súas melodías ou letras. Agora, despois de décadas nesa revolución das pandeireteiras, A Coruña está chea de seráns, para nós foliadas incentivadas polas asociacións

que están constituídas polas xentes que se botaron ás aldeas a recoller información das nosas tradicións vivas, actuais, contemporáneas.

A primeira música que eu escoitei a finais dos anos 60 e principios dos 70 foros os gaiteiros pola rúa chamada avenida General Sanjurjo, agora avenida de Oza.

Si, porque tamén forma parte da esencia da cidade a procura da dignidade e a recuperación da memoria histórica. Eu daquela non entendía, só era unha nena polo barrio dos Castros, pero lémbrome de ir coa miña nai, María Mosteiro Fraga, pola rúa e escoitar a unha señora moi alporizada dicíndolle a alguén o violento que era ver nomes referidos ao golpe de Estado, que xa bastante fora que eliminaran parte do Mirador para ademais chamarlle a avenida do Exército. A represión continuada na imposición dunha linguaxe, dunha nomenclura.

Na esencia desta cidade está o rural. Unha cidade chea de leiras ao redor, cidade que podería consumir, como tantas outras en Galicia, os produtos plantados ao seu redor, que podería ser unha cidade modelo de ecoloxismo e consumo sostíbel. Todo grazas ás nosas orixes subalternas e fóra do imaxinario capitalista. Coruña sostíbel. Hortas na periferia e mercados locais. Unha cidade abastecida polo que ten de seu.

No momento en que as xentes transitan pola súa cidade sen sentirse alleas en determinados barrios, porque os barrios non están marcados por distincións de clase; no momento en que as xentes viven en barrios que senten como os seus centros, porque non son construídos como subalternos dun centro que é o modelo dunha cidade de ostentación ficticia€ Nese momento a cidade da Coruña é unha cidade de convivencia e de apertura a todo o que hai nela, a todo o que as súas xentes son. A semellanza amalgamada de diferenzas. Diferenzas impregnadas no carácter dunha cidade.

O mar que penetra a cidade, e a cidade que penetra no mar. Construíndose ambas as dúas. Sen barreiras que nos separen del, sen poñer atrancos ao que el fixo de nós. As periferias arribando no peirao para seren tamén centro.

E hoxe, eu, que son de barrio, estou en María Pita.

Comezan as festas hoxe con Gloria Gaynor! Feminista, loitadora, líder, diva, compositora.

Comezan as festas programando proxectos liderados por mulleres, o 80%. Algo debe de estar mutando, nótase no ambiente.

E repito, e hoxe eu que son de barrio, estou en María Pita.