Maruxa como exemplo de todas esas mulleres silenciadas, das que foron parte do éxito das súas parellas. "Se hoxe temos o legado de Seoane é porque Maruxa Fernández quixo que fose así, ela era a que se encargaba de facer as copias da correspondencia, das cartas que chegaban e das que mandaba Seoane, houbo unha época na que ela preparaba os bastidores e os lenzos nos que pintaba Seoane. Ela estaba segura da importancia, da relevancia da obra de Seoane", explica a directora da fundación que leva o nome do artista, Silvia Longueira. Para recuperar a memoria de todas esas mulleres que foron expulsadas da historia ou ás que só se recorda como musas ou modelos, a Fundación Luis Seoane inaugurará no mes de novembro unha exposición para afondar na súa figura.

Para iso, o comisario da exposición, Juan Martínez de la Colina, mergullará no fondo documental da fundación -que é quen ten o legado de Seoane-, nos arquivos e na biblioteca e os ocos que falten por encher, segundo explica Longueira, tratarán de descubrilos coa testemuña das persoas que a coñeceron, das que viviron con ela tanto en Galicia como en Bos Aires e das que gardan aínda un vivo recordo da súa vida e do seu día a día.

Con este traballo, armarase unha peza audiovisual que terá unha parte de documental e outra de creación, porque haberá que ir fiando feitos e lembranzas para descubrir quen foi a muller de Seoane e que importancia tivo na súa obra. "Ela preocupábase por todo, por organizar a biblioteca, por que el tivese os materiais necesarios para pintar... por todo", relata Longueira.

Será en novembro cando abra as portas esta exposición que contará con obras dos fondos da fundación, pero tamén con fotografías de coleccións privadas, con correspondencia e con detalles biográficos, como que Maruxa e Luis eran curmáns ou que casaron por poderes para que ela puidese ir a Bos Aires, onde el estaba, segundo explica Longueira, que lembra que repasar a historia deste matrimonio é tamén darlle unha lectura á "historia convulsa" de Galicia e de España. "Non é o mesmo investigar sobre a obra dun artista que facelo sobre unha persoa que foi silenciada", relata Longueira.

Na súa lembranza, pero tamén na de moitas máis, fará a exposición a fundación, na de Pilar Belzunce, a muller de Eduardo Chillida; na de Carmen Muñoz, a esposa de Rafael Dieste; ou na de Pilar del Río, a parella de José Saramago, até a súa morte. Para desenvolver esta exposición e outras dúas iniciativas máis, a Deputación deulle á fundación unha axuda económica, de 21.000 euros.

Neste outono, a fundación abrirá unha exposición sobre Seoane e Laxeiro, sobre os dez anos nos que coincidiron, desde o ano trinta ao corenta baseándose, sobre todo, no debuxo de ambos os dous artistas.

"Foi a perseveranza de Maruxa a que fixo que, actualmente, teñamos a fundación", explica Longueira, sen esquecer o papel xogado, por exemplo, pola familia de Isaac Díaz Pardo.