30 de diciembre de 2018
30.12.2018
Episodios da cultura científica

Ser muller e facer ciencia: unha conciliación complicada

Os casos de tres salientables científicas galegas ilustran esta dificultade

30.12.2018 | 00:28

Para María Mayán, Ana Tarrío e María Pardo, científicas e nais.

Jimena Fernández de la Vega, María Wonenburger e Ángeles Alvariño son as mulleres seleccionadas entre os científicos galegos máis destacados da historia. Polo menos así o acordamos o equipo que elaboramos o Álbum da Ciencia cando desde a institución que o patrocina, o Consello da Cultura Galega, se nos solicitou a preparación dunhas recensións biográficas sobre os trinta principais protagonistas da ciencia que gardan relación con Galicia. Unha selección próxima a publicarse e feita para celebrar o camiño percorrido polo Álbum, que desde o seu nacemento en 2011 alberga os resumos biográficos de 284 científicos (http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/).

Por que tan poucas?

Tres de trinta, un 10% do total, é unha escasa presenza. Unha reducida porcentaxe que ten unha explicación: a persistencia histórica dunha discriminación cara as mulleres. Lembremos que unha conservadora tradición vixente durante séculos en España e Galicia limitou o seu acceso ao ensino, á actividade profesional e, por suposto, á ciencia. Os cambios non tiveron lugar ata hai ben pouco. Unha Real Orde do Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes do 8 de marzo de 1910 eliminou a norma que as obrigaba a pedir permiso á Dirección General de Instrucción Pública para optar á matrícula oficial, orde que se viu complementada con outra do mes de setembro dese ano permitíndolles o exercicio da profesión derivada dos estudos efectuados.

Por iso non nos pode sorprender que ata 1913 non houbese mulleres estudando na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago. Cómpre subliñar que no curso 1916-17 só había 33 mulleres no sistema universitario español, un 0,17% do total dos estudantes; en 1935-36 a cifra medrara substancialmente, pasara a 2.588, un 8,80%. En tempos do franquismo as autoridades políticas e educativas tentaron desanimalas a emprender estudos superiores. Pilar Primo de Rivera, xefa da Sección Femenina, avalaba a súa inferioridade intelectual ao dirixirse ao Servicio Nacional del Magisterio: "Las mujeres nunca descubren nada; les falta, desde luego, el talento creador, reservado por Dios para inteligencias varoniles". Mais a pesar da misoxinia do réxime, a sociedade mudaba e o número de mulleres nas universidades medrou.

Ese pasado permítenos entender a súa ausencia en postos relevantes da ciencia, e noutros ámbitos profesionais, antes do século XX, período no que irrompen e, de feito, no noso listado dos científicos destacados do século XX constitúen o 50%, tres de seis. Mais a carreira científica emprendida por ese trío de salientables científicas, Jimena Fernández de la Vega, María Wonenburger e Ángeles Alvariño, non foi doada; como veremos resumidamente tiveron que afrontar dificultades específicas, derivadas do seu xénero, ou sexa, polo feito de seren mulleres.

Jimena Fernández de la Vega (1895-1984), unha pioneira

Jimena e a súa irmá xemelga Elisa, de orixe lucense, matriculáronse na Facultade de Medicina de Santiago de Compostela en 1913. Alí sobresaíron como brillantes estudantes, as mellores da promoción, pero o xénero dificultoulles a vida nas aulas universitarias. Tiveron que soportar os berros e insultos que ao seu paso proferían nos corredores da Facultade de Medicina algúns compañeiros de estudos, mentres uns poucos facían de escudo protector. Tampouco o profesorado amosou un comportamento exemplar, un docente fixo na clase un comentario despectivo cara a elas, provocando as risas dos compañeiros. As irmáns decidiron deixar a aula e examinarse da materia por libre, se ben o profesor pediulles despois desculpas. Tamén outro docente, de Anatomía, chegou a prohibirlles asistir as súas clases porque consideraba pouco axeitado que unha muller vira o corpo dun home espido. Nese desolador panorama salientou o apoio que recibiron do catedrático de Patoloxía Xeral, Roberto Nóvoa Santos. Si, sorpresa! O autor de escritos misóxinos foi quen na práctica as apoiou; acolleunas no laboratorio asociado á súa cátedra e facilitou a publicación dos primeiros traballos de investigación delas na revista que dirixía, Galicia Médica, un respaldo que continuaría no resto das súas carreiras profesionais.

Jimena obtivo en 1922 o doutoramento na Facultade de Medicina da Universidade de Madrid e pasou a realizar estadías no estranxeiro para acadar unha excelente formación. Foi a Alemaña e a Austria entre 1923 e 1927 para realizar estudos de Xenética, sobre a herdanza mendeliana con aplicación á clínica. Ao regreso en 1928, animada por profesores como Pittaluga e Nóvoa Santos (catedrático en Madrid desde 1928), ocupouse da tradución de obras de Julius Bauer e outros fisiólogos alemáns, realizou algún traballos clínicos e publicou artigos coa fin de espallar os coñecementos adquiridos. Finalmente, en 1933 púxose en marcha na Facultade de Medicina de Madrid, no seo da cátedra de Patoloxía de Nóvoa Santos, a Sección de Genética y Constitución e nomearon a Fernández de la Vega como directora. Recibiu unha nova bolsa para actualizarse en temas de herdanza en Italia e Alemaña e cando regresou en 1934 morrera Nóvoa, o seu mentor, e a Sección de Genética pasara a converterse nun Seminario de Estudios de Genética de tipo teórico. Iso obrigouna a deixar o seu pioneiro labor sobre Xenética Humana, abandonar a carreira investigadora e pasar a traballar na xestión de balnearios. Porén nesa decisión tamén xogou un papel relevante unha circunstancia asociada ao tradicional rol feminino. A morte da súa irmá Elisa en 1933 levou a que Jimena se fixera cargo dos seus fillos, mentres o pai dos mesmos, Gumersindo Sánchez Guisande, continuaba coa súa carreira profesional. Por iso cando recoñecemos o seu labor científico rendemos homenaxe ao realizado e ao que as circunstancias lle impediron desenvolver.

O caso de Ángeles Alvariño (1916-2005)

Alvariño acadou un notable éxito na súa carreira científica, figurando entre os especialistas mais relevantes en Bioloxía mariña do século XX. Describiu 22 novas especies de zooplancto mariño e foi considerada unha autoridade mundial en tres grupos de organismos do mar. Esa excelencia profesional foi debida á súa valía intelectual, mais tamén tivo que ver co seu firme carácter e o apoio do marido, factores que lle axudaron a superar as dificultades derivadas do seu xénero.

A científica ferrolá iniciara en 1934 os estudos universitarios en Madrid e casou en 1940 con Eugenio Leira Manso, capitán da Mariña de Guerra, que sempre a animou na súa carreira profesional e, algo pouco habitual, e relevante no tema que analizamos, apoiouna de maneira práctica nos seus compromisos profesionais. En 1948 a bióloga trasladouse coa familia a Madrid e iniciou a súa carreira investigadora como bolseira no Instituto Español de Oceanografía (IEO). En 1952 foi nomeada "ayudante de laboratorio" con destino no Laboratorio do IEO en Vigo.

Diversos episodios da biografía de Ángeles Alvariño amosan que a bióloga posuía unha forte autoestima e afouteza. Unha cuestión conectada co asunto que tratamos, xa que probablemente sen ese carácter tería máis difícil facer ciencia de vangarda sendo muller na segunda parte do século XX. Así, en Vigo denunciou o comportamento do director do centro oceanográfico, Antonio Rodríguez de las Heras, a quen acusou de "trato desconsiderado y de persecución (...) despiadada, sin momento de reposo". A situación rematou, aparentemente, coa marcha de Alvariño cara á Estación de Bioloxía Mariña de Plymouth (Inglaterra), onde permaneceu entre o 5 de outubro de 1953 e o 7 de agosto de 1954. Durante esa estadía o marido permaneceu coa filla en Madrid.

Tiña claro que o avance no seu futuro profesional esixía acudir a centros de excelencia na investigación do plancto e sabía que os máis importantes expertos no estudo no principal grupo biolóxico no que focalizaba as súas pescudas estaban en Estados Unidos (EEUU) e en decembro de 1955 acadou unha bolsa da Fundación Fulbright para rematar a súa formación nese país. Foi ao Woods Hole Oceanographic Institute (Massachusetts) e, posteriormente, traballaría na prestixiosa Scripps Institution of Oceanography (Universidade de California, La Jolla). Estableceuse en La Jolla coa filla e o marido, que se trasladaron en febreiro de 1958. Este acolleuse, inicialmente, a un programa de vacacións coa metade do salario, despois estivo sen soldo e en 1965 regresou a España para completar a súa carreira como militar naval e obter o retiro, que acadou en 1967 e retornou a La Jolla. En 1970 Alvariño ingresou noutro prestixioso instituto de investigación de California: o Southwest Fisheries Center (SWFSC), que forma parte do National Marine Fisheries Service, ponla da National Oceanic and Atmospheric Agency (NOAA). Alí xubilouse en 1987.

A estadía nos EEUU non estivo exenta dunha certa marxinación laboral pola súa condición de muller. De feito en 1977 dirixiuse á Ministra de Comercio do Goberno e ao Presidente dos Estados Unidos de América (USA) para denunciar a discriminación de que era obxecto no seu posto traballo, especialmente por razón de xénero, tema que tratamos con vagar noutro episodio.

Os condicionantes de María Wonenburger (1927-2014)

Esta prestixiosa matemática coruñesa desenvolveu a súa investigación en Álxebra e, en particular, na Teoría de Grupos e das Álxebras de Clifford, xerando uns traballos que foron publicados en revistas con gran impacto internacional e que son, aínda hoxe en día, amplamente citados.

Rematada a carreira en Madrid a falta de expectativas para ser profesora de universidade en España levouna, por consello dos seus profesores, a pedir unha bolsa Fulbright para realizar estudos de doutoramento en Matemáticas nos EEUU. Obtívoa en 1953, sendo a primeira española en obter unha delas. Cando volveu para Madrid tivo que enfrontarse de novo coas escasas perspectivas laborais aquí e aceptou a proposta de colaborar co matemático Israel Halperin na Queen University (Kingston, Ontario, Canadá). Dese lugar pasou, como profesora, á Universidade de Toronto e, despois, trasladouse á Indiana University (Bloomintong, EEUU).

En 1983, na plenitude da actividade docente e investigadora, a súa vida cambiou radicalmente. Chamárona desde Coruña pola grave doenza da nai e o que semellaba ser unha despedida converteuse nunha viaxe sen retorno. A matemática vocacional deixou, con 56 anos, a súa brillante carreira profesional polo coidado da proxenitora. A universidade americana gardoulle a súa praza por un tempo, querían que volvese pero ela acabou convencida de que debía ficar aquí. Un xesto que fala moito do seu valor como ser humano pero que nos traslada unha interrogante, retórica, sobre se nesa mesma situación un home no cumio da súa vida profesional tería dado ese paso. Semella obvio que Maruxa actuou condicionada polo peso do rol que a sociedade tradicional ten asimilado ás mulleres.

A conciliación segue a ser complicada

Maruxa e Ángeles tiveron que irse ao extranxeiro e superar dificultades específicas por seren mulleres para acadar o éxito científico. Jimena tamén as viviu e debeu abandonar a investigación. Como vimos, a carreira profesional destas brillantes científicas estivo condicionada pola discriminación debida ao seu xénero e por convencións tradicionais no ámbito familiar.

Hoxe moitas cousas teñen mudado mais segue a ser un reto complicado para as mulleres desenvolver a súa carreira profesional en igualdade de condicións cos homes, no caso que tratamos, conciliar labor científico con cargas familiares. De feito numerosas mulleres seguen a deixar as súas carreiras profesionais por falta de apoios prácticos na vida cotián. Nun mundo profesional moi esixente, levan unha mochila chea de cargas que as limitan á hora de acadar os seus obxectivos como investigadoras. E iso xera o lóxico desánimo e un persistente esgotamento; o esgotamento da muller científica, da muller profesional, por querer chegar a todo e a enorme dificultade para acadalo. O sobrecuste vital que supón competir en desigualdade cos homes.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

La flautista de Sanagustín

El jefe de Fotografía de La Opinión A Coruña, Víctor Echave, lanza en su blog la serie 'Campaña (tienda de)', con algunas de sus mejores imágenes de la carrera electoral en A Coruña

esquelasfunerarias.es