Se o presidente de Inditex, Pablo Isla, se asomara á ventá do seu chalé en Icaria onte pola mañá vería que na parcela do lado traballaba Jesús Varela como se facía hai décadas en Galicia, cortando a herba do prado cunha máquina tan lexendaria en Galicia polo que supuxo de axuda ao campo galego como pola súa famosa fiabilidade. Unha Bertolini era para sempre e a motosegadora coa que Jesús corta o seu prado cada agosto en pleno núcleo de Perillo é desta marca, un fabricante italiano da Reggio Emilia que precisamente este ano cumpre o centenario, aínda que absorbida dende 2008 por un emporio internacional. Esta máquina tamén ten moita historia, leva miles de horas de traballo e ten cumpridos os 55 anos.

"Esta segadora é do ano 1963. Comprouna meu pai, que se dedicaba á agricultura, con moito esforzo, axudándolle familiares porque daquela costaba unhas 117.000 pesetas, tanto coma un coche, coma un Dyane 6. Naquela época alí, nunha aldea de Friol en Guitiriz chamada Narla, só había outra máis, foi das primeiras. Eu useina nos veráns, nos anos oitenta, para gañar cartos cando estudiaba. Ía segar para os veciños. Querían levarse ben contigo para que foras primeiro a cortarlle a herba ao seu prado, ata te paraban polo camiño. Ía cedo, sobre as seis e media da mañá, mirando sempre o ceo, se facía tempo para sega. Cobraba o que hoxe virían sendo 20 ou 25 euros. Traballa dez ou doce horas incluso. Dende os 15 ata os 22 ou 23 traballei con ela para gañar o meu sustento, e agora en Oleiros sígoa usando para segar este prado", relata Jesús Varela, propietario dunha empresa de papelería e material escolar no Espíritu Santo.

Os italianos teñen fama de facer a mellor maquinaria agrícola e a Bertolini é tan famosa en Galicia que ata ten a súa propia canción, a que lle fixo o grupo Poetarras titulada Sube á Bertolina, e na que se conta que a un agricultor lle fallou a moderna rotativa tirada por tractor e tivo que recurrir á vella segadora italiana para saír do paso.

"É unha máquina moi segura, nunca se estropeou, nunca lle fallou nada, ten todas as pezas orixinais, o único que requiere é cambiarlle o aceite. Estas segadoras realmente transformaron o agro galego. Antes segabas a herba coa gadaña, non houbo nada intermedio, pasouse das cuadrillas coa gadaña a esta motosegadora", subraia Jesús.

Esta máquina, cun motor moi sinxelo e con sillín incorporado para comodidade do conductor-segador, quitoulle moito traballo ao agricultor galego, que pasou a segar os prados moito máis rápido e con menor esforzo porque o que a manexa vai sobre un asento dende o que pilota e dirixe o peite dentado. E basta cunha persoa.

A herba para alimentar o gando non se cortaba en calquer momento, tiña que ser no tempo xusto, que estivese "medianamente verde para que secase ben e conservase as propiedades, se se cortaba moi seca despois rompía e non era de calidade.

"Eu cóidoa moito, teño asegurada ademais, porque traballei con ela e foi o meu sustento. Téñolle cariño", asegura Jesús Varela mirando para a súa Bertolini 124D de cor entre azul e verde.

Varela onte segou o prado, cheo de herba xa seca, en máis ou menos unha hora. "Esta semana virá un veciño de Espíritu Santo cunha empacadora a recollela. El úsaa para alimentar a un cabalo que ten. Non se tira nada, todo ten o seu uso. E eu teño a finca limpa. Lembro cando ía traballar para os veciños. Cando tocaba o descanso do traballo traíanche tortilla, queixo, xamón... comías no prado", conta con nostalxia. Porque lembra con cariño os tempos aqueles, de traballo duro pero con outras satisfaccións, coma o estar ao aire libre, as tarefas comunais, nas que viñan axudar todos os veciños da aldea. A malla, a sega, a esfolla do millo.

Jesús representa a última xeración que traballou no campo galego e cré que a Bertolini merece unha homenaxe pola axuda que supuxo. Hoxe en día nenos e moitos adultos dos entornos urbáns, vendo esta máquina, non saberían qué é. "Un día un neno daquí preguntou-lle ao pai, ao verme, qué era esa máquina que parecía un corta pelos xigante", dí sorrindo.

Este empresario orgulloso da historia deste país e das súas orixes ligadas á terra lembra que estas motosegadoras, ademais de usarse para traballar, tamén se utilizaron moito para o ocio, en sustitución do coche.

"Enganchábaslle un remolque e nel subían sete ou oito mozos e íamos así á verbena, polas pistas de noite e cunha linterna para alumbrar porque a segadora non ten luces", relata. Ir á verbena pero incluso a facer recados, ao bar e ata algúns ían incluso á misa comodamente sentados na Bertolina, que dá como moito 25 kilómetros por hora.

Jesús Varela tamén segou, aínda que menos, coa gadaña, un aparello ao que hai que collerlle ben o truco para cortar sen cravar a punta na terra, e con bo ritmo. Tamén a usa de cando en vez, para os pequenos recunchos. A que ten anda tamén polos "cincuenta ou sesenta anos", do que da boa fe a gastada folla. "Coa gadaña collíamos a herba fresquiña, do día, que logo se cargaba nun carretillo ou se ataba nun feixe e se levaba ao lombo. Para segar o alcacer xa se usaba o fouciño".