Mestra, académica da Real Academia Galega, escritora, activista, veciña dos Mallos... Mercedes Queixas entra na candidatura do BNG para as vindeiras eleccións municipais, que encabezan Francisco Jorquera e Avia Veira, a cuarta será tamén unha muller.

- Pensouno moito antes de dicir que si ao número tres?

-Moitísimo, como penso todo. É unha marca do meu carácter. Educáronme como irmá maior na responsabilidade. Todo o que fago é con convicción, con ilusión e responsabilidade.

- Veñen meses de campaña, de explicar que quere facer o BNG, están xa co programa ou aínda están nun proceso previo?

-Para min non é algo novo nin alleo, non é a primeira vez que participo, forma parte da miña forma de pensar e de vivir. Podo dicir que sempre participei en política porque acredito na capacidade da política como ferramenta de pensamento, de enfrontarse á vida, de resolución de conflitos, como voz principal para o diálogo. Eu síntome activa desde hai moitos anos. Agora dou o paso porque creo que o debo dar. Eu participei na candidatura do 2015 desde unha posición moi discreta.

- E por que dá ese paso?

-Polo cabeza de lista, Francisco Jorquera, que só nos pode encher de ilusión e de confianza. Interpreto que hai que apoiar ese paso e ese esforzo que el fai. Acompáñao Avia Veira, que foi esa voz alta, contundente, coherente e consecuente do BNG a nivel municipal. Fíxoo nunhas circunstancias adversas para ela, pero foi quen de ter unha voz propia e de defender os principios nacionalistas básicos. En recoñecemento e en agradecemento, eu debía aceptar.

- E o programa?

-Estámolo elaborando, pero non pode ser unha cousa feita desde dentro, ten que ser pública e que recolla todo aquilo que se nos queira dicir. Por deformación profesional e por convicción persoal acredito na escoita activa, en recibir, reformular o propio pensamento e en actuar para dar unha resposta. Levamos catro anos nese proceso de escoita de demandas, moitas veces, tamén adiantándonos a elas. Estamos seguindo o proceso, non se inicia nada coa miña chegada, eu só me sumo a un camiño que se leva transitando moitos anos e que tivo experiencia de goberno. Nas áreas nas que eu teño traballado máis e as que poño ao dispor da formación, coido que se veu perfectamente o que significa un proxecto nacionalista e que logo nunca máis se volveu ver. Na cultura, na normalización lingüística e na mocidade houbo un antes e un despois. Infelizmente, ese traballo foi ficando no esquecemento. Seguimos traballando, que é o ADN do BNG.

- Segundo está o panorama actual e a subida de formacións de ultradereita, entra nos plans do BNG quedar fóra de María Pita ou só pensan en sumar?

-Non podemos vivir ancorados nos tempos nos que nos pasaron cousas tristes a nivel político e emocional. Temos que tecer desde o presente o que van ser os vindeiros catro, oito ou doce anos, os tempos de agora non son os de 2015. Temos que construír moitos futuros. A nosa aposta ten que estar na análise real do día a día sen perder nunca o fío de onde vimos e tamén cales son as nosas propostas de traballo, amosar as nosas ideas e poñer a producir todas esas áreas nas que temos capacidade de goberno. Nós non traballamos de cara á galería, non soñamos simplemente, sabemos que as nosas ideas se poden facer realidade. Hai exemplos contrastables como Pontevedra e Carballo, nos que se crean espazos de vida acorde ao que somos, sen importar nada que non sexa necesario.

- Se consegue entrar como concelleira, en que se vai notar?

-Eu son muller de palabra, pero tamén de acción. Algo que eu estraño e que me doe profundamente é a falta de resposta para poñer en marcha esta cidade. No ámbito cultural, somos o epicentro e fun recibindo certa desafección nos últimos anos, tamén no plano educativo. Hai moitos momentos nos que botei en falta a alegría que produce a cultura na rúa. A cultura é un dereito e toda a sociedade ten que ter garantido, desde o Concello, o seu acceso.

- Que melloraría?

-Preocúpame moitísimo que non haxa un plan de lectura ambicioso, que realmente coloque a lectura nese espazo público visible onde a sociedade se sinta motivada ou que se asociase a cultura a temas polémicos, coido que por unha praxe insuficiente. Hai citas no ano que teñen que estar na retina de toda a cidadanía, como o día de Rosalía, a feira do libro ou a festa do libro para que a literatura estea na rúa. Preocúpame que non se mime a cultura en xeral e o libro en particular. Temos catro premios nacionais, como nos permitimos o luxo de non poñelos en valor?