- Como xulga o BNG os dous anos transcorridos deste mandato da Xunta?

-Houbo incumprimentos manifestos dun montón de cousas e hai un maltrato á cidade e á súa área.

- Cre que está relacionado co feito de que perdeu a Alcaldía coruñesa?

-Supoño que si. O PP maniféstase normalmente así, xa que aquilo que non pode controlar condénao ao ostracismo.

- O caso da área metropolitana entraría dentro desa actitude?

-É un dos máis graves porque ademais e unha área metropolitana forte e houbo incumprimentos importantes.

- A que atribúe a oposición da Xunta á súa constitución?

-Son xogadas políticas que non acerto a entender. A política non só é cuestión de poder, senón tamén de servizo aos cidadáns e neste caso trátase de buscar a mellor maneira para servir democraticamente á cidadanía, que é algo que creo que o PP non entende e que na Coruña é manifesto.

- Que opina sobre o conflito sobre o futuro dos peiraos da cidade e a aposta da Xunta por mercar parte deles?

-En canto a posición do PP estou bastante desorientado porque nos tres últimos meses mudou absolutamente. O outro día asistimos no Parlamento a un debate sobre a débeda do Porto no que dixo o contrario do que dicía ata entón. Estamos acostumados a estes cambios de parecer nunha política que se parece máis a capturar electoralmente os votos. No caso do porto estamos falando dun tema moi serio porque supoñía a privatización do 80% dos terreos portuarios da Coruña e isto proposto polo presidente da Xunta no chamado convenio da vergoña que se asinou no 2004 e que agora volve a propoñer para salvarlle as costas ao Goberno central. O porto exterior pertence ao Estado e ten que sufragalo o Estado. A Coruña non ten por que pagalo e sobre todo non hai por que aproveitar isto para darlle xogo ás apetencias especulativas ás que estamos acostumados.

- Tamén sobre a ría do Burgo houbo cambio de posición por parte do PP.

-Esta semana chegamos a un acordo sobre unha proposta nosa para a ría do Burgo para esixir ao Goberno central o que o PP antes non lle esixía ao do seu partido. O PP dicía que no orzamento do Estado hai consignados 24 millóns para investir en tres anos e nós diciamos que non chegan nin para empezar, xa que o custo total se calcula en 46 millóns. O acordo foi que se invistan todos eses cartos, pero o problema é que hoxe defenden o contrario de onte, o que é unha desconsideración ao cidadán.

- Por que non hai acordo entre Concello e Xunta para a posta en marcha de equipamentos?

-Nalgún deles o Concello ten bastante responsibilidade, como na cesión dos terreos para o colexio de Novo Mesoiro, aínda que a Xunta contesta logo co deseño dun colexio pequeno e xustifícao dicindo que non se levan os centros integrados, cando non é así porque son operativos. E ademais estamos a falar do barrio con maior dinamismo poboacional da área da Coruña, polo que non sobran prazas. Neste barrio ademais está o centro de saúde que ten unha planta baleira cando ten posibilidades de utilización. A isto hai que sumarlle a carencia de prazas de gardería, que deixa fóra a un centenar de rapaces todos os anos. E tamén hai que ter coidado co proxecto da planta de aceites do peirao de Oza, sobre a que a Xunta di que hai que respectar a tramitación, pero, imos autorizala aí cando se vai rexenerar a ría sabendo ademais como funciona o medio ambiente neste país?