O día 1 de setembro de 1904 apareceu en La Revista Blanca, publicación dirixida polos anarquistas Juan Montseny Carret e Teresa Mañé Miravet, un artigo titulado Lo inconsciente. Estaba asinado por Pedro Novoakow, un seudónimo utilizado por Roberto Nóvoa Santos, quen daquela era estudante de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela.

Compromiso anarquista

A aparición de Nóvoa nesa revista, na que tamén escribía o vigués Ricardo Mella, non era casual. Na primeira parte dos seus estudos de licenciatura sumou a un expediente académico inzado de matrículas de honra un intenso compromiso co movemento libertario. O inquedo estudante, algo soberbio e un voraz lector formou parte do Grupo de Estudiantes Libertarios de Santiago de Compostela, un colectivo que, como o mesmo Nóvoa lembraría en 1919, reunía a intelectuais e traballadores manuais e tiña como sinais de identidade tres puntos: secundar o pobo nas súas rebelións, practicar a "propaganda por el hecho" e vivir conforme cos seus ideais. A actividade anarquista non lle era algo alleo ao estudante Nóvoa, a súa cidade natal, A Coruña, foi a poboación co movemento libertario máis potente do noroeste peninsular.

O futuro médico chegou a redactar 21 artigos en medios anarquistas e non só escribía e teorizaba, tamén interviña de xeito activo nos conflitos sociais. Así, por exemplo, en marzo de 1905 un estudante de Dereito, Víctor Enríquez Cadórniga, morreu por arma de fogo nun local de xogo prohibido da rúa do Franco e Roberto exerceu un papel de liderado na resposta estudantil. Organizou aos compañeiros, acudiron a ese e outros locais que permitían o xogo de xeito agachado e, como protesta, armaron un enorme balbordo botando os mobles pola fiestra.

A confianza en si mesmo e a disposición para defender as súas opinións foi unha constante do seu carácter. Os compañeiros de curso contaban que, cando algún profesor preguntaba "a ver, ¿quién sabe esto?", case sempre era Nóvoa o que respondía. Tiña sona de bo compañeiro, nas vacacións dáballe clase aos seus condiscípulos e utilizaba a súa posición de alumno sobranceiro para axudalos fronte os abusos dalgún docente. Asemade, adoitaba saír da aula nas materias nas que coidaba que a intervención do profesor era irrelevante. Nunha delas, despois de pasar lista o catedrático, ficou no asento e este díxolle:

-Señor Nóvoa, observo que hoy se ha dignado usted a quedar en clase. Claro, tiene fama de tan inteligente que no necesita de mis enseñanzas. Tan inteligente o, quien sabe, tan loco.

Roberto non calou:

-Puede ser. Pero en todo caso más vale ser loco que tonto.

Un autorretrato do Nóvoa estudante

Lo inconsciente é unha breve obra de ficción que ten como protagonista a Jorge Podolschiewsky, unha persoa que aparece especialmente receptiva ás desgrazas dos demais: "(...) poseía un alma en extremo sensible. Lloraba al ver pasar un niño descalzo y cubierto de harapos; su 'yo', lleno de compasión para el trabajador que sufría, para el campesino que roturaba bestialmente los campos, le hacía derramar lágrimas que, al andar, el mismo pisaba. Frecuentemente se le oía decir: "Después de sentir el dolor de mis hermanos, yo mismo pisoteo mis sufrimientos".

Un Podolschiewsky que "entre sus compañeros de estudios pasaba por 'un loco', porque en todas partes, en los Ateneos, en las reuniones, en sus actos en fin, se declaraba materialista en ciencia y en sociología".

Mais non estaba só: "Pero a pesar de esto, contaba con algunos amigos a quienes admiraba su carácter franco y su genio indomable que no se flexionaba ante ningún mandato, ni, en sus estudios, ante ninguna imposición dogmática".

O seguimento das actividades e do perfil persoal de Nóvoa levoume a concluír que ese Jorge Podolschiewsky viña ser un fiel retrato de Nóvoa, do brillante estudante de Medicina. Sensible fronte ao sufrimento alleo, antiautoritario, materialista en ciencia, antidogmático, disposto sempre a expresar a súa opinión e enfrontarse ao poder, de carácter franco e xenio indomable, así se vía Roberto Nóvoa Santos desde a fortaleza, a pureza e a inxenuidade que ás veces acolle a mocidade.

O título dun libro

A experiencia anarquista durou uns dous anos e deu paso a un período de hiperactivo investigador no laboratorio. Porén o a militancia libertaria deixou pegadas diversas no futuro médico. Entre elas o acceso e identificación cunha serie de autores, como Friedrich Nietzsche, Leon Tolstoi, Arthur Schopenhauer e Max Stirner, ou unha admiración polo Valle Inclán ácrata. E asentou nel ese carácter de ser humano rebelde e vehemente, a súa afouteza e o escaso temor ás críticas que mantivo toda a súa vida. Por iso cando rematei o ensaio biográfico que sobre Nóvoa que veño de publicar coidei que "xenio indomable" podería ser un título acaído para o libro.

Un médico xenial

A denominación de xenio alude, pois, ao carácter de Nóvoa, mais tamén a outro salientable elemento da súa identidade, a xenialidade médica. Unha cuestión que xa foi percibida polos compañeiros de estudos. Así, un deles, Germán Caamaño Solar, cualificábao de "entendimiento preclaro, memoria indeleble, imaginación creadora", engadindo: "A partir de sus estudios iniciales se muestra singular: ideación profusa e inquisitiva, pluma precisa y sugerente y, lo más interesante, es innovador, (...) un genio".

Opinión que se vería confirmada, a pesar da súa morte prematura, pola traxectoria do médico coruñés, un labor excelente que levou a consideralo o especialista de maior releve na historia da medicina en Galicia. Nóvoa destacou en todos os terreos do exercicio profesional, como un excepcional clínico (no diagnóstico e tratamento do doentes), como sobranceiro investigador (autor de numerosas pescudas sobre diferentes patoloxías) e como extraordinario docente, un catedrático de Patoloxía Xeral que seducía nas súas clases e que publicou o magno Manual de Patoloxía, obra que modernizou o ensino da Medicina en España e que durante moitos anos foi referencia en diversos países. Nel difundiu a visión fisiopatolóxica, unha concepción dinámica da enfermidade, entendida como un proceso enerxético-material que esixe prestar especial atención á alteración da función. E, entre 1913 e 1918, Nóvoa foi o principal responsable dunha publicación sen parangón ata entón na medicina galega, a revista Galicia Médica, medio no que publicou uns trinta artigos e unhas 200 recensións e comentarios de artigos, publicacións, teses e outras novidades médicas, procedentes, sobre todo, de Alemaña, España e Francia, inxente contribución de bibliografía actualizada.

Outra singularidade de Nóvoa Santos foi que xunto esa destacada actividade profesional tamén prestou atención a cuestións como a psicopatoloxía ou a antropoloxía, tivo participación activa en diversas polémicas e amosou unha profunda preocupación pola persistencia despois da morte.

Nóvoa salientou entre figuras tan relevantes da medicina galega como Ángel Baltar Cortés ou Miguel Gil Casares. E formou parte dun selecto grupo de médicos que no ámbito español modernizaron a práctica da medicina nas primeiras décadas do século XX, como Juan Madinabeitia, Teófilo Hernando, Gregorio Marañón e Carlos Jiménez Díaz. Si, con Nóvoa a Medicina galega acadou unha relevante proxección externa, como moi poucas veces ocorrera na súa secular historia e, en xeral, na actividade científica xerada no país. O noso "xenio indomable" foi algo máis que unha gloria local.