1. Instar ao Goberno do Estado a condonar, ou conceder axuda equivalente, o préstamo concedido por Puertos del Estado á Autoridade Portuaria da Coruña para a construción do Porto Exterior de Punta Langosteira.

2. Instar á Xunta, ao Ministerio de Fomento e ao Concello da Coruña, a convocar de inmediato a Comisión de Seguimento prevista no convenio asinado polas administracións o 2 de febreiro de 2004 para a reordenación dos terreos portuarios, para negociar e asinar co Concello da Coruña un protocolo de colaboración que teña por obxecto a revisión dos convenios de 2004, e con ela a do PXOM do 2013, sobre o fundamento e a definición dun novo horizonte litoral e portuario para a cidade baseado nos seguintes principios reitores básicos: titularidade pública dos terreos, equipamentos dotacionais e espazos libres públicos e usos produtivos portuarios e complementarios.

3. Instar á Autoridade Portuaria da Coruña, a Puertos del Estado, ao Ministerio de Fomento e á Xunta de Galicia, así como a ADIF, a constituír xunto co Concello da Coruña un consorcio público (ente público) como forma de participación e xestión dese novo horizonte litoral, no que, asegurando os obxectivos sinalados no apartado anterior, o Concello da Coruña teña garantida a participación suficiente para a súa execución.

4. Instar ao Ministerio de Fomento e Puertos del Estado a impulsar e financiar a execución da conexión ferroviaria do Porto Exterior de Punta Langosteira e, a tal efecto, demandar a correspondente inclusión do orzamento correspondente e suficiente tanto no Plan de Investimentos de Puertos del Estado como nos Orzamentos Xerais do Estado para o 2019. Do mesmo xeito, instar ao conxunto das administracións e entidades competentes a incrementar os esforzos na plena operatividade, conectividade e promoción internacional do porto exterior.

5. Trasladar o presente acordo á Xunta de Galicia, ao Ministerio de Fomento, á Autoridade Portuaria da Coruña, a Puertos del Estado e a ADIF, así como ao conxunto dos grupos parlamentares tanto no Parlamento de Galicia como nas Cortes Xerais.