A "poética da manualidade" e o espírito artesanal descansan nas páxinas de Caderno de momentos, un libro que recolle a traxectoria artística de quen durante 27 anos foi o deseñador gráfico da Deputación da Coruña. O debuxante e ilustrador Xosé Cobas, que se xubilou este ano, repasa nesta obra, en diálogo co poeta Xavier Seoane, moitos dos seus traballos, desde os feitos cando era un rapaz ata os mais recentes. Presenta o seu libro hoxe ás 20.00 horas na librería Lume.

- O Xosé Cobas ilustrador chocou algunha vez co Cobas deseñador?

-En paralelo ao traballo como deseñador da Deputación desevolvín a miña outra actividade na ilustración de literatura infantil e xuvenil. Co tempo, foise dando unha osmose entre ambos rexistros, de xeito que a ilustración participou dos elementos do deseño e viceversa. O meu traballo como deseñador imprégnase de matices da ilustración.

- En boa convivencia?

-Si. Os públicos receptores son distintos e hai que obxectivizar. Nun cartel sempre hai que pensar no público ao que vai dirixido e buscar códigos de comunicación entre o emisor, eu coma autor, e o público concreto dun cartel que ten a función de anunciar algo. Dentro de eses códigos un pode buscar en moitas fontes, mais sen perder a obxectividade nin obviar a función comunicativa. Na ilustración o traballo é máis subxectivo: eu interpreto un texto e busco nas rendixas que hai nun texto para atopar eses elementos que tamén van a falar da historia sen repetir o que di o texto.

- Hai un estilo recoñecible en Xosé Cobas ou variou cos anos?

-Nas dúas profesións fun investigando, buscando novas canles de comunicación. Desde que empecei na Deputación houbo unha evolución que fixo que o meu rexistro dos anos 90 fose distinto do de o final da miña etapa. Un dos factores foi a formación, que se foi ampliando. Eu teño ademáis unha mirada moi predisposta cara a historia da arte e sempre que podo fago referencias á pintura, á escultura, á música e á arquitectura. Iso é unha plusvalía, un valor engadido que ten un factor pedagóxico porque introduce un elemento máis de complicidade. Na ilustración fun introducindo elementos abstractos que algunha vez causáronme conflitos co editor. Mais penso que sempre hai que dar pasos nese sentido.

- Tivo bos lectores visuais no seno da Deputación?

-En xeral, si. Síntome afortunado porque por un estamento público como é a Deputación pasou moita xente de distinta cor política. Sempre se entendeu ben o meu traballo e houbo confianza das persoas a quen ía dirixido o traballo.

- Tivo liberdade creativa sempre ou seguiu directrices ou foi vetado algún traballo seu?

-Ningún goberno provincial me impuxo directrices, só adaptarme ás necesidades de comunicación. Nin me dixeron que fora máis figurativo ou máis abstracto. Houbo un caso no que tiven que adaptar o meu plantexamiento orixinal ao mensaxe, só algo puntual. Se a clase dirixente non estivera satisfeita co meu traballo, non tería ningún sentido facer este libro que recolle e promociona a labor de tantos anos e que defende a imaxe desta institución.

- De onde veñen as fontes da súa obra artística?

-Eu fun un neno rural, nacín en Negreira, nun espazo de horizontes próximos e domésticos. Aprendín a ler da natureza e hoxe leo dela tamén. Botei dous anos na casa dos meus avós, que era unha taberna, e nela absorbín moitos elementos, latas de conservas, material escolar, envases, botes de pimentón, licores, tabaco... Fascinábanme os debuxos e nos anuncios dos periódico. Todo iso condicionou o meu imaxinario.

- Algún nome propio especial na súa formación?

-Marcoume a historia da arte e bebo das súas fontes: o descubrimento dos neoplásticos e as correntes de entreguerras no eido da pintura e da ilustración. Non me atrevo a dar nomes, se cadra Fernando Zobel e outros abstractos son unha presenza importante no meu álbum ilustrado pola súa representación, dunha maneira figurativa, das evocacións atmosféricas.

- Hoxe lle agrada tanto o campo da ilustración como cando empezou?

-A ilustración está agora nun ámbito distinto ao de cando eu empecei. As novas tecnoloxías consiguen moitos efectos, pero creo que desde o punto de vista da creación, non axudan moito á ilustración. Creo que últimamente hai reiteración dos efectos dixitais. Eu utilízoos puntualmente para correxir cousas que me custa facer a mán e cando xa está rematada a ilustración. Son traballador artesanal, gústame a poética da manualidade, manchar as máns, embadurnar os cartóns. Son fiel aos estigmas pictóricos que me produce o óleo.