Recibir un premio que leva o nome dunha persoa coa que se mantivo relación supón sempre unha emoción destacada para o galardoado. E así quixeron facelo saber onte Antía Cal e María Xosé Queizán cando na Biblioteca Provincial lles entregaron o Premio Otero Pedrayo deste ano, o primeiro que se concede a dúas mulleres dunha vez e o segundo que recae nunha personalidade feminina en corenta anos, xa que o de 2017 foi para Margarida Ledo.

O seu carácter de pioneiras nos seus respectivos campos de traballo —o ensino por unha banda e a literatura e o feminismo pola outra— foron os méritos aprezados polo xurado do Otero Pedrayo para que recibiran esta distinción, concedida polas catro deputacións galegas e a Xunta en colaboración coa Fundación Otero Pedrayo.

A mestra e pedagoga Antía Cal, quen dirixiu unha escola en Vigo na que se ensinaba en galego en pleno franquismo e que foi unha figura senlleira na renovación pedagóxica en Galicia, lembrou que Otero Pedrayo foi o seu "conselleiro" cando quixo escribir o seu primeiro libro para nenos, polo que se considerou "dalgún xeito alumna de don Ramón". "Non traballei para recibir un premio, para min o premio era poder traballar", proclamou a ensinante, quen aínda con forzas para asistir ao acto malia os seus 95 anos, dixo que o verdadeiro galardón para ela foi poder "formar persoas nunha das profesións máis importantes e emocionantes que se poda ter".

Tamén dixo estar orgullosa de "axudar a facer unha escola diferente", na que os nenos "puideran pensar por si mesmos e desenvolver todas as súas capacidades", polo que expresou o seu desexo de compartir o premio con todos os mestres "que traballan nas aulas pola formación e a felicidade dos nenos".

Ser unha mestra renovadora e unha "referente da nova pedagoxía", ademais de creadora de materiais didácticos nos anos cincuenta foron foron algúns dos aspectos da carreira docente de Antía Cal que o xurado tivo en conta para premiala, como mencionou a profesora Carme Fernández Pérez-Sanxulián. A vicepresidenta da Deputación coruñesa, Goretti Sanmartín, salientou pola súa banda a relación desta ensinante co colectivo pedagóxico Rosa Sensat, cuxos métodos divulgou posteriormente en Galicia.

"Otero Pedrayo era un espectáculo en si mesmo", dixo María Xosé Queizán do intelectual ao que se rende homenaxe con este premio e do que considera que os galegos de hoxe seguen "vendo Galiza cos seus ollos". Malia que os mozos que escoitaban as súas clases na Universidade de Santiago se tiñan por diferentes a el polo seu catolicismo e conservadurismo, Queizán expresou a súa admiración pola súa sabedoría sobre a xeografía e a cultura galegas. "A paisaxe era para el unha nova personaxe", explicou sobre a súa visión da terra, mentres que no terreo histórico mencionou a súa paixón polas figuras históricas do Mestre Mateo e o arcebispo Xelmírez.

Tamén tivo a escritora palabras de recordo para o marido de Antía Cal, o prestixioso doutor Antón Beiras, grazas a quen dixo terse feito galeguista. O xurado do premio considerouna como unha "grande autora da nosa literatura e do feminismo", ademais dunha "pioneira na teorización do movemento feminista", xa que a súa obra non só se desenvolve no terreo da ficción, senón tamén no do ensaio, ata o punto de que a súa traxectoria é calificada dunha "das máis interesantes da literatura galega contemporánea".

"Representan un compromiso coa nosa lingua, coa súa historia, coa defensa do seu patrimonio, onde a lingua ten un papel protagonista", manifestou sobre as premiadas o presidente da Deputación coruñesa, Valentín González Formoso, para quen Cal e Queizán estiveron "entregadas á defensa da lingua e a cultura", polo que lles desexou "moitos anos máis" para continuar co seu labor.