Unha muller é protagonista do novo libro de Xurxo Souto, A travesía de Chiruca Macallás. O cantante e escritor coruñés fala da importancia do mar e crea unha cidade da mestura entre A Coruña e Vigo. Quere acabar cos localismos e defende que a unión é o importante. "Para cambiar a realidade hai que cambiar os mitos", manifesta.

- Como é a súa nova obra?

-É un libro, e o digo con toda humildade, diferente. Porque fala do mar e as mulleres son todas protagonistas. No mar, as mulleres sufren unha dobre invisibilidade: porque é un mundo esquecido e máis pola condición de mulleres. Neste caso Chiruca, a protagonista, é patroa do Gran Sol. A maquinista tamén é unha muller. E reivindico o traballo de redeiras e mariscadoras. E mesmo os mitos do mar están contados en clave de muller.

- Outro elemento diferente é que na novela A Coruña e Vigo son a mesma cidade. Por que?

-É un pouco provocador pero desde os ollos do mar, A Coruña e Vigo son a mesma cidade. Para un barco que cruza o Atlántico, é o mesmo atracar nun peirao ou noutro. O que ocorre é que unha rapaza de Coia non sabe onde queda Labañou e un de Labañou non sabe o que é Teis. Fixe unha cidade que é unha mistura das dúas.

- Con que obxectivo?

-Co de reivindicar a unión emocional entre Vigo e Coruña.

- Haberá lectores que non o entendan ou lles sente mal?

-Non creo. Levamos moito tempo facendo chistes de Vigo e A Coruña e está ben que o fagamos porque é moi divertido. Pero o certo é que en Vigo están desolados porque o Deportivo está en Segunda División e non hai derbi. Realmente é algo superficial e alentado quizais por políticas localistas. Pero non sirve para nada esa rivalidade. O día en que as dúas cidades máis importantes en número de habitantes de Galicia comecen a colaborar poderemos cambiar a realidade.

- Comezando por que cousa?

-Poderemos conseguir algo tan evidente como que o Corredor Atlántico, esa gran ruta de comunicación con Europa, chegue ata aquí. Eu teño un amigo arquitecto, Pablo Gallego, que di que o primeiro día que dá clase na Escola de Arquitectura pon o mapa de Galicia e o de Tokio. As extensións dos dous mapas son iguais. Que ocorre? Que o que en Tokio é un billete de metro, aquí son peaxes. É un negocio Por iso temos que deixar esos chistes que nos teñen afastados e conseguir cousas tan obvias como unha boa conexión entre A Coruña e Vigo. É unha mensaxe de futuro.

- As dúas cidades teñen moito en común ou máis diferenzas?

-Son a mesma. O importante é que o gran negocio de Vigo e o gran negocio da Coruña é o mar. Cal é o seu orixe? O mar. A gran industria agora é Inditex pero imaxina que marcha a Singapur e quedamos a velas vir. En Vigo estanlles dicindo todos os días que van mandar Citroën a Eslovenia ou Marrocos. Pero o mar non se pode levar. Diante de nós pasa a ruta mercante máis importante do mundo. Por que deixamos que eses barcos marchen a outros portos? Non contamos porque estamos perdidos neste mundo localista. Non vivimos no fin do mundo, vivimos no centro do mar. A maior proba de que A Coruña e Vigo son iguais é que Abel Caballero crese como Paco Vázquez.

- No libro tamén se poden atopar referencias máxicas.

-Claro. Non vale falar só das mulleres, hai que falar dos mitos. Para cambiar a realidade hai que cambiar os mitos. Xa sei que non hai moitas mulleres, por no decir casi ningunha, que sexan patroas de pesca, pero por que? Podemos chegar a ese mundo. En Galicia vivimos no medio do gran mito Atlántico, ese que di que o oceáno é sinónimo de máis alá, do misterio. O Camiño de Santiago, por exemplo, é unha viaxe física pero tamén interior ata a sabiduría e o paraíso. San Brandán e San Amaro viron o paraíso. Todo son homes. Que pasaría se encontrase o paraíso unha muller?

- Sábeo?

-Si. Esto é moi místico. Todos e todas xa estivemos no paraíso, nesa illa buscada. Ese momento no que eramos todo pero non eramos nada. Cando estabamos nun paraíso húmedo e cheo de música. Refírome ao ventre da nosa nai. No lugar onde fomos máis felices, máis plenos. Alí estabamos nun medio acuático e escoitabamos a música do seu corazón. Por iso nos gusta a música e pos iso Chiruca aparece de patroa de pesca e é cantante dun grupo heavy.

- Entón non é un libro só para coruñeses e vigueses en busca dunha cidade única. Ten mensaxes para todos?

-Por suposto. Con toda humildade, é unha viaxe interior. Hai que mirar un pouco máis alá para atopar esa cidade na que na alta madrugada, cando hai silencio absoluto na cidade, só se escoita o mar. Eso vivímolo todos. Espero que esta aventura poida gustarlle a calquera persoa de calquera parte do mundo.