Levan nel apenas tres anos, pero as compoñentes de Tanxugueiras xa teñen deixado unha pegada no folk. "É algo moi raro, porque non estamos afeitas a que nos coñeza tanta xente. Como vai todo tan rápido, creo que en realidade non somos conscientes", di Sabela Maneiro, pandereteira do grupo. Coa súa forza, e a súa naturalidade, conquistaron xa mesmo os escenarios de Glasgow. Esta noite estarán no Parque de Santa Margarita, onde interpretarán desde a medianoite os sons tradicionais do seu primeiro disco homónimo.

-Algúns músicos como Xabier Díaz, din que o xénero da música tradicional está nun grande momento. Outros, como Radios Cos, opinan que sofre un deterioro. Cal é a visión de Tanxugueiras?

-Eu creo que está nun momento moi doce. Todo é cíclico, e ao mellor aí atrás, cando había cartos, podíanse facer máis cousas. Pero eu cada vez vexo a máis nenos e nenas tocando a pandeireta, que xa non hai esa vergoña de levala á clase?

-A había?

-Si. Eu acórdome de que levar a pandeireta a clase era de paletos. E cantar nas asociacións estaba ben visto para a xente coa que te movías, pero para outra... Niso houbo un cambio. Agora a xente empeza a ver a música tradicional como unha música máis.

-Pero chama a atención que este interese do público aconteza xusto cando estamos máis globalizados ca nunca, e rodeados de músicas comerciais. ¿Non afecta?

-Eu creo que si, pero tamén coñezo a moitas rapazas que nos escoitan a nós e tamén música comercial. Poden convivir perfectamente as dúas facetas, pero claro, temos un rival moi forte. Nós, por exemplo, como estamos en contra das letras do reggaetón, facemos algunha pullita nos concertos. E a verdade é que temos sorte, porque o que dicimos vai a misa [ri]. É unha pasada que eses nenos nos admiren tanto.

-É unha responsabilidade.

-O é, pero nós intentamos darlles o que pensamos en pildoriñas. Por exemplo, temos unha canción [ Que non mo neguen] que di: "Son muller forte e libre". Falamos moito diso nos concertos. Diso, e de que temos que estar orgullosos da nosa fala e da nosa música tradicional.

-Vostedes están achegando á moitos ao xénero co seu disco. O abren con Ai a Ribeira , de onde é Aída Tarrío. Tiraba a casa?

-A verdade é que cando a escollemos non nos dimos conta. Ademais, como di: "Ai a Ribeira, caramba, non hai quen vaia?" [ri]. Temos unha coña, porque lle dicimos: "Ten tela que ti cantes isto". Pero é unha peza que Olaia e eu escoitamos desde nenas, como unha banda sonora que te persegue toda a vida. E dixemos: "Esta ten que ir".

-Venlle de novas, logo, a paixón pola música de raíz.

-Fomos a unha asociación toda a vida, para nós a vida era a música tradicional. E co proxecto, dixemos: "Con que se una unha persoa máis á nosa forma de pensar? Porque mentres haxa unha persoa máis falando e cantando en galego, menos posibilidades hai de que morra".

-Pero a súa é unha música en galego reformulada. En Non cho sei , por exemplo, xuraría que escoitei jazz.

-Si, é verdade. Eu non che podo dicir cantos xéneros poden estar alí metidos. Pero son moitos. Encántannos a música tradicional, pero non o somos 100%, de cantar coma as vellas. A tradición está evolucionando, non nos podemos quedar estancados no pasado.

-Haberá a quen o de tradición e evolución lle soará a termos contraditorios.

-Non nos importa. Porque nós sabemos o que é a tradición. Sabemos o que é conservar as coplas galegas, intentar tocar aquel toque desa zona que si que é importante conservar? E despois, o que queiras. O que estamos facendo nós ao mellor algún día é tradición.

-Tamén reciben críticas por outras vías. Contábame Sés que outro grupo lles dixera que unha muller, para dedicarse á música de xeito profesional, precisaba dun home, porque son "mellores". É algo habitual?

-É moi habitual. Nós chegamos sen ter nin idea deste mundo, coas nosas pandeiretas, e de súpeto, faise un vídeo viral e nos coñece a xente. E de repente, empezan as críticas. Críticas dos puristas, de se estamos a estragar a música tradicional. Logo te veñen "amiguiños", dicíndoche: "Cáesme moi ben, pero non ides chegar a ningún lado porque necesitades a un home detrás". Pensamos moitas veces en deixalo todo, porque é pelexar moitísimo.

-Fala dun vídeo viral. O gravaron nun ensaio no Celtic Connections de Glasgow. Este ano volveron, como foi a experiencia?

-Sempre dicimos que imos comprar unha casa en Glasgow, porque é magnífico. Eu creo que empezamos a ser coñecidas alí.

-Apostar polo mercado internacional entra nos seus plans de futuro, logo?

-Nós, con tal de viaxar, entramos en calquera tipo de plan [risas]. O certo é que, se a xente saíra desta caixa de mistos que é Galicia, e vira como se valora a nosa música? Xa habería 40.000 persoas tocando a pandeireta.