O fin das Festas de María Pita está cada vez máis preto e, con el, chega como cada ano a romaría de Santa Margarita. Esta fin da semana, a música e o baile tradicional encherán o parque coruñés da man de preto dunha decena de grupos folk, que virán de recunchos de toda Galicia para pechar as festividades por todo o alto. As artistas de Tanxugueiras, a Orquesta Folc Sondeseu e Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre serán algúns dos protagonistas do festexo, que contará na súa programación cun espazo destacado para o traxe tradicional. Sobre a prenda realizaranse mostras e roteiros ao longo da semana, na que quentarase motores con actos por toda a cidade.

O groso dos actividades terán lugar o sábado e o domingo, no parque de Santa Margarita. Antes, porén, a romaría seguirá a apostar pola diversificación dos últimos anos, acadando esta vez a zona entre A Pescaría e Orillamar; as prazas de Galicia, Vigo, Lugo e Pontevedra; e o barrio de Elviña. Será nel, mañá, onde teña lugar un dos primeiros puntos do programa. Ás 19.30 horas, na sociedade recreativa Tempo Novo, os autores Xulia Feixóo e Guillerme Ignacio presentarán Mulleres de Gargamala, unha obra etnográfica sobre a cultura musical galega. "Trátase dun libro-disco de recolleitas dunha zona do sur de Pontevedra, onde hai un folclore moi rico. Logo haberá unha foliada, aberta ata que a xente se farte de bailar e tocar", explicou durante a presentación á coordinadora do festexo, Aitana Cuétara.

A música continuará o xoves, cunha Singladura Tabernaria polos bares de Pescaría e Orillamar, nos que se recuperarán desde ás 20.00 horas os cantos clásicos de taberna. Con eles, non será custará chegar co ánimo alto ao venres, no que se poderá afondar na vestimenta tradicional coa carpa da Asociación Brincadeira O traxe vai á rúa. O roupeiro estará disposto na praza de Pontevedra, e aberto en horario de 17.00 a 21.00 horas. Quen se achegue entón poderá probarse as prendas típicas galegas, así como gozar de outras actividades como un photocall, proxeccións e obradoiros de colares e de botóns de fío.

Desta carpa temática sairá, ás 19.00 horas do venres, un roteiro guiado pola exposición de traxes tradicionais instalada preto do parque de Santa Margarita. No percorrido explicaranse as características das prendas, que a Asociación Sete Espadelas exhibe desde onte mesmo, e que poderán verse ata o 26 en nove dos comercios de arredor. "Teñen unhas pezas antigas impresionantes, será un día centrado no traxe", comentou Cuétara, que resaltou como un dos pratos fortes o abano de actividades que se ofertarán ao longo do sábado.

Durante a xornada, a praza de Vigo converterase na do baile, a de Galicia na da música e, a de Lugo, na dedicada á xente miúda. Os actos comezarán en todas elas entre as 11.00 e as 12.00 horas, sendo a primeira a de Vigo, na que haberá obradoiros de danza con artistas como Carme Campo e Pablo Díaz, e as actuacións de Donaire e Aturuxo. As dúas formacións estarán tamén na praza de Galicia, onde Oli Xiráldez impartirá un obradoiro de treboada do Baixo Minho e, Tanxugueiras, outro de ritmos de panaderas. O pandeiro nas Cortellas, de Xulia Feixóo, será o que peche na zona o programa, que terá na Praza de Lugo talleres de danza de paus e de fitas, e un de mariquiñas para os máis pequenos.

Os nenos poderán gozar tamén da música do Dúbidadúo Trío Band, que volverá actuar ás 20.00 horas no Parque de Santa Margarida. Seguiranlle ás 21.15 horas Os Melidaos e, a partir das 22.30 horas, dous dos grupos máis potentes actualmente no mundo do folk, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre e o trío formado polas Tanxugueiras. Os seus ritmos de cheiro salgado pecharán máis aló da medianoite o anfiteatro de Santa Margarita, onde se concentrarán todas as actuacións pensadas para o domingo. "A xente estará no parque todo o día, coa Banda Municipal de Música, xogos para cativos e bailes", apuntou a coordinadora sobre a xornada final, na que haberá festa desde as 12.00 horas.

A banda, Xacarandaina e o Grupo de Gaitas e Baile Participativo encherán de son a mañá e parte da tarde. A partir das 20.00 horas, sairá a escena Samarúas, deixando oco ás 21.30 horas para a Orquestra Folc Sondeseu. Os seus máis de 60 integrantes, e os tres artistas invitados- Xiacu Amieva, Vanesa Muela e Luis Pexoto- porán o fecho á Romaría, que o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, resaltou pola súa dimensión "pedagóxica, artística e cultural". "Na festa popular hai unha enorme riqueza", asegurou o edil, que vinculou a "descentralización" da festa de Santa Margarita coa doutras celebracións estivais, como o Salón do Cómic. Das deste ano, Sande fixo un balance "positivo", e apuntou que se detectara unha "maior incidencia" das festas "na parte económica e turística".