- Por que interpón a CIG este recurso?

-No 2010 tiñamos un acordo dos catro sindicatos no que acordamos co bipartito facer un concurso cada ano e medio. Ese acordo entrou en data de caducidade co PP. O PP aínda tiña marxe para promovelo. Non o fixo e así quedou. O PP, como xa comentamos, tamén fixo a súa pegada co tema das comisións de servizo. É certo que na época do PP non denunciamos esta cuestión porque contabamos que isto xa non ía crecer máis e que nalgún momento alguén ía poñerlle fin. Entrou o novo goberno e deixamos un tempo prudencial. Sistematicamente, a partir do 2016, empezamos a solicitar información das comisións e vimos que non tiñan intención de facer nada. E van dous anos e leváronnos a unha situación na que nos vimos abocados a presentar un recurso. Parécenos unha tomadura de pelo que digan que hai moitas comisións de servizos e o que fixeron eles foi facer máis.

- O Concello defende que son os primeiros en dez anos en poñerlle solución cun novo concurso.

-A resposta é moi clara. Tivemos unhas negociacións para ter unhas bases dun concurso legais e axustadas ao dereito e o que fixo Marea cos outros sindicatos foi pactar unhas bases que consideramos ilegais por unha serie de cuestións que plantexamos nun recurso en xullo, que nin contestaron. Entre outras cousas, non convocan todas as prazas vacantes, e iso é obligatorio, esencial. Nós polo menos imos ir ao xulgado para paralizar o concurso. Esta situación non era a desexada pero non nos deixaron outra vía, entendemos o que vai significar todo isto pero non é a nosa responsabilidade, non temos responsabilidade nos nomeamentos.

- Outra cousa que preguntan é por que non se denunciou con gobernos anteriores, como o PP, se esta práctica xa existía.

-Porque o goberno do PP foi incrementando as comisións de servizo pero como é unha cuestión de tempos, de cumprir tempos, e o tempo vai de dous en dous anos, xogaron moi habilmente. Cando remataron o mandato, en maio de 2015, as comisións de servizos eran pequenas, agora o tamaño é brutal. Tan brutal, que son 150 en breve, no 2019, caerán unhas cantas máis. Algunhas en xaneiro. Non cremos que queiran arranxar un problema cando días despois do xuízo promoveron oito novas comisións.

- Dado que os tribunais déronlle a razón, cre que a CIG debe presentar recursos en termos similares noutras administracións?

-A Administración local é un ente moi atomizado, hai moitas circunstancias. Eu máis ou menos conozo algunhas situacións pero creo que deben ser cada una das seccións de cada xunta de persoal as que teñen que decidir en que punto se atopan. A nós nos fixeron ver que, mentres non convocaban o concurso, ían facer unha especie de concursos, e ese disfraz de concurso converteuse en dedazos. Que teñen que facer outros? Cada un que analice. Nós aquí tiñamos un problema enquistado desde hai moito tempo e lonxe do que tiñan que facer, foron os que máis comisións fixeron.

- Que resposta recibiron dos funcionarios tras facerse pública a sentenza?

-O único que recibimos foron parabéns, mesmo en xente en comisións de servizo en xefaturas. A xente está farta da temporalidade. Porque nunca saben cando lles van renovar ou cesar. E segundo porque xa está ben de que a xente que non tivo a oportunidade de conseguir estes postos non se lles ofreza.

- Como cren que se pode executar a sentenza sen paralizar a Administración local?

-A pregunta non é para min senón para a concelleira que intentou negociar con nós. Cando nos sentamos a negociar as bases do concurso, non nos atenderon a nada do importante. Terán que asumir que eles mesmos que levaron ao Concello a esta situación. O que di a sentenza é que hai que facer un cese inmediato, non houbo ninguna defensa xurídica porque non a hai no tema de prazos, que non son interpretables. Estamos estudando o seguinte paso pero imos pedir a execución da sentenza.