"A cadea era un elemento clave do réxime", explicou onte na Facultade de Dereito Rafael Pillado, o histórico sindicalista ferrolán que foi un dos participantes na mesa redonda sobre A vida no penal nos anos setenta organizada pola Universidade como complemento a exposición As pegadas do cárcere de Carabanchel, que pode verse nese centro. Cinco antigos presos políticos durante o periodo franquista expuxeron ante un auditorio formado por alumnos e persoas que pola súa idade coñeceron aqueles anos a experiencia que lles supuxo pasar pola cadea por mor das súas ideas.

"Para a nosa xeración eran heroes", comentou a moderadora da conversa, a profesora Carmen García-Rodeja, membro da Asociación por la Recuperación da Memoria Histórica, quen sinalou que a loita contra o franquisimo "significaba cárcere e sufrimento".

Sari Alabau, unha das mulleres que estivo presa na Coruña entre abril e xullo de 1972 polos sucesos do 10 de marzo en Ferrol, explicou que a deterioración da ditadura polo paso dos anos e as presións internacionais fixeron que a situación dos cárceres na última fase do franquismo non foi tan dura como nos comezos do réxime e lembrou que na prisión coruñesa había un "ambiente de solidariedade moi grande" e que aos reclusos políticos lles chegaban paquetes de roupa e alimentos con frecuencia.

Tamén Pillado, para quen a detención no 1972 non foi máis que unha máis na súa andaina política e sindical no Partido Comunista e nas Comisións Obreiras, admitiu que o réxime fora moito máis duro nos seus primeiros tempos, aínda que advertiu de que as súas cadeas formaban parte "dun réxime totalmente represivo". O encadeamento do seu pai no castelo ferrolán de San Felipe foi a razón de que a súa familia se trasladará a esa cidade dende San Cibrao cando el era un neno. Anos despois, cando entrou a traballar no asteleiro Bazán, a súa actividade sindical e política levouno tamén ao cárcere "por defender as liberdades e as condicións de traballo".

Os disturbios do 10 de marzo do 1972, no que morreron dous traballadores por disparos da policía, foron tamén o motivo polo que entrou na cadea Fina Varela, militante comunista dende dous anos antes e casada cun traballador de Bazán, pero quen ademais era filla dun garda civil. "Fun capaz de aprender quen sen loitar non se consegue o que se quere", comentou sobre a súa vida política, tralo que se dirixiu aos estudantes para dicirlles: "Pido que sigades o traxecto que nós fixemos".

As reflexións dos participantes na conversa, en varias ocasións afectadas pola emoción que supuxo lembrar feitos dramáticos, foron recibidas en varios momentos con sonoros aplausos dos universitarios. Un destes casos foi o recordo que Pillado tivo para un compañeiro andaluz na prisión de Burgos ao que a súa nai foi visitalo malia que apenas tiña recursos. Como o fillo aquel día estaba incomunicado, non llo deixaron ver e decidiu pasar a noite na porta do cárcere, onde atóparona morta ao día seguinte, lembrou entre bágoas o veterano sindicalista.

Gelines Rivera tan só puido aprender na escola as nocións máis básicas, xa que aos doce anos xa estaba a traballar e dous anos máis tarde entrou nunha fábrica "de bacallau e de escravos" na que chegou a ser delegada de persoal. Foi así como organizou a primeira folga que se fixo en Ferrol, na que un policía tratou de prendela e ela, malia o seu corpo miúdo, foi quen de rabuñarlle a cara. Tras pasar seis meses na cadea ferrolá e ser xulgada polo temible Tribunal de Orden Público en Madrid, foi condeada a ingresar no cárcere coruñés, onde chegou a facer unha protesta lanzando os pratos da comida para que se mellorase a alimentación das reclusas. Unha vez en liberdade emigrou a Francia para traballar, pero tamén alí desenvolveu unha intensa actividade sindical.

A José Loureiro a loita contra a ditadura viñalle de familia, xa que seu pai era membro do PCE, polo que el entrou nas xuventudes do partido e con catorce anos xa traballaba en Bazán. No 1972 foi multado con 50.000 pesetas por participar nas protestas cando o seu soldo era de 5.000, polo que non puido pagar e foi levado á cadea coruñesa, onde compartiu cela co seu pai nun momento no que alí había medio cento de presos políticos. O verdadeiro problema apareceu ao saír da prisión, xa que a policía fixo que o despediran de todos os traballos que conseguiu ata que chegou a democracia e consegui voltar a Bazán.

"Ás veces non me recoñezo nas Comisións Obreiras", comentou Rafael Pillado cando foi preguntado polos asistentes sobre o papel actual dos sindicatos. O vello loitador explicou que estas organizacións recibiron duros golpes como a desaparición das grandes empresas públicas ou, no seu caso, a prexubilación dun gran número de traballadores de Bazán, entre os que figuraba o comité de empresa que dirixira as protestas durante o franquismo. Pero, aínda así, laiouse de non ver hoxe nos sindicatos "unha actitude de compromiso coa xente".

"No 1972 dispararon a todos, pero o resto dos días non temín pola miña vida", contestou Loureiro a unha pregunta, ao que Sari Alabau apuntou que "había mortos esporadicamente pero non pensabamos que nos ía tocar".

"Nunca me sentín soa, non me arrepinto de nada do que fixen e considérome recoñecida", dixo Fina Varela cando se preguntou se os antigos presos recibiran un recoñecemento. Pillado lembrou pola súa banda que o Congreso dos Deputados fixera hai anos unha declaración nese sentido, pero que os seus xuízos non foron anulados e só os presos de máis de sesenta anos foron indemnizados trala chegada da democracia, polo que, na súa opinión, os que pasaron pola cadea no franquismo por defender as súas ideas non tiveron unha compensación material adecuada.