- Tiveron algunha reunión xa co Goberno central, máis alá de co delegado do Goberno, Javier Losada, para falaren do futuro da fachada litoral e da condonación da débeda?

-Para nós foi unha boa nova o cambio de Goberno, porque co anterior era moi difícil chegar a un acordo. Logo dos cen primeiros días este bo clima ten que trasladarse a cuestións concretas e que non vexamos defraudadas as esperanzas que depositamos desde a cidade da Coruña no cambio de goberno.

- Os deputados de En Marea, a diferenza dos de Compromís, non ligan o seu apoio a Sánchez a proxectos concretos como podería ser a condonación da débeda da Autoridade Portuaria, sería unha boa maneira de axudar á cidade a conseguir que non se especule cos terreos portuarios cando sexan liberados?

-Aínda non empezaron as negociacións orzamentarias no Congreso. A cuestión da Coruña e do seu porto ten que estar enriba da mesa nesas negociacións e non teño ningunha dúbida de que así o van facer os deputados de En Marea.

- E a consulta popular sobre o futuro do litoral, para cando?

-Temos en marcha un mecanismo participativo moi importante no porto, que é un concurso de ideas e no que se poderá expresar a cidadanía a través de aí. Eu creo que, cando teñamos ese proxecto rematado, será o momento e así está previsto.

- Non era iso o que aprobaron no pleno.

-Pero o aprobado no pleno non está descartado. As cousas hai que facelas pola súa orde e eu creo que a consulta ten que ter unha función e ten que ser sobre algo tanxible. A consulta ten que ter unha utilidade política decisiva. Nestes momentos, non é preciso preguntar se se quere a cesión gratuita dos terreos, xa sabemos que toda a cidade quere iso. Imos no camiño que nos acabará conducindo aí.

- Agora que hai outra sensibilidade en Fomento, van intentar meter máis cambios no proxecto de Alfonso Molina?

-As nosas achegas ao proxecto levan dous anos en poder do ministerio, non temos máis que engadir, salvo que se inclúan no proxecto definitivo.

- Estalle axudando que o delegado do Goberno fose antes alcalde da cidade?

-Sempre hai máis empatía, ademais eu con Losada xa tiña boa relación antes de que fose nomeado delegado do Goberno, a verdade é que falei máis no último mes co delegado que co anterior en tres anos. Non é que teña mala relación con Santiago Villanueva, pero será polo cambio de perfil ou porque foi alcalde, non o sei, pero falamos máis.