O pasado luns iniciouse a campaña de vacinación promovida polas autoridades sanitarias para combater a gripe. Unha medida preventiva de probada eficacia, as persoas vacinadas teñen un 60% máis de probabilidades de non sufrir o contaxio e un 80% de que este non derive en morte. Mais en 1918 o panorama era ben diferente. Non se coñecía a orixe da doenza, os sistemas de prevención eran ben rudimentarios e careciamos da opción de vacinarnos.

Ese ano acadou o seu apoxeo a pandemia máis mortífera da Idade Contemporánea, a denominada "gripe española". Unha epidemia global que se veu favorecida polo desenvolvemento da Primeira Guerra Mundial (1914-1918) e supuxo o falecemento duns 50 millóns de persoas en todo o mundo, cifra superior á de mortos ocasionados polo enfrontamento bélico (10 millóns). Precisamente, para lembrar aos afectados pola pandemia, analizar o desenvolvemento desta e reflexionar sobre o futuro da gripe desde a perspectiva da saúde pública, o Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses e a Asociación Isabel Zendal organizaron durante este mes de outubro un ciclo de intervencións co título de A gripe de 1918 cen anos despois.

Chega a gripe

A gripe espallouse por España en tres ondas: na primavera e no outono de 1918 (acadando o momento de máxima mortalidade entre o 20 de outubro e o 16 de novembro) e en febreiro-maio de 1919. Morreron máis de 200.000 persoas e probablemente o virus chegou a Madrid polo tren, cos traballadores temporais contratados en Francia, e espallouse polo resto do territorio peninsular.

O impacto forte en Galicia, dunha enorme contundencia, ocorreu no outono dese ano 1918, deixando preto de 20.000 persoas mortas. Xunto ao elevado número de falecidos e infectados salientou o feito de que esa gripe incidiu de xeito especial sobre xente moza e adultos sans. Esa segunda onda afectou especialmente ás provincias da Coruña e Ourense; a terceira, a de inverno, máis a Lugo, pero cunhas cifras de mortalidade menores que o trimestre anterior. En Santiago morreron moitas persoas, entre elas tres catedráticos da Facultade de Medicina: Narciso Carrero Goyanes, Marcial Fernández Íñiguez e Eduardo del Río Lara. Desbordados pola desgraza, a tarde do luns 2 de decembro de 1918 a banda municipal percorreu as rúas da cidade anunciando a publicación da Santa Bula.

Impacto na Coruña

Non dispoñemos de estudos completos sobre a gripe na cidade se ben as pescudas emprendidas polo historiador Xosé Alfeirán levárono a concluír que morreron 569 persoas e que a infección entrou en setembro da man do vapor Reina María Cristina procedente de La Habana. Pola contra, o médico Carlos Fernández estima que o número de mortos debeu ser maior, pois xa en Betanzos ten contabilizado 400 no mes de novembro; tamén documenta a través dos rexistros de mortalidade do hospital de Santo Antón (Betanzos) a existencia de mortalidade por gripe na comarca no mes de marzo, o mesmo que ocorreu noutras zonas de Galicia, como Vigo. Asemade, defende que o virus veu desde Madrid polo tren, o medio de transporte máis rápido na época e adecuado para a transmisión dunha enfermidade cun corto período de incubación.

En todo caso, a doenza alterou a vida coruñesa, con moitas persoas de todos os sectores sociais afectadas e cuns trinta enterros diarios nos peores momentos. Entre os persoeiros mortos figuraron o popular Manuel María Puga Parga Picadillo, o pintor Germán Taibo e Lois Porteiro Garea, presidente da Irmandade da Fala local. En medio dunha elevada confusión sobre as accións preventivas axeitadas e a propia natureza do mal, tomáronse medidas excepcionais de hixiene e saúde públicas e os xornais recolleron numerosos anuncios de supostos remedios antigripais. Así, en outubro de 1918 abondaban os de produtos que "solucionaban" o mal ou outros de comercios que aproveitaban a situación: "Si queréis, pues, libraros de la gripe, pasad hoy por el Bazar Inglés y comprad un calzado confortable contra la humedad, el frío y la epidemia. En ningún sitio mejor ni más barato".

O médico Rodríguez e a gripe

Xosé Rodríguez Martínez (1856-1921), o popular e singular Médico Rodríguez, converteuse nunha testemuña salientable da pandemia de 1918 na Coruña ao publicar ao ano seguinte un Manual completo de la grippe (sic), un libro de 244 páxinas (18x13 cm.), na Litografia e Imprenta Roel, volume que se vendía por 5 pesetas. O galeno explicou que o texto foi iniciado en novembro de 1918, aproveitando que el mesmo colleu a gripe, e rematado en xuño de 1919, en base á súa experiencia clínica e lecturas: "Leí todo lo viejo y todo lo nuevo que encontré a mano".

Inclúe numerosos e diversos materiais, tratando diferentes aspectos da enfermidade con comentarios baseados na propia experiencia do autor ou doutros especialistas e, mesmo, uns curiosos diálogos co seu amigo, o médico Nicasio Aspe Fullós (debate entre Zorro e Nica). Unha miscelánea que recolle artigos de Rodríguez publicados na prensa local e notas variadas e que rematou cunha sinopse clínico-bibliográfica. En conxunto o libro ofrece unha magnífica oportunidade para coñecer a percepción da gripe polo peculiar galeno e visualizar a práctica médica sobre o tema. No terreo persoal Rodríguez cóntanos como combateu a doenza con moita quinina e dieta, tamén alude á súa recaída e aos erros que cometeu no tratamento, como un agresivo enema fresco, "lavaje intestinal que me propinaron", pois "también los médicos hacemos tonterías".

Entendía, con razón, que a principal prevención consistía en extremar a hixiene e manter o vigor orgánico; tamén acertou ao indicar que ter pasado outra gripe axudaba a evitala. E recomendaba levar vida normal, non alterar os hábitos, mais nese punto non acertaba, a mellor oportunidade de supervivencia residía, ademais de en extremar a limpeza e coidar dos alimentos, en permanecer á marxe dos contactos, "fóra de circulación".

Atribuía a gripe ao bacilo de Pfeiffer, erro moi habitual entre os médicos da época. Richard Pfeiffer identificara a bacteria Haemophilus influenzae en 1892 mais esta non era a causante da enfermidade. O axente infeccioso é un tipo de virus, seres que en 1918 eran moi descoñecidos; o da gripe foi identificado nos anos 30 se ben no propio 1918 varios médicos, algúns experimentando con eles mesmos, xa adiantaron esa orixe vírica. O golpe definitivo ao bacilo de Pfeiffer como causante da gripe daríano en 1921 Peter K. Olitsky e Frederick Gates.

"Mi valiente y alegre Coruña está preocupada"

O médico herculino fíxose eco do impacto da epidemia, que aparecía, en parte, nos medios de comunicación ("me parece que los periódicos vienen grises"), indicando, acertadamente, como estaba afectando a segmentos de idade pouco habituais e laiándose da morte de persoas infectadas que non tiveran asistencia médica e do esforzo dos colegas que realizaban ata 40 visitas diarias. Estimou, polos datos que lle trasladaban, que houbo nuns 3.000 enfermos diarios en outubro e 600 mortos ese mes e non deixou de criticar ás autoridades, que "procedieron lenta y pesadamente".

Rodríguez tamén explicou como combatía a enfermidade. Recorría, bastante, á quinina e á aspirina, unha práctica habitual nese tempo. Hoxe algúns expertos coidan que no combate da epidemia se consumiron cantidades excesivas desas substancias, o que provocou efectos secundarios nos doentes. Tamén utilizou tanino e, ás veces, a "sangría blanda". Ese uso das sangrías, das que di que non as consideraba unha panacea para a gripe, era unha terapia anacrónica na súa época pero á que botaron man algúns médicos superados pola escasa eficacia doutras medidas fronte o virulento xerme. Por outra banda, o médico consideraba útil en certos casos estimular ao enfermo con algo de café e coñac, se ben, de maneira xeral, indicaba: "no es útil tomar alcohol, especialmente los deshabituados".