09 de septiembre de 2018
09.09.2018
Xulio Ferreiro Alcalde da Coruña

"Non gaña ninguén se a cidade carece de orzamentos en 2019"

"Nas conversas dos orzamentos do Estado, a cuestión da Coruña e do seu porto teñen que estar enriba da mesa e non teño ningunha dúbida de que así o van facer os deputados de En Marea"

09.09.2018 | 01:31
Xulio Ferreiro, nun dos corredores de María Pita.

Setembro arrecende a libros novos, a bos propósitos e á volta á rutina. En María Pita, o curso comeza con novos proxectos, e con moitas cousas aínda por facer. O alcalde, Xulio Ferreiro, asegura que o Concello é unha avaliación continua, aínda que, como os seus compañeiros e compañeiras de clase, sabe que, en maio, haberá exame, o máis importante desde aquel día de 2015 no que os votos nas urnas deron o Goberno local á Marea Atlántica.

- Comeza un novo ciclo, cantas materias lle quedan por recuperar do curso pasado?

-Aquí a avaliación é continua, pero sempre hai materias pendentes. Os proxectos non se esgotan nun ano, e nós tivemos primeiro, que tomar conciencia, executar as primeiras medidas de cambio, e poñer as bases para un cambio máis profundo na cidade. Iso non se consegue nin nun ano nin en dous, nin, seguramente, nun mandato. Estamos satisfeitos co realizado até o de agora, pero sabemos que a esta cidade aínda lle quedan moitos asuntos importantes pendentes e moitos desafíos.

- Pero en maio hai reválida.

-Si, en maio preséntase o balance do traballo feito. Creo que os obxectivos estarán cumpridos en termos de programa. Presentámonos cun programa de 99 medidas e a cidadanía vai poder chequear o grao de cumprimento, vai ser incomparable co grao de cumprimento de calquera Goberno anterior. Estaremos no 80%-90% do programa e daremos explicacións razonables das que non están cumpridas. Os grandes compromisos éticos e políticos tamén están cumpridos. Falamos dun goberno honesto, fronte ao que pasou no mandato anterior, aos Pokemon e as Enredaderas. A Coruña xa non é noticia por isto. O compromiso do traballo creo que tamén está cumprido. Dixemos que iamos atender a quen máis o necesita, así que, convertémonos no Concello de Galicia que máis inviste en cambio social e en políticas sociais. En canto ao modelo urbanístico, A Coruña xa non está ao ditado nin dos grandes propietarios do solo nin das grandes empresas promotoras. Esas prioridades eran as que prometemos hai tres anos, son as que temos e as que seguiremos tendo se hai un segundo mandato.

- Van ter incorporacións no patio, cando menos, Francisco Jorquera, que será o candidato á Alcaldía do BNG, e a aínda conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, que semella ser a candidata do PP, como se presenta a fin do curso, con estes compañeiros que chegan agora?

-Non vexo ningunha novidade. O PP non ten modelo para a cidade, leva catro anos facéndolle oposición á Coruña e, no caso de Beatriz Mato, desde o lugar que non lle corresponde. Non lle pagamos o seu salario de conselleira de Medio Ambiente para que se dedique a facerlle oposición á cidade. O PP foi varrido do Concello da Coruña hai tres anos e as mesmas razóns que levaron a botalo seguen presentes. Poderá cambiar a cara, pero non cambia nada máis.

- E Jorquera?

-É un candidato continuísta. O BNG xa sabemos que leva o ton cando está na oposición e, despois, cando está nos gobernos, e na Coruña pasou, perde a oportunidade de facer cambio social. Cousas que fixemos nós neste mandato poderían telas feito eles antes.

- Cre que se lle poden ir votos pola esquerda, apoios que volvan ao BNG, logo dos catro anos de goberno e de cousas que non gustaron nada os seus votantes, como as cargas no centro social A Insumisa?

-A base social que apoiou á Marea Atlántica no 2015 ten as mesmas razóns que entón para seguir apoiándoa, incluso máis. Teñen as razóns que nos trouxeron aquí, de emerxencia social, de necesidade dun recambio na política e agora tamén as razóns dun proxecto que demostrou que é sólido, que está poñendo en marcha moitas cousas. Nestes anos aprendemos o bo, aprendemos como funciona a institución, aprendemos que os tempos do cambio non son os que nos gustarían e, afortunadamente, non aprendemos ningunha das cousas malas da política, que outros teñen xa moi aprendidas.

- E como será a lista da clase, como van facer a candidatura da Marea e cando van comezar?

-Non estou moi preocupado pola confección da candidatura, creo que a Marea Atlántica a fará no momento axeitado. Estou centrado en rematar este ano e, despois, en configurar o mellor equipo, que integre todas as sensibilidades da Marea Atlántica, que reúna a experiencia destes anos e que introduza tamén os elementos necesarios para dar un salto adiante.

- Repetirán todos os concelleiros que están no Goberno local?

-Non o sei, aínda non sei que é o que queren facer os concelleiros das súas vidas. Son conversas que aínda temos pendentes.

- Pero no colexio, os capitáns dos equipos escollen a quen queren, non haberá nada de decisión persoal?

-Non, non vai ser en ningún caso unha decisión personalista, a configuración dunha lista dun proxecto político como Marea Atlántica non se impón desde arriba, constrúese desde abaixo e con moitos ingredientes. Estamos tamén nun estado demasiado prematuro da cuestión como para poder anunciar nin sequera unha porcentaxe de persoas que repetirán.

- A pouco máis de medio ano das eleccións tampouco falaron da cota de poder que pide Podemos ou de se, finalmente, se van presentar en solitario, fóra da candidatura de confluencia de Marea Atlántica?

-Eu creo que a confluencia na Coruña é moi sólida, creo que a Marea Atlántica fixo ben as cousas, intentando integrar a todas as forzas políticas, pero tamén a persoas que non se senten representadas por ningunha en concreto. Eu estou seguro de que todas as forzas que apoiaron á Marea Atlántica no 2015 van seguir facéndoo.

- Empeza o curso e hai temas que se repiten por estas datas, primeiro, teñen que pactar a que dedican o superávit do ano pasado e, despois, a configuración dos orzamentos.

-Eu creo que, en canto ao superávit, non haberá problemas e que poderemos chegar facilmente a un acordo co PSOE para decidir investimentos por valor de quince millóns de euros. Imos por unha liña semellante, de apostarmos polos equipamentos sociais, educativos, culturais e deportivos. Creo que non deberiamos ter demasiado problema e creo que non o vai haber. En canto aos orzamentos, espero que tampouco. Estamos rematando a fase interna e agardo que, durante este mes, poidamos presentar xa aos grupos e, particularmente, ao PSOE un proxecto de orzamentos co que poidamos negociar. Se todos estamos por defender a cidade e por ter como prioridade o desenvolvemento económico e social, imos poder chegar a bo porto.

- Deses quince millóns de euros hai xa partidas asignadas?

-Cando cheguemos a un acordo, se é que chegamos, será o momento de falar diso.

- Contan con ter o apoio do PSOE nos vindeiros orzamentos? É ano electoral e a campaña pode comezar aí.

-É unha variable que hai que ter en conta, creo que o interese da cidade ten que estar por enriba dese tipo de cuestións. Creo que non gaña electoralmente ninguén por que a cidade non teña orzamentos en 2019. Só a metade deses orzamentos se executará neste mandato, a outra executarase no seguinte. Eu espero que poidamos chegar a un acordo e que os regates curtos electorais non sexan problema.

- E se non chegan a acordo?

-Pois os orzamentos prorrogados son un instrumento para poder seguir adiante, hai proxectos en marcha, creo que o ideal é ter uns orzamentos cada ano, pero tampouco sería dramático non telos. De todos os xeitos, eu aprecio no PSOE, nas últimas semanas, signos de ver que é importante que as forzas da esquerda, as que conformamos a maioría política e social na Coruña, teñamos claro quen son os nosos adversarios políticos.

- Este ano, en abril levaban o 29% do orzamento executado, o mesmo que o ano anterior, en que grao de execución está agora e como chegará ao final deste ano?

-Agora mesmo, a porcentaxe non a sei, pero estamos nunhas cifras totalmente normais. É curioso que o PP sempre intente instalar esta mensaxe de que non se executan as contas cando, en realidade, a execución é normal, incluso é superior á que tiveron eles no mandato anterior. O PP deixou ducias de millóns de euros sen executar en obras concretas como puido ser o ofimático. Este ano, o investimento vai ser superior ao doutros exercicios xa que a aprobación tardía dificultaba o investimento, que era a única partida na que non estabamos nos niveis que nos gustaría.

- Volvendo á linguaxe escolar, hai varios proxectos que se repiten ano tras ano desde a chegada da Marea Atlántica a María Pita, por exemplo, o novo mapa de rutas do bus. No 2017 dicían que sería o ano da mobilidade, pero estamos en 2018 e as liñas de bus seguen coma antes, cando van cambiar?

-Si que está a ser o ano da mobilidade. Ningún outro Goberno municipal se atreveu antes a revisar o contrato da Compañía de Tranvías. Nós demos un paso adiante e practicamos unha política de revisión e fiscalización que creo que vai redundar nunha mellora das condicións do servizo. O traballo do deseño das liñas segue en marcha e eu agardo que poidamos ter noticias en breve. É certo que nos gustaría telas tido antes, pero son traballos técnicos complexos onde, ás veces, xorden cuestións imprevistas, pero seguimos adiante.

- E o proceso participativo?

-Queremos ter ese diálogo tamén coas entidades sobre o proxecto. Mobilidade non son só os buses, tamén é o carril bici, que imos aumentar o número de quilómetros nun 50%, dotándoos de sentido porque teremos o centro e a Universidade conectados. A Cidade Vella foi un proxecto de mobilidade que aínda non está rematado porque imos continuar coa dinamización do barrio. Todas as intervencións que facemos no espazo público responden a un cambio de modelo na cidade, para que a mobilidade sexa máis branda. No transporte público tamén se van producir cambios moito máis visibles que os que tivemos até o de agora.

- Pero cando? hai uns meses, neste xornal, o redactor do proxecto, Salvador Rueda, dicía que o traballo estaba case feito e que se poderían cambiar as liñas dun día para outro.

-Estamos traballando para facer un estudo inicial e poder presentar unha cousa acabada e que non xere conflitos e que se poida someter á opinión pública sen problemas técnicos.

- Haberá probas con algunha ruta ou será, como el dicía, da noite para a mañá?

-Teremos que ver tamén cal é a duración, aínda que eu son partidario de ir avanzando no que se poida e, despois, facer melloras.

- Mandaron xa á Comisión Europea o contrato da Compañía de Tranvías?

-Enviamos a información que a Comisión de Defensa da Competencia nos requería e, ante unha advertencia así, había que facelo. Non tiñamos ningún interese en non facelo. Ese informe non caeu do ceo, foi provocado por un estudo serio por parte do Concello e unha revisión do cumprimento das condicións dese contrato.

- Como van as negociacións ás que ligaban antes o envío do contrato? pedían rebaixa da tarifa do bus, que fose gratuíto para menores de trece anos e tamén transbordos universais.

-Se non é con negociación, será como unha decisión do Goberno, pero imos implantar esas tarifas en moi breve. Non podo dar a data exacta, pero será axiña.

- Para o vindeiro ano?

-Ou mesmo para este ano.

- Desde que se presentou o deseño da praza de Monte Alto até hoxe pasou ano e medio e as obras seguen sen comezar, outra que lles queda para setembro...

-Agora está en fase de redacción ese proxecto que se adxudicou. Os trámites administrativos sempre son máis lentos do que nos gustaría, pero esas obras van poder quedar licitadas e adxudicadas dentro deste mandato.

- Tampouco se sabe nada aínda do proxecto, agora xa só municipal e sen centro de saúde, para o mercado de Santa Lucía.

-Perdemos tempo coa Xunta, que renunciou ao proxecto do centro de saúde, agora hai que modificar o que estaba previsto, así que, imos facer un centro cívico. Niso está o arquitecto e, en canto remate, licitarase a obra.

- Hai prazos?

-Entendo que será en breve.

- No programa electoral da Marea Atlántica tamén prometían desenvolver un reglamento para fomentar a participación cidadá, a uns meses de rematar o mandato, non está feito nin iniciado, por que?

-Foi imposible avanzar, fixéronse varias propostas de plans de traballo que nunca atoparon un mínimo acordo, creo que, porque nunca houbo un interese real dos outros grupos en avanzar neste tema. Nós demos pasos en participación, como o Dillo Ti ou o escano cidadán, a participación foi moi importante durante todo este mandato e podería ter sido máis cunha reforma do regulamento.

- Era máis doado facer o programa que, despois, poñer as propostas en práctica? Era todo máis sinxelo cando só era teoría?

-Facer un programa non é doado, aplicalo é moito máis complicado, aínda así, non teño a sensación de que houbese incumprimento do programa. Hai cuestións que requiren maiorías plenarias e que non se conseguiron. Un pode tirar do carro, pero non o pode levar só e menos se hai quen o está bloqueando.

- Os residentes de Elviña din que, logo destes tres anos, as súas vivendas seguen igual, afectadas polas obras e ameazadas.

-Non foron desafectadas pero tampouco foron derrubadas, é un avance bastante importante, porque, de ter continuado a anterior corporación, xa non estarían en pé. Tamén iniciamos o proceso para revisar o plan, un cambio urbanístico dese calibre non se fai dun día para outro. Entendo que son vítimas dunha trampa urbanística que vén de moi atrás e desfacer esa madeixa é moi complicado. Se me poño na súa pel, eu tamén tería a mesma premura, pero avances houbo.

- Falaron con Interior sobre a cesión de uso do cárcere e sobre aumentar o investimento para a súa rehabilitación?

-Entendo que non debería haber problema para renovar o contrato de uso cada ano. Podemos intentar avanzar na rehabilitación, pero estamos pendentes do pleito que teñen o Concello e o Estado, e da sentenza que diga se hai que pagar ou non polo edificio. O que temos que facer agora é intentar que non se siga deteriorando.

- Solicitarán máis fondos para a rehabilitación e incluirán tamén partidas para este fin nos vindeiros orzamentos?

-Investiremos até onde poidamos porque a cesión é temporal e hai un límite para os bens que non son de titularidade municipal, así que, imos buscar mecanismos con outras administracións para, primeiro, parar o deterioro e, despois, aumentar a superficie que se pode utilizar.

- Que lle din as enquisas electorais?

-Que hai unha opción clara de repetir mandato o ano que vén, concelleiro arriba concelleiro abaixo, parece que o panorama non é moi diferente ao de 2015. Eu agardo que poidamos subir en intención de voto e lograr mellores resultados, aínda que non é algo que me quita o sono.

- Que lle quita o sono?

-O traballo do día a día e estar á altura dos desafíos da cidade e rematar o mandato coa sensación de ter cumprido o deber. Agora teño esa sensación, seguro que a teño cando remate este mandato e tamén no seguinte.

- Vese en coalición co PSOE?

-Todos nos presentamos para ter o mellor resultado posible e, para nós, iso implica ter un goberno estable.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es