08 de diciembre de 2018
08.12.2018

Adeus a Plácido Lizancos Santos, profesor, articulista e pedagogo innovador

O escritor, defensor activo da lingua, foi colaborador de LA OPINIÓN - Nacido en Fisterra, deixou pegada en Venezuela e Galicia

08.12.2018 | 01:58
Adeus a Plácido Lizancos Santos, profesor, articulista e pedagogo innovador

O profesor e escritor Plácido Lizancos faleceu esta semana na Coruña. Articulista, pedagogo innovador e activo defensor da lingua galega, deixou a súa pegada e recordo indeleble en xeracións de profesionais e alumnado de diversos niveis educativos, nos seus dous países amados: Galicia e Venezuela. Foi colaborador de LA OPINIÓN, onde tamén foi director do Curso Práctico de Galego que distribuíu o xornal.

Natural de Fisterra, licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidad Central de Caracas, Venezuela, país no que espallou a súa paixón polas linguas galega e castelá como articulista de prensa, profesor con honras de promocións universitarias e fundador e director de centros educativos. Foi tamén quen de conciliar a tantas xeracións de galegos en torno a proxectos sociais e de debate na Irmandade Galega de Caracas.

Anecdoticamente, xa no ano 1965, reclamou no El Diario Español de Caracas un parador de Turismo para a súa vila natal, Fisterra, sempre na súa memoria. No seu retorno a Galiza, exerceu a docencia con innovadora actitude, cunha visión holística e sabiamente motivadora na aprendizaxe das linguas.

Foi quen, por exemplo, de crear co seu alumnado o primeiro periódico escolar editado nunha rotativa profesional e de tirada comercializada e rexistrada legalmente no Ministerio do Interior: o 2001 e, posteriormente o Hay que Ver, onde deron os seus primeiros pasos xornalísticos quen son hoxe xestores dos máis importantes medios galegos e estatais.

A súa actitude humanista, sempre enfocada cara á aprendizaxe cun impacto real, levouno a escribir tratados gramaticais, libros de texto e recursos didácticos. Compartiu recoñecemento no Día do Ensino no ano 2013 na Fundación Barrié da Coruña co seu coetáneo profesor e amigo Neira Vilas.

Tamén foi finalista do Selo Europeo das Linguas no ano 2008, onde a súa candidatura definiu os pilares mestres da súa actividade maxistral e recordada tarefa docente: "Plácido Lizancos abriulles aos rapaces desde os xa lonxanos anos 70 unhas perspectivas novas: aprendeulles aos seus alumnos a falar en público, a presentar e defender criticamente as súas ideas e argumentos. Pero, sobre todo, a valorar a súa lingua propia, o galego. O profesor Lizancos emerxe como referente de honestidade, traballo rigoroso e compromiso co país galego e coa lingua. Un referente, pois. de lealdade e patriotismo galego".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

esquelasfunerarias.es