- Mantéñense os prazos para a adxudicación do contrato da recollida de residuos, que estaba prevista para finais de ano?

-Así está previsto. En Contratación xa están preparando as mesas para abrir os sobres coas ofertas técnicas das seis empresas que se presentaron. Na concellería estamos mentres tanto formando a comisión de expertos que vai avaliar esas ofertas. Queremos pensar que finais de ano será o momento da adxudicación, aínda que está suxeito a que haxa ou non recursos, pero nós seguimos con bo ritmo.

- Cal foi a solución adoptada para dar resposta á esixencia dos traballadores de que as novas instalacións da concesionaria non estean fóra do municipio?

-Os traballadores pediran iso nun primeiro momento, pero entenderon que non era posible facer iso. Hai precedentes con resolucións e sentenzas que din non é posible facer iso, pero si que é lóxico, polas propias características do servizo, que as instalacións se sitúen a unha distancia lóxica da Coruña. Non ten sentido que se o servizo se vai desenvolver na Coruña, ter que ir varias veces ao día a unha nave que estea demasiado lonxe. Xa nos pregos se incluirá unha cláusula que di que as instalacións terán que estar a unha distancia en coche de vinte minutos. Iso non se modificou e os traballadores entenderon que non podiamos limitar a ubicación das naves ao concello da Coruña. O único que se fixo foi introducir nos pregos unha aclaración de como se vai medir esa distancia á cidade.

- Houbo algunha empresa que protestara pola inclusión desa aclaración unha vez aberta a licitación?

-Non, a verdade é que estamos moi contentos porque non hubo ningún recurso aos pregos, e iso é proba do bo traballo realizado. Non me consta que houbera ningunha reclamación porque ademais é simplemente unha aclaración.

- Tamén está pendente a licitación do outro gran contrato da súa área, o da limpeza viaria. Como vai a súa tramitación?

-Xa se pechou a fase de consultas, na que recibimos as aportacións aos pregos, e agora estamos redactando os informes que dan resposta a esas alegacións. Unhas son asumibles e poderanse integrar no borrador inicial e outras non o son por razóns de tipo económico, xurídico ou económico. O informe, como xa fixemos co prego da recollida de lixo, colgarase na web do Concello para que estea accesible a todo o mundo e saiba que consultas se fixeron e que respostas se deron.

- Que previsión hai de cando se abrirá a licitación?

-No último trimestre do ano. Esta consulta está durando máis ca anterior porque se fixeron máis aportacións. Cando se contesten elaboraranse os pregos definitivos e fiscalizaranse, que non é unha tarefa menor.

- Ao tratarse dun contrato cunha tramitación mínima de seis meses, adxudicarase xa no seguinte mandato municipal?

-No seguinte mandato ou, como moi cedo, no primeiro semestre do ano vindeiro. Imos facer todo o posible para licitalo e adxudicalo canto antes.

- Unha sentenza obrigou á xestora da planta de Nostián a asumir o custo do tratamento dos residuos que non poden tratarse. Recorreu a empresa Albada esa resolución?

-Si, presentou un recurso. Solicitamos a execución da sentenza e se nos concedeu. Entendo que eles sigan litigando porque é unha cuantía económica elevada.

- Hai xa acordo entre Albada e o Concello sobre cando remata a concesión da planta de Nostián?

-Xa se iniciou o procedemento para dar audiencia ás dúas partes co obxectivo de fixar a data. O Consello Consultivo estableceu un espazo temporal entre o 1 de xaneiro e 30 de setembro de 2020 e o Concello está traballando na fixación dunha data concreta para que Albada se posicione sobre ela.

- Ese prazo obrigaría a que a licitación do novo contrato para xestionar o complexo se poña en marcha en pouco tempo.

-Temos os pregos do concurso moi avanzados xa. Por iso este mandato está sendo un reto nese sentido, xa que tivemos que licitar enormes contratos de servizos cun tempo de preparación moi intenso porque todos se renovaron neste mandato.

- Introducirá o concurso moitas novidades sobre a xestión da planta?

-Introduce novidades encaminadas a mellorar a cantidade de materia orgánica tratada, a calidade do compost e a recuperación de materiais, ademais dunha mellora técnica da planta moi considerable.

- A depuradora de Bens foi reparada recentemente para corrixir eivas que foran detectadas. Está a funcionar xa a pleno rendemento?

-Tivo unha reparación do emisario submarino, que dera problemas no pasado e de momento parece que está funcionando ben. Queremos seguir introducindo melloras no proceso de depuración e temos previsto algún proxecto para mellorar o seu rendemento de forma considerable.

- En que fase está o plan para a eliminación dos vertidos residuais incontrolados?

-Quedan moi poucos puntos por eliminar. A primeira fase está practicamente acabada, aínda que hai algún punto máis difícil de solucionar, como o da Pasaxe, onde hai un problema crónico e que está vinculado ao futuro do asentamento. O resto están todos solucionados e queremos abordar unha segunda fase con inspeccións sobre os vertidos á rede de saneamento e con vixilancia do que chega á depuradora de Bens. Os grandes puntos de vertido que nos atopamos cando chegamos están solucionados, e de feito xa se viu o resultado porque houbo unha mellora moi rápida da calidade das augas.

- Nos orzamentos participativos deste ano a petición máis habitual foi de novo a de que se constrúan máis zonas verdes. É unha satisfacción para o seu departamento?

-A verdade é que si. Que a xente pida e defenda que haxa máis arbores é o mellor que nos pode pasar. Xa temos cumprido practicamente o programa para plantar 1.500 árbores porque estamos nas 1.400 e na campaña de outono remataremos. Pero virán un montón de árbores máis, como nos bosques das Cinco Illas e de Feáns. Para nós é moi importante porque a mellora da calidade de vida na cidade é a mellor estratexia contra o cambio climático.

- Que prazos hai para poñer en marcha para esos dous novos parques?

-Fixémolos públicos cando estaban na fase de anteproxecto, polo que agora hai que rematar os proxectos e gustarianos inicialos este ano para rematalos en 2019.

- A súa concellería anunciou recentemente que ía rescindir o contrato a Imesapi, a empresa que fai o mantemento dos parques e xardíns históricos, por incumprimentos graves. Como vai ese proceso?

-É un proceso longo e é unha mágoa porque debería ser rápido polos propios parques, que sofren cando estes procedementos se demoran demasiado. Implica unha vez máis a intervención do Consello Consultivo e houbo que darlle audiencia á empresa.

- Habería unha nova licitación se o proceso remata coa rescisión do contrato?

-Por suposto, aínda que solventando as eivas que detectaramos no contrato. Xa vaticinaramos que isto podía ocorrer porque os pregos do concurso permitían ofertas económicas moi arriscadas. Iso conduce a unha deterioración das zonas que queremos evitar poñendo fin a un contrato que entendemos que non está funcionado.

- A responsable do resto dos parques da cidade, Althenia, vén de recibir dúas sancións económicas do Concello por prestar un mal servizo.

-Estamos aplicando o control de calidade en todos os contratos porque estamos moi pendentes de que as empresas cumpran. Cando se detecta que se fan notificaciónse se impoñen penalidades que están previstas nos pregos.