A semana pasada o exreitor Xosé Luís Armesto leu a súa derradeira lección maxistral na Universidade despois de rematar o seu labor docente, no que era profesor emérito. Nesta entrevista salienta o papel dos estudos universitarios para promover a igualdade social e o seu temor a que a empresa rache co sistema de goberno da Universidade.

- É moi diferente da actual a Universidade que coñeceu cando comezou a súa carreira docente?

-Hai moitas diferenzas e de todo tipo. Empecei no 1974 nos barracóns do Colexio Universitario e sen medios para traballar, polo que pasar desa situación á que temos hoxe é unha mellora radical. Pero tamén mellorou na cualificación do persoal, xa que a maioría dos profesores non tiñan o doutoramento e hoxe en día a cualificación e a capacidade de investigación do profesorado é tremenda. Sempre digo que calquera tempo futuro será mellor, aínda que estamos vivindo momentos malos, porque as melloras son tremendas.

- Tamén cambiou a forma de ensinar?

-Parece que mudou, pero o outro día falabamos con estudantes de por que non acudían ao despacho do profesor a preguntar as dúbidas cando agora somos máis asequibles e dicían que seguimos sendo profesores e que teñen medo a falar con nós. Algúns deles aínda vennos moi distantes e teñen medo a preguntar e deixar en evidencia ás súas carencias. Pero nas formas si que mellorou moito, porque recordo algún profesor co que tiñamos pánico a saír ao encerado porque abusaba psicoloxicamente de nós, cando hoxe esas cousas non existen.

- O gran cambio na Universidade nos últimos anos foi o chamado proceso de Bolonia. Que opinión ten sobre el?

-Aínda non teño perspectiva suficiente, pero quixera saber por que o fixeron. Creo que pretenderon reducir os estudos de licenciatura para despois obrigar a facer unha formación especializada, que son os mestrados e que é moito más elitista, co obxectivo de que gran parte da xente quedara nos graos e que só accederan aos mestrados os presuntamente mellores. Ese proceso selectivo creo que non foi positivo, mentres que os cambios pedagóxicos como os grupos máis reducidos e as clases máis interactivas non creo que sexan nin mellor nin peor que o que había porque antes nos seminarios se facía o mesmo.

- Os profesores quéixanse do gran labor burocrático que teñen que facer.

-Pero iso é a falta de medios que ten a universidade pública porque falta persoal de apoio. Non é razoable que ese traballo o faga o persoal docente e investigador, ao que se lle paga para que imparta unha docencia de calidade ou para que investigue, pero non para que cubra papeis. Pero hai unha falta de financiamento terrible porque estamos vivindo nunha situación moi precaria. Coa desculpa da crise económica foron recortando o financiamento e aínda non se revertiu a como estaba anteriormente. Hai unha falta tremenda de persoal auxiliar, administrativo, auxiliar de laboratorios, informático... Os dirixentes actuais non cren nin no ensino nin na universidade pública porque como eles aos seus fillos non os van mandar alí, para que os van financiar? Creron que as universidades privadas podían cumprir ese papel, pero logo viron que son peores que as públicas e mandan aos seus fillos a universidades do estranxeiro, supostamente de prestixio. Sen financiamento é imposible facer nada, porque aquel que dicía que había que facer máis con menos afortunadamente acabou na cadea.

- Cre entón que é premeditado que a universidade pública española teña poucos recursos?

-Si, é unha formulación ideolóxica do neoliberalismo capitalista que existe actualmente, que se non hai unha presión social importante non vai investir nos servizos públicos.

- Durante o seu mandato como reitor notouse esa carencia de recursos públicos.

-Tocoume vivir os anos máis duros da crise, nos que a taxa de reposición de persoal foi cero e mesmo houbo problemas de tesourería que nos levaron a tomar decisións drásticas para salvar a situación. E iso non mellorou substancialmente porque hai decisións do Parlamento como o teito de gasto e os límites do persoal que non mudaron. Podes facer melloras de xestión, pero sempre tes enriba a espada de Damócles coa que te din que de aí non podes pasar.

- Que dicía a Xunta cando os tres reitores galegos expoñían estas dificultades?

-Sempre queda unha marxe de actuación, porque o claustro da Universidade da Coruña aprobou no 2014 por unanimidade solicitar a conxelación das taxas académicas, o que levou aos outros dou reitores galegos a pedir o mesmo á Xunta, á que conseguimos convencer. Hoxe as taxas de Galicia son as máis baixas do Estado e iso foi unha actuación concreta que afecta ao principio de igualdade, porque o problema para acceder á Universidade case sempre é de tipo económico. A creación da Universidade da Coruña, que supuxo achegar os estudos universitarios a un centro de poboación grande, fixo moitísimo pola igualdade de oportunidades e pola mobilidade social ascendente.

- Un dos recortes que aplicou a Xunta neses anos foi o da residencia de estudantes da Coruña.

-Co goberno bipartito había unhas cantidades xa orzadas e elimináronas. Buscamos alternativas e en Ferrol habilitamos un centro de menores que hoxe está funcionando adecuadamente, polo que pensamos que aquí podiamos facer o mesmo. Acudimos ás institucións e despois do cambio político na Deputación cederonnos o centro Calvo Sotelo, que estes días recibiu aos seus primeiros estudantes como residencia Elvira Bao.

- Pensa que co tempo haberá que construír outra residencia no campus?

-Penso que si porque creo que só son 64 as prazas da Elvira Bao e nos alugueres dos pisos estanse disparando os prezos. Se aumenta a demanda, haberá que creala porque ademais o razoable é que a residencia estea próxima aos centros de estudos. A actual está preto de Náutica, pero para os que estudan Arquitectura ou Química vailles un pouco peor.

- Que recorda do proceso do nacemento da Universidade coruñesa?

-Pertenciamos á Universidade de Santiago, da que eu era membro do claustro e da comisión que redactou a alternativa á creación das universidades da Coruña e Vigo, na que defendín unha universidade única para Galicia cunha descentralización territorial moi grande e unha desconcentración de funcións para facela máis eficiente. Pero ese modelo choca coa falta de xenerosidade de quen ten que ceder parte do que ten, pero case todos somos así. A creación das dúas novas universidades rachou con esa falta de xenerosidade, pero agora hai que crear un sistema moi colaborativo no que están dando xa pasos.

- A creación de titulacións compartidas é o primeiro paso que se deu?

-Non foi o primeiro, porque no meu mandato tocoume convencer á Xunta da creación do Consorcio Interuniversitario Galego, porque se temos grupos de investigación de varias universidades que colaboran, se hai moitos mestrados interuniversitarios e agora graos, necesitas ter unhas normas, unha xestión e aplicacións informáticas comúns. E se non hai un consorcio cunha entidade xurídica para centralizar eses temas, xorden obstáculos que fan que a xente canse.

- Hai menos desconfianza hoxe entre as tres reitorías galegas que hai anos?

-Non o sei. Nos anos que fun reitor a colaboración foi moi boa entre as tres universidades e se non se deron máis pasos non foi polos reitores, senón pola reaccións que había dentro das propias universidades. Na Universidade temos un sistema de autogoberno no que avanzamos pola vía do convencemento, non pola do decreto. O mundo do empresariado quere acabar con este sistema para entrar no goberno da Universidade e facer fundacións, pero mentres os empresarios non defendan os servizos públicos e non aporten máis cos seus impostos, é mellor non telos dentro.

- Na súa entrega da medalla de ouro da Universidade tamén se lle fixo doutor honoris causa ao profesor Boaventura de Sousa. Foi especialmente agradable para vostede?

-Foi un regalo extraordinario porque o teño citado nas miñas intervencións públicas e tiña unhas ganas tremendas de compartir o acto con el. A magoa foi que non houbera máis estudantes escoitándoo porque me parece un dos sociólogos máis importantes no mundo e o que máis fai pola igualdadade.