Emilia Pardo Bazán (1851-1921) é unha personalidade que acadou un amplo recoñecemento como figura da literatura e cultura española do seu tempo. Asemade, nos ámbitos social e cultural coruñeses xogou un destacado papel durante décadas e o patrimonio da súa familia mantén unha notable presenza a día de hoxe, dela era o pazo de Meirás e as actuais sedes da Real Academia Galega e do Ceida (castelo de Santa Cruz). Mais neste episodio imos salientar unha cuestión pouco coñecida da biografía da famosa escritora e na que tivo unha sobranceira intervención. Referímonos á súa especial atención á cultura científica, cuestión ben singular naquel tempo, pois ese mundo permanecía vedado para as mulleres; un protagonismo que, alén do contido e enfoque das contribucións, merece destacarse polo carácter pioneiro.

Interese inicial

O seu contacto coa ciencia veu dado por unha circunstancia que afectou á vida familiar. O pai, José Pardo Bazán, foi elixido deputado en 1868, no inicio do Sexenio Liberal, e trasladouse para Madrid, mais a evolución política española non lle agradaba e a familia marchou de viaxe por Europa á espera de tempos máis favorables. Esa estadía resultou importante para a formación intelectual da futura escritora pois lle facilitou o coñecemento de idiomas e o acceso directo ás preocupacións culturais vixentes nos principais países europeos. Nese contexto observou o crecente prestixio da ciencia, o feito de que esta constituía un ingrediente básico da cultura contemporánea, convencemento que mantivo ao longo da súa vida.

Achegamento peculiar ás novidades

Esa valiosa e permanente atracción que Emilia sentía polas novidades e modas culturais deu lugar nela a un achegamento peculiar, na medida en que sempre pretendeu concilialas co seu pensamento conservador. Un obxectivo difícil de cumprir na súa época, pois o tradicionalismo mantiña unha dura batalla fronte os cambios introducidos pola sociedade liberal. Esa contradición da escritora xeraríalle numerosas e comprensibles críticas; por unha banda, os sectores integristas, cos que mantiña boa relación, criticarana polo que consideraban "excesos" e, pola outra, os impulsores das novidades viron nela unha intérprete espuria e incoherente das mesmas.

Desde esa perspectiva, en ciencia tentou de harmonizar as novas propostas coas posicións da Igrexa católica, que cuestionaba teorías como a darwinista e, sobre todo, a autonomía do pensamento á marxe da súa doutrina. As autoridades eclesiásticas seguían a supeditar todo saber á "verdade revelada" (mesmo á aceptación literal dos textos bíblicos), o que supuña evidentes atrancos a un labor científico que necesitaba e necesita estar libre de condicionantes. Emilia Pardo Bazán mantiña a tese "concordista" de que a ciencia e os dogmas daquela Igrexa eran compatibles, tentaba explicar aos católicos, paternalmente, "que toda novedad científica se les figura un sacrilegio, cuando debieran comprender que, si son dueños de una verdad en la esfera metafísica, las verdades de la esfera física forzosamente han de confirmarla. ¿Qué es la ciencia? Verdad demostrada. ¿Qué es la religión? Verdad revelada. Pues, ¿cómo ha de invalidar una verdad a la otra?".

Unha primeira polémica, o debate con Octavio Lois

Desde a perspectiva comentada, a futura literata pretendeu difundir entre ese público crente e desorientado fronte os avances das ciencias unha serie de artigos de temática física, que apareceron baixo o indicativo título de La ciencia amena entre 1876 e 1877 na publicación católica de Santiago Revista Compostelana. En diferentes entregas abordou "el calórico", "la luz", "la electricidad" e "la circulación del movimiento". Os textos están elaborados a partir das publicacións do astrónomo xesuíta Angelo Secchi, responsable do Observatorio Vaticano, respaldo que evita calquera dúbida sobre a súa ortodoxia. O pontevedrés Octavio Lois Amado (1857-1888) publicou un comentario crítico sobre eses artigos na mesma Revista Compostelana: Observaciones al artículo de la señora Doña Emilia Pardo Bazán sobre el Calórico. Neles indicaba as súas discrepancias, amosando algunhas limitacións nos coñecementos científicos da autora. Octavio Lois estaba nunha postura ben distante da de Emilia Pardo Bazán, pois identificábase claramente co positivismo e o evolucionismo, apostaba pola nova ciencia e polo soporte filosófico coherente cos eses saberes. A coruñesa respondería cun novo artigo: Apología sobre "El Calórico", mais non ficou contenta coas críticas recibidas e deixou de publicar La ciencia amena.

No debate darwinista: "No llegaremos a semidioses pero no fuimos ni seremos bestias"

A segunda cuestión que escolleu para manifestarse no terreo científico non podía ter maior contido polémico, o debate sobre o darwinismo. Ao longo dos anos 1877 e 1878 publicaría, en diferentes entregas, Reflexiones científicas contra el darwinismo na revista madrileña La Ciencia Cristiana. Unha exposición ordenada do pensamento antidarwinista recollendo os argumentos de autores franceses contrarios ao evolucionismo. A pesar do carácter conservador dos textos hai neles un abandono dos insultos que xeralmente se lanzaban contra Darwin desde eses sectores nesa época e un intento de razoamento na crítica ás súas teorías, se ben descualificou a orixe evolutiva humana cun comentario bastante elemental e alleo á ciencia: "No llegaremos a semidioses pero no fuimos ni seremos bestias".

Alusións á ciencia na súa obra de ficción e de ensaio

A escritora mantivo ao longo de case toda a extensa obra literaria referencias á ciencia, característica que a singularizou entre os escritores da súa xeración. A primeira novela, Pascual López. Autobiografía de un estudiante de Medicina (1879), tiña unha temática científica e as referencias son continuas noutras obras, como Los pazos de Ulloa (1886), La Madre Naturaleza (1887) e La piedra angular (1891), onde o protagonista, Dr. Moragas, é un trasunto do seu amigo, o médico Ramón Pérez Costales. Asemade, a ciencia estará presente nos seus escritos sobre o naturalismo literario. En 1882 iniciou a publicación dunha serie de artigos co título de La cuestión palpitante en La Época de Madrid e foron reunidos ao ano seguinte nun libro que leva o mesmo título. Sobre o tema explicoulle ao seu amigo, o tradicionalista Marcelino Menéndez Pelayo: "Lo que hay en el fondo de la cuestión es una idea admirable, con la cual soñé siempre: la unidad de método en la ciencia y en el arte. ¡Ahí es nada! La división arbitraria ha desaparecido, y la observación y experimentación se aplican lo mismo a la novela que a los estudios anatómicos. Esta madeja está todavía embrollada, pero si se desenreda, que hermosa tela va a tejer el siglo XX".

Defensora dos dereitos das mulleres

A pesar de formar da elite social, Emilia Pardo Bazán debeu afrontar numerosas dificultades para desenvolver o seu labor cultural nunha sociedade tradicional e machista. Así, por exemplo, a misoxinia da Real Academia de la Lengua Española impediu que acadara un posto nela.

Nese tempo, as posicións antifemininas tiñan plena hexemonía e afectaban a todos os ámbitos ideolóxicos. Nas filas progresistas e liberais atopamos numerosas mostras de machismo explícito, tal é o caso, por exemplo, de Ramón Pérez Costales, Francisco Pi i Margall, José Ortega e Gasset, Ramón Pérez de Ayala, Urbano González Serrano, Eduardo Pondal, etc., con posicións que levarían a cuestionar a utilidade social do acceso feminino ao voto. Mais o antifeminismo tiña unha dimensión internacional que incluía como protagonistas a pensadores e científicos como Paul Broca e George Romanes, o escritor Max Nordau, o famoso médico e criminólogo Cesar Lombroso e o psicólogo social Gustave Le Bon. Nesa liña, o médico galego Roberto Nóvoa Santos foi dos que salientou na busca dunha suposta, e falsa, "base científica" da inferioridade da muller.

Emilia Pardo Bazán enfrontouse con afouteza a ese machismo dominante; fíxoo intervindo en cuestións e foros que adoitaban seren exclusivos dos homes, argumentando a prol dun papel activo das mulleres na sociedade. Unha postura valente na defensa duns dereitos que dificilmente se conciliaban coa defensa que realizaba a escritora dos valores e proxectos dunha sociedade tradicional. En todo caso, no tema da educación da muller foi plenamente innovadora, cun razoamento que hoxe nos parece evidente porén que nos seus tempos custaba aceptar: "No es la naturaleza; es la sociedad tal cual hoy se encuentra constituida quien acaso desequilibra a la mujer".