A Biblioteca de Estudos Locais acollerá hoxe ás 19.30 horas a presentación do libro Xenio indomable, unha biografía de Roberto Nóvoa Santos da que é autor Xosé A. Fraga, o director do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses e colaborador de LA OPINIÓN. Ao seu xuízo, Nóvoa foi unha figura da Medicina española do seu tempo que tivo que loitar contra a incomprensión que atopu en Galicia.

- Por que escribiu sobre Nóvoa? Está suficientemente valorada a súa figura?

-Non está valorado como merece e o motivo de escribir sobre el é que é probablemente o médico máis importante que deu Galicia. Podemos poñelo ao nivel de Carlos Jiménez Díaz, Gregorio Marañón e Juan Madinabeitia, a flor e nata que modernizou e medicina clínica española. É un ensaio biográfico na miña perspectiva, pero deixo ao mundo académico que unha década destas alguén faga a biografía extensa. Cando en 2011 creamos o Álbum da Ciencia, incluímos a biografía dos científicos máis importantes e tocoume a min facela. Este traballo fixo que Alfonso Castro Beiras nos propuxera a Carlos González Guitián e a min que fixéramos algo máis extenso sobre Nóvoa e, aínda que o proxecto quedou aí, seguín adiante pola miña conta porque era frustrante ter tanta información sobre el e non darlle forma.

- Cales foron as súas principais contribucións científicas?

-Foi o número un no diagnóstico das enfermidades na súa consulta persoal e na do hospital, ademais de nas súas clases. Como investigador ten centos de artigos publicados e fixo contribucións moi notables sobre a diabetes, o fígado e os sistemas nervioso e neurovexetativo. Tamén incorporou a psicopatoloxía ao seu Manual de Patoloxía recollendo as propostas de Freud, aínda que non as refrendou. Ese libro difundiu a fisiopataloxía alemá, unha visión moderna da Medicina na que o importante é ver a alteración da función do órgano para analizar as variables bioquímicas no laboratorio. Iso foi unha revolución que se deu en Europa na segunda parte do século XIX pero que en Santiago non entrou. O seu libro foi durante lustros unha referencia e estableceu a concepción moderna da fisiopatoloxía, do que son enfermidades, o que é importante porque segundo como se enfoque o que son, así van ir o diagnóstico e o tratamento.

- Desenvolver a carreira en Galicia fíxolle menos coñecido?

-Pode ser, pero en 1928 marchou para Madrid e descubrín que xa quixera facelo antes a raíz dos problemas que tivo en Santiago. Pero foron só cinco anos os que pasou en Madrid, xa que morreu en 1933. Montou unha escola na que traballaron 27 persoas con el como investigador e coordinador clínico e tamén foi deputado pola Federación Republicana Galega. Con el marcharon a Madrid moitos médicos galegos para rematar as súas carreiras ou para formarse.

- Se tivera vivido máis anos sería considerado como unha figura senlleira da ciencia española?

-Si, pero de todas maneiras, Marañón e Jiménez Díaz considerábano como a un igual. Para a xente do mundo da Medicina era unha primeira figura. Logo poden discutirse aspectos porque era un home singular e tivo acertos e erros, aínda que o libro non é unha apoloxía súa, senón unha revisión crítica, xa que actitudes súas como o machismo son totalmente criticables.

- Pero o seu antifeminismo era corrente na súa época.

-O problema de Nóvoa non era que fora machista, que o era a xeneralidade da súa xeración, senón que cada vez que se metía en calquera tema facíao de maneira moi vehemente. Marañón era moito máis suave nos seus pronunciamentos pero pensaba o mesmo. O estraño é encontrarnos a alguén que no tempo de Nóvoa defendera o contrario porque había moita xente que se calaba. Na Facultade de Medicina de Santiago non houbo ningunha declaración sobre o tema da muller, pero mentres Nóvoa tiña dúas mulleres traballando con el no laboratorio e asinando artigos, os seus colegas non tiñan ningunha.

- Causolle problemas o seu carácter á hora de intentar cambiar o ensino da Medicina?

-Foi unha persoa dunha orixe moi humilde que viviu nun baixo ateigado da praza de María Pita pero moi brillante que con 31 anos xa era catedrático da Universidade e que viña de publicar un libro cun impacto tremendo, o Manual de Patoloxía, e editaba a revista Galicia Médica que foi unha revolución na facultade. E, ademais, de estudante foi anarquista e logo foi rebelde, polo que irrompeu como un terremoto na facultade porque non era da endogamia universitaria nin social do profesorado. Nos anos sucesivos atopouse cunha reacción que non quería que as cousas cambiaran e que o vía como un intruso que cuestionaba os seus privilexios.

- Non tivo unha actitude política.

-Exactamente, pero o preocupante é que facía unha formulación absolutamente razoable sobre a formación dos médicos, no que se encontrou coa repulsa dos seus colegas. Quería crear una Escola Galega de Medicina facendo traballo moderno con estudos e publicacións, pero poucos anos despois marchou de aquí para respirar. En Madrid foi recoñecido e obtivo recursos, aínda que todo iso se veu abaixo pola súa morte repentina.

- Quedou algo do seu legado en Santiago?

-Na Guerra Civil un tribunal de depuración xulgouno por ter sido republicano malia estar morto e a súa viúva perdeu a casa. Os seus discípulos de Madrid foron represaliados ou morreron na guerra e os seus colegas de Santiago terxiversaron a súa memoria. Ata 1964 non se colocou un busto seu no Hospital Clínico, aínda que logo desapareceu e foi encontrado na Transición na sala de caldeiras, de onde o levaron á facultade.

- Pensa que A Coruña ten recoñecida a súa valía?

-Ás veces póñense nomes a institucións ou rúas e está ben, pero o que falta é recoñecer a súa obra e as súas mensaxes, que son as dunha persoa volcada á investigación científica e á atención altruísta á sanidade. Eu boto en falta unha placa na casa onde naceu, que sería bastante doado de realizar, pero a mellor homenaxe é coñecer o que fixo e respectar o seu legado.