A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofreceu este curso 710 prazas en Formación Profesional Dual -233 en grao medio e 477 en grao superior-. É unha das apostas do departamento educativo da Xunta de Galicia para impulsar a empregabilidade dos titulados e para axustar a formación profesional ás necesidades dos sectores produtivos.

Este curso 2018-19 arrincaron 46 ciclos de FP Dual. Así, na provincia da Coruña entraron en funcionamento nove ciclos en grao medio e 13 de grao superior; na de Lugo tres de grao medio e sete de grao superior; na de Ourense dous de grao medio e un de grao superior; e na de Pontevedra tres de grao medio e oito de grao superior.

As empresas punteiras de Galicia apostan por esta formación en sectores estratéxicos para a comunidade, como é o caso de madeira e moble, de marítimo-pesqueira, de automoción, informática, eólica ou fabricación mecánica. Esta implicación ten resposta na implantación nesta modalidade de ciclos de grao medio e superior das familias correspondentes, catro na familia de madeira e moble, dous na de marítimo-pesqueira, seis en transporte e mantemento de vehículos, tres en Informática e comunicacións, una en enerxía e auga e sete en fabricación mecánica, entre outras.

A oferta de FP fluctúa para adaptarse ás necesidades do tecido produtivo e as características da poboación de cada zona, o que supón unha oportunidade laboral para os titulados.