Para Ana, farmacéutica de Canido.

O Arquivo do Reino de Galicia, localizado nas inmediacións do xardín de San Carlos da Coruña, alberga valiosos documentos do noso pasado. Un deles é unha carta de José Alonso, quen nunha data tan significativa para a historia contemporánea como o día 19 de marzo de 1812 comunicaba gozoso o acontecido en Cádiz: a sinatura polos deputados do texto constitucional o día 18 e a proclamación da Carta Magna e xuramento o mesmo 19.

O autor do escrito, José Alonso López Nobal (Ferrol, 1763-1824), foi un salientable mariño e destacado científico, redactor dun singular tratado e probablemente o político liberal galego máis destacado das dúas primeiras décadas do século XIX. Un tempo no que a identificación co liberalismo supuña cuestionar o sistema político vixente, os vellos privilexios dunha sociedade estamental. A pesar desas credenciais, este pioneiro partidario da incorporación da ciencia na análise da realidade e no terreo económico é un personaxe escasamente coñecido e estudado.

Formación

A carreira de José Alonso López estivo marcada polas importantes reformas na Mariña militar, que incidiron no desenvolvemento da súa cidade natal como sede do Departamento Marítimo do Norte. A creación en Ferrol da Real Compañía de Gardas Mariñas en 1776 favoreceu que acudisen á urbe pilotos, astrónomos, matemáticos e outros especialistas que a converteron no principal complexo científico, naval e industrial de Galicia.

Após de cursar Humanidades e de realizar estudos elementais nunha escola de navegación Alonso López iniciou a súa carreira profesional na Armada. En 1792 foi destinado ao Observatorio Astronómico da Academia de Gardas Mariñas de Ferrol, o primeiro dunha institución en Galicia, na que tamén exerceu como profesor de Matemáticas. Entre 1800 e 1801 asumiu o encargo de levantar o plano xeográfico estatístico do Arcebispado de Santiago. Por este tempo foi membro do tribunal de oposicións á cátedra de Matemáticas da universidade compostelá (USC) que obtería Xosé Rodríguez González en 1799. Con Alonso, formaban parte o betanceiro Francisco Roldán Gil, formado na Academia de Gardas Mariñas de Ferrol e destinado nese momento nos Correos Marítimos da cidade herculina e Francisco Yebra, profesor de Matemáticas no Consulado da Coruña. José Alonso foi nomeado en 1803 comisario da Inspección Xeral de Camiños, con categoría de comisario de Guerra honorario, e escribiu valiosos informes técnicos.

Importante xeración de científicos

Alonso formou parte dunha das xeracións de científicos de maior proxección que operaron en Galicia, todos eles comprometidos co liberalismo. O matemático Xosé Rodríguez González xogou un papel fundamental nese grupo e tivo como principal interlocutor ao boticario Julián Suárez Freire, quen asumiría a dirección do Colexio de Farmacia de Santiago. Con eles coincidían no ámbito científico persoas como o químico Gabriel Fernández Taboada (Colexio Militar e de Cirurxía de Santiago), José Francisco Vendrell de Pedralbes e Eusebio Bueno (do Colexio de Cirurxía), Domingo Fontán (na USC e no Colexio Militar), Francisco Esteban Yebra e Francisco Cónsul Jove (no Consulado coruñés) e o noso José Alonso López. Un colectivo que mantiña conexións con outros amigos e correlixionarios que marcharan cara outros lugares, como era o caso de Ramón de la Sagra, Casiano de Prado ou Jacobo María de Parga.

Primeira invasión francesa

O mariño e matemático formou parte da Junta local de Ferrol cando se produciu o levantamento en Galicia contra a invasión francesa. En xullo de 1809 foi nomeado pola Junta del Reino enxeñeiro comandante das fortificacións da súa cidade e, en novembro, enviado como comisionado ao exército inglés que estaba en Astorga ao mando de sir David Baird, ao que acompañou ata que embarcou na Coruña para Inglaterra. A comezos de 1810 resultou elixido vogal, pola provincia de Betanzos, da Junta Superior de Subsidios, Armamento y Defensa de Galicia, da que se converteu nun dos seus membros máis activos e destacados.

Deputado nas primeiras Cortes constituíntes

No verán de 1810 foi nomeado deputado a Cortes en representación da propia Junta, revelándose como o máis activo e liberal dos deputados galegos. Foi membro de oito comisións e participou en 44 sesións da cámara, presentando proxectos reformistas no ámbito económico e social e apoiando todas as causas favorables á transformación da vella sociedade. A súa intervención parlamentaria máis coñecida tivo lugar durante o debate, en 1811, sobre a abolición de señoríos, que iniciou el mesmo e no que terminaba solicitando: "Que se destierren sin dilación del suelo español y de la vista del público, el feudalismo visible de horcas, argollas y otros signos tiránicos e insultantes de la humanidad, que tiene erigido el sistema del dominio feudal en muchos cotos y pueblos de la Península, particularmente en los del reino de Galicia..."

Finalizadas as Cortes de Cádiz, Alonso López volveu exercer como comisario de camiños. Co retorno de Fernando VII en 1814 tivo lugar restauración do absolutismo e a derrogación da Constitución de 1812. A unión entre conservadores e liberais fronte ao invasor permitira elaborar ese innovador documento porén, expulsados os franceses, os absolutistas perseguiron aos seus anteriores aliados.

As 'Consideraciones generales'

Durante eses seis anos negros (1814-1820) Alonso escribiu un extenso tratado de 1670 páxinas, seis tomos e un caderno con catro planos e dez láminas. Publicouno pola súa conta e de xeito anónimo en 1820 en Madrid, logo do triunfo da insurrección liberal, co título de Consideraciones generales sobre varios puntos históricos, políticos y económicos, a favor de la libertad y fomento de los pueblos, y noticias particulares de esta clase, relativas al Ferrol y a su comarca.

Unha obra enciclopédica na que Alonso López abordou diversos aspectos históricos, xeográficos, económicos, políticos e científico-técnicos de España, Galicia e a comarca ferrolá. Nela salienta a abundante presencia de datos cuantitativos, a confección da primeira táboa de vida realizada en España e a utilización do cálculo infinitesimal na análise fiscal. Defendía o fomento das ciencias e das institucións científicas en España, criticaba aos escritores que no XIX citaban aos antigos e non consultaban aos naturalistas e observadores modernos, combatía as supersticións e os erros do vulgo sostidos por sacristáns, e salientaba continuamente a diferenza entre a razón natural e a ciencia, entre o práctico rutineiro e o xeómetra, entre o ver e o ver con coñecemento.

Trienio liberal, éxito efémero, nova invasión e persecución

En 1820 participou no levantamento liberal, formou parte da Xunta provisional de Ferrol e foi de novo elixido deputado a Cortes. Rematado o seu labor parlamentario, volveu á cidade, onde viviu retirado na súa casa do alto de Canido, rodeado de libros e entregado á música. Alí sufriu outra vez o restablecemento do absolutismo tras a intervención en abril de 1823 dun exército francés que invadiu España de novo. Nesta ocasión a forza estranxeira fora reclamada polos absolutistas para rematar co trienio liberal, pois coidaban prioritario recuperar o poder e deter as medidas modernizadoras.

Nos dez anos seguintes a case totalidade das institucións científicas creadas en décadas de esforzo foron desmanteladas e a xeración de colegas de Alonso acosada. Nesa situación represora o médico, escritor e pintor ferrolán Emiliano Balás Silva explicou que o noso personaxe "sufrió persecuciones y murió delirando con sus perseguidores". Tamén que a súa biblioteca foi "barbaramente saqueada y destruida en parte por el fanatismo del cura de la villa, quien, caliente aún el cadáver de Alonso, se presentó en la casa mortuoria conminando a la hermana política del ilustre finado a que se la franquease, y quemando en el patio de la casa muchas obras científicas escritas en francés e inglés". Similar destino tivo o que restaba da edición das Consideraciones generales, só se salvaron do lume absolutista uns poucos exemplares previamente agachados. As tebras volvían a trunfar.