Unha cidade diversa, democrática e variada, e un alcalde, Domingos Merino, a través de cuxa mirada se constrúe o relato dunha Coruña onde conviven, a súa vez, moitas Coruñas distintas. Desta premisa parte, da man de tres estudantes de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela, o documental Outra Coruña Posible-Domingos Merino. Outra Coruña Posible-Domingos MerinoUnha peza audiovisual que explora, seguindo as vivencias do primeiro alcalde coruñés da transición, as moitas caras da cidade de entón e de hoxe.

"Queremos derribar ese tópico alimentado durante a ditadura, da Coruña como unha cidade elitista, superior e oficialista. É unha cidade dual, como moitas outras. Un dos obxectivos deste documental é narrar esas outras Coruñas e desmontar ese mito", explica o guionista do documental, Lois Alcayde.

Este estudante de 21 anos e as súas dúas compañeiras, as xornalistas Paula Quiroga e Paula Durán, admiten que non imaxinaron nunca o alcance que ía suscitar este novo relato do alcalde e da cidade. "Escollemos a figura de Domingos Merino como fío condutor da narración porque é unha personaxe que temos que reivindicar. Hai moitas maneiras de ver unha cidade e nós vimos en Merino unha diferente. O alcalde simboliza esa outra cidade posible que dá título ao proxecto", explica Alcayde. Outra Coruña posible pretende reivindicar, en palabras dos seus impulsores, esa cidade que esperta en democracia tras 40 anos de ditadura, "onde a xuventude toma a rúa, a cidade do amor e do desamor, do colectivo poético, do jazz e das esperanzas". Un proxecto que, recalcan, non é un documental turístico nin localista, senón que busca levar á pantalla a historia dos barrios da cidade.

O documental, cuxa estrea está datada o próximo 13 de setembro, consiste nunha narración coral a través de varias fontes que gardan relación co alcalde. O escritor Manuel Rivas, quen fóra xefe de prensa do Concello durante a lexislatura incompleta de Merino; a ex concelleira do BNG, María Xosé Bravo; e o actual alcalde da cidade, Xulio Ferreiro, son algunhas destas voces que constrúen o relato dunha figura esquecida da historia coruñesa. "Domingos Merino é un persoeiro que aínda non tiña un documento audiovisual. Sobre a súa figura ronda un silencio interesado, escuro, un silencio que había que mover". Os tres estudantes de xornalismo decidiron pór o foco na figura de Domingos Merino ao considerar o seu mandato "escurecido tas 30 anos de vazquismo", e descoñecido para as novas xeracións.

O documental conta ademais coa testemuña dunha das persoas máis próximas á figura de Merino, o seu viúvo Jorge Galiñanes, co que compartiu 28 anos da súa vida. "Jorge ofrece un retato moi fermoso dese lado persoal de Domingos Merino. Amosa ese amor entre dúas persoas que se querían moitísimo. Sen dúbida é unha pedra angular deste documental", apunta o guionista.

O proxecto trata de aportar esta vision íntima da figura do alcalde, así como traer ao presente as propostas do Goberno municipal daquel ano 1979, que, en palabras de Lois Alcayde, "de terse seguido teriamos unha cidade radicalmente diferente á que temos agora".

Non é difícil, seguindo o fío do documental, extraer paralelismos entre a Coruña da Transición e o entramado social da cidade de hoxe. "Hai moitas similitudes entre a sociedade coruñesa de hoxe e de entón, desa outra Coruña posible hoxe queda o movemento veciñal, a cidadanía que toma as rúas o 8 de Marzo, que crea, que se expresa, que reclama o seu espazo", asegura Alcayde.

O proxecto, que parte dun traballo proposto para unha materia da facultade, naceu a principios de ano coincidindo co pasamento do rexedor, e non contou con máis medios técnicos e económicos que os que os tres estudantes puideron aportar por conta propia. Un traballo, según admiten, en certo xeito agridoce. "O documental magnífico tería sido poder falar con Domingos e ter presente a súa voz. Non sendo iso posible, a circunstancia de actualidade tivémola co seu falecemento", asegura o guionista, quen incide en "convidar, dende o xornalismo, a mover o silencio. A memoria non pode ser secuestrada".