Un total de 114 novos centros sostidos con fondos públicos incorporaron o libro dixital nas súas aulas por primeira vez este curso, polo que o proxecto de educación dixital, coñecido como E-Dixgal, acadou os 267 centros beneficiados (un 70% máis que o curso pasado) e chega a 18.000 alumnos, un 55% máis. Todos eles -estudantes de 5º e 6º curso de Primaria e 1º e 2º de ESO- reciben a día de hoxe unha ensinanza completamente dixital.

Do total dos 267 centros E-Dixgal, 91 son da provincia da Coruña (38 novos para o vindeiro curso), 49 de Lugo (24 novos), 19 de Ourense (11 novos) e 108 de Pontevedra (41 novos). Por ensinanzas, do total de 114 novos centros, 66 deles incorporaron o libro dixital na etapa de Primaria, 41 en Secundaria e outros 11 fano en Primaria e Secundaria.

Estes datos mostran o esforzo que fai a Conselleria de Educación, Universidade e Formación Profesional no E-Dixgal. O proxecto naceu como experimental no curso 2014-15 coa intención de proporcionarlle aos centros da rede Abalar un proxecto integral para facilitar o desenvolvemento de proxectos de educación dixital mediante a incorporación de materiais específicos. Continúase así co despregamento do libro dixital no ensino galego. Algúns dos obxectivos deste plan son lograr que todo o alumnado do ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación no curso 2020-21, romper coa fenda de xénero nos estudos STEM e acadar os 300 centros e máis de 20.000 alumnos beneficiados co libro dixital no 2020-21.