Os signos de identidade galegos e os cambios na historia da comunidade amosan a súa cara máis gráfica en Máis que ver. Cen historias do deseño na Galiza, o novo libro de Pepe Barro. O deseñador, responsable de pezas como a camiseta da Selección Galega e a caixa de ovos de Pazo de Vilane, analizará os segredos agochados detrás das maiores iconas de Galicia nun encontro mañá na librería Lume, onde estará desde ás 19.30 horas.

- Fai uns anos con O como é o que conta e agora con este Máis que ver . Que é o que lle chama tanto de poñer o deseño ao servizo da cultura?

-Hai unha vocación de divulgación. Eu non son investigador, pero falo desde a miña perspectiva como profesional e procuro explicar. Traballo con dúas cousas: A linguaxe gráfica, que destripo, e as circunstancias históricas que rodean as pezas. Curiosamente, todos coñecemos os símbolos, pero non sabemos nada deles ou o seu por que, e eu creo que existen fitos ao longo da historia que compre valorar, porque son unha maneira de coñecernos a nós mesmos e saber de onde vimos.

-Cales repasa nesta obra?

-Aquí hai moitos traballos referidos á identidade do país, por exemplo. Hai unha parte moi importante relacionada coas empresas, como Mondariz, unha compañía clave na historia, porque houbo un momento en Galicia no que as industrias eran as augas e a conserva. Tamén case unha novela é a historia da identidade gráfica de Zeltia, que agora se chama PharmaMar. Neste proceso de desfeita industrial que estamos vivindo os galegos nos últimos anos, foi desenraizada para trasladara a Madrid, desbotando unha identidade gráfica moi vinculada á historia de Galicia.

- No libro remóntase a deseños do século XVIII. Ten mudado moito o xeito de representar a identidade galega desde entón?

-Ten mudado moito, pero hai algún elemento gráfico que continúa aínda. Por exemplo, a marca das moedas que se batían na Casa da Moeda da Coruña, que durou ata o século XVII. Normalmente poñíase a efixie dun rei e por detrás o castelo do reino de Castela, pero os moedeiros coruñeses deseñaron unha cuncha de vieira moi sintética, que aparece ao pé. Noutras casas da moeda de Lugo ou Santiago tamén aparecía. É dicir, que se estaba configurando como emblema do país.

-E dos peregrinos?

-Xa o era. Todos os símbolos ligados ao mundo xacobeo se traspasan ao símbolos de Galicia. A cuncha, que funciona aínda como un segundo escudo nacional, ou a cruz de Santiago, que procede dos primeiros centros galegos.

-A vieira é o símbolo que mellor representa a Galicia?

-Ten moita forza. O curioso é que no século XII xa non se sabía por que se usaba, e hoxe tampouco.

-A bandeira galega tamén está rodeada de moito misterio.

-Tamén. Sabemos que aparece por primeira vez cando trasladan a Rosalía de Iria ao Panteón de Galegos Ilustres de Bonaval, e que foron Murguía e a súa filla Alexandra os que a fan, porque no mesmo ano están deseñando un estandarte que leva a bandeira galega. Agora, por que fixeron ese deseño? Iso non o sabemos. A teoría de que é o río Miño son sobreescritas.

-Imaxino que a auga é un concepto que pesa nas iconas galegas.

-O mar na cultura galega é moi frecuente. Tamén a brétema ten un percorrido enorme. Aparece por primeira vez como elemento simbólico de Galicia nun libro de Verea y Aguiar sobre historia galega. Nas primeiras páxinas hai un gravado no que constrúe unha alegoría nacional, con brétema diante da figura de Gallaecia, e aparece tamén unha Torre de Hércules, porque era o monumento antigo por excelencia de Galicia no século XIX.

-"Un deseñador gráfico é aquel ao que se contrata para que resolva problemas de comunicación visual" dicía no seu anterior libro. Ten problemas de comunicación visual a imaxe internacional de Galicia?

-O problema máis grave é que Galicia non ten un estado propio e que sofre as circunstancias dunha cultura que non é a súa. Non só é cuestión de lingua, senón tamén das iconas. Un exemplo son os metrosideros da Coruña. Nos lugares máis simbólicos da cidade, plántanse árbores emblemáticas do país das antípodas. Outra cousa que critico relacionada coa Coruña é o ceñe, un emblema xa asociado ao Concello da Coruña, que é un cun til enriba. Non ten sentido pretender que o ceñe sexa un emblema da cidade, porque aparece para representar Madrid como destino lingüístico, na CNN en español? É un emblema da españolidade.

-Que hai que plantexarse á hora de proxectar un símbolo?

-Hai que intentar que a mensaxe sexa clara. Pero xa digo no libro que temos un déficit de atención. Así como a linguaxe se estuda, a ler imaxes non lle dedicamos nada. A pesar dos moitos estímulos visuais que temos, carecemos de armas para facer unha lectura crítica das imaxes.