Xiao Varela herdou do PP en 2015 un plan de protección do casco histórico ao que lle atopa unha marxe de mellora ao que apuntan as políticas de vivenda de Marea Atlántica, co foco posto na adquisición de vivenda municipal -cun decepcionante e polémico primer concurso- e na rehabilitación de edificios e espazos públicos.

-Protexe o Pepri de bo xeito a zona histórica da cidade?

-É un bo documento, pero que foi desvirtuado na etapa da aprobación definitiva con modificacións como as unións funcionais que permitiron as unións parcelarias entre edificios, cunha protección insuficiente do parcelario da zona antigua. Mellora o que había antes, mais non deixa de ser un documento marco para que se fagan boas políticas de rehabilitación e de posta en valor.

-Está o documento aberto a cambios? E de que tipo?

-Igual que imos levar a pleno a aprobación da modificación do plan xeral para a ampliación do catálogo de edificios protexidos, penso que hai elementos que non están no catálogo do Pepri que se poderían incluir. Outras medidas que se esbozan na lei de rehabilitación da Xunta, que por certo, está parada, son tamén interesantes de abordar.

-Hai moitos inmobles deteriorados. Tense que incidir nesta eiva da zona Pepri por enriba doutros aspectos?

-Estou convencido. Unha das cousas que máis nos preocupan, e que o Pepri debería de axudar a atallar, é a ameaza de xentrificación nas zonas históricas, con alta demanda de vivenda que expulsa desas zonas aos residentes orixinais. Na Cidade Vella estamos inmersos nun proceso de revitalización que esperamos que se extenda, con medidas como a ordenación de terrazas e o equilibrio do uso do espazo público. Tamén modificamos a ordeanza de rehabilitación introducindo criterios de renda para facilitar obras á xente con menos recursos, traballos que fagan que as súas vivendas sexan dignas.

-Non son poucas as vivendas baleiras no ámbito histórico.

-En toda a cidade. O noso concurso de compra de vivenda tiña a finalidade de ocupar máis, pero saiu peor do que esperabamos e queremos corrixilo nas próximas edicións. Esta é unha política necesaria para a movilización da vivenda baleira que castiga sobre todo aos barrios históricos, e queremos intervir tamén coa compra de dous edificios na zona, un en Panaderas e outro na rúa Pontejos.